DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a crear servizos de auditoría interna nas institucións superiores deste país africano

A Universidade presenta en Marrocos os primeiros resultados do proxecto europeo AuditUM

Os seis socios marroquís asinaron un compromiso escrito que garante a posta en marcha dos obxectivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • TIC
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/03/2019

A vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, e a técnica de proxectos Eva Garea participaron esta semana en Marrocos  no primeiro seminario de difusión de resultados do proxecto AuditUM, un traballo liderado pola Universidade de Vigo dirixido a crear servizos de auditoría interna nas universidades marroquís, algo do que carecen na actualidade.

AutitUM, financiado pola Unión Europea con preto dun millón de euros, púxose en marcha en xaneiro de 2018 e prolongarase ata finais de 2020, pero nestes primeiro ano de vixencia do proxecto xa se levaron a cabo varias tarefas das que se deu conta nesta xuntanza mantida no Centro Nacional de Investigación Científica e Tecnolóxica (CNRST) do Ministerio de Educación Nacional, Formación Profesional, Educación Superior e Investigación Científica en Rabat.“Para poder chegar a crear estes servizos de control interno e auditoría, o primeiro que houbo que facer foi establecer un marco de referencia xurídico e organizativo, no que se detallan a que leis están suxeitas as actividades financeiras das universidades marroquís (contratación pública, funcionariado, pagos en administracións públicas…)”, explica Ana Fernández Vilas, investigadora de atlanTTic e coordinadora xeral deste proxecto.

Unha vez establecido ese contexto normativo xurídico, foi necesario establecer o marco organizativo. “Trátase de ter claro en cada universidade, desde o punto de vista de xestión financieira, cantos roles hai. Falo, por exemplo, de definir cantos niveles se definen, se hai un xefe de servizo, unhas áreas…”, recalca a coordinadora. Feitos estes dous primeiros pasos, o terceiro nivel foi definir os procedementos, o conxunto de pasos que hai que dar para cada unha das accións financeiras que se produzan na universidade.

Europa financia o asesoramento e o equipamento e Marrocos as instalacións e os recursos humanos

No marco desta xuntanza, os vicerreitores das universidades marroquís socias do proxecto -Abdelmalek Essadi, Moulay Ismail, Ibn Tofail, Mohammed V Rabat e Privée de Marrakech-asinaron, en representación das súas institucións, un compromiso escrito para a posta en marcha dun servizo de control e auditoría interna, o que representa o obxectivo final do proxecto e o seu cumprimento real. Así, a coordinadora explica que, “unha cousa é querer crear o servizo de auditoría interna e que a Unión Europea o dote do equipamento necesario e, outra moi distinta, é que logo exista o compromiso de crealos. É dicir, por moito que nós lle deamos o manual e o equipamento, se a universidade non pón unhas instalacións e as dota de recursos humanos, o diñeiro destinado a este proxecto teríase perdido, por iso é tan importante a sinatura deste compromiso”, recalca Fernández Vilas, insistindo así en que se ben as capacidades europeas transferidas en este proxecto na materia de control e auditoría, así como o deseño do sistema de información que dea soporte ao servizo son importantes, a firma deste compromiso garante a dotación de persoal e a durabilidade dos servizos máis aló da supervivencia do proxecto.

A idea é exportar este traballo ao resto de universidades marroquís

Na actualidade cada institución de ensino superior marroquí ten a súa propia forma de xestión contable “que é supervisada polo ministerio, que é o que exerce de control interno de forma centralizada”, subliña a docente viguesa, ao que engade que isto é “precisamente” o que se quere cambiar. “Deste xeito dótase de máis autonomía ás universidades, de forma que o ministerio non teña que facer o control diario de todos os pagos, contratacións e resto de xestións financeiras dunha universidade”, recalca a coordinadora dun proxecto no que tamén participan a Autónoma de Madrid, Université d’Aix-Marseille (Francia), Lodz University of Technology (Polonia), Instituto Superior de Engenharia do Porto (Portugal) e Erasmus University College Brussels (Bélxica).

Se ben a pretensión do proxecto é crear un servizo de control interno en cada unha das universidades do consorcio, a idea é exportar este traballo ao resto de universidades marroquís.