DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas interesadas en participar poden enviar as súas proposta ata o 30 de setembro

A Universidade premia con 500 euros os mellores traballos fin de grao e mestrado relacionados coa Axenda 2030 e a cooperación

É necesario que obtivesen unha cualificación igual ou superior a 8,5 puntos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/09/2021

Por terceiro ano consecutivo a Universidade de Vigo volverá premiar con 500 euros ou o prezo da matrícula nalgún dos seus mestrados oficiais aos mellores Traballos Fin de Grao ou Traballos Fin de Mestrado realizados polo alumnado que se distingan por ser especialmente relevantes en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social. O prazo de presentación de solicitudes, que se realiza de forma telemática, está aberto ata o 30 de setembro.

En total convócanse seis premios

En total convócanse seis premios: dous para Enxeñaría e Arquitectura; dous para Ciencias Sociais e Xurídicas; un en Ciencias e Ciencias da Saúde e, outro, en Arte e Humanidades. Para poder participar nesta convocatoria o alumnado deberá cumprir certos requisitos. O primeiro, ter superado o TFG ou TFM durante o curso 2020/2021 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual ou superior a 8,5 puntos. Nesta ocasión, debido ás circunstancias excepcionais motivadas pola covid-19, nesta admitiranse ademais as solicitudes de alumnado que superou o TFG/TFM nas convocatorias extradordinarias de setembro e decembro de 2020 e que non puido participar na convocatoria do 2019/2020, sempre e cando cumpra os restantes requisitos.

O segundo, que a temática do traballo estea relacionada coa Axenda 2030, coa cooperación ao desenvolvemento ou coa responsabilidade social corporativa. No caso da Axenda 2030, serán válidos traballos relacionados con calquera dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible; no que se refire á cooperación e ao desenvolvemento, o traballo poderá tratar temas como a cooperación financeira ou técnica, a axuda alimentaria ou humanitaria, os principios e fundamentos xurídicos, a política e a xestión, a cooperación e a muller, os dereitos humanos, as oenegués e outros actores da cooperación e a cooperación empresarial ou universitaria; por último, dentro da temática da responsabilidade social corporativa poderán tratarse temas como as políticas públicas inclusivas e para a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade no emprego público, a definición de valores públicos, a actuación responsable, o código ético e o deseño de plans de voluntariado nas organizacións públicas e privadas ou a mellora nas xestión de prevención de riscos laborais. 

Traballos galardoados na anterior edición

O curso pasado o alumnado galardoado con estes premios recibiu os seus diplomas acreditativos na entrega do II Premio Consello Social UVigo-Humana, galardóns cos que a institución académica viguesa busca recoñecer o labor desenvolto por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, e que nesa ocasión recau na asociación Provivienda e no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 

En total recibiron o galardón cinco alumnas e un alumno: polo ámbito de Arte e Humanidades, María Doira Barrio, alumna do Grao en Belas Artes, polo traballo El capital me sienta mal; en Ciencias e Ciencias da Saúde, Marta Pita, do Máster Universitario en Investigación Química e Química Industrial, polo traballo Rol de los marcadores químicos y la tecnología Blockchain en la trazabilidad de fibras sostenibles; en Ciencias Sociais e Xurídicas, Lucía Belén Rendo e Deborah Celeste Prieto, alumnas do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible,  polos traballos Aplicación de las ciencias del comportamiento a la segregación de residuos. Un estudio en el Hospital Álvaro Cunqueiro e RSEduca: El centro educativo como eje transformador para la sostenibilidad y valores en la educación. Por último, en Enxeñaría e Arquitectura, os galardóns entregaranse a Natalia Úrsula García, do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial, polo traballo La innovación en el centro de la transformación del modelo tradicional de asistencia social. Análisis de las sinergias entre la aplicación de las TIC y la creación de redes de actuación colaborativas; e Duarte López, do Grao en Enxeñaría Mecánica, por Estudio y caracterización de reductoras y limitadores de par magnéticos.