DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Egresados de dez titulacións festexarán o remate dos seus estudos a través de actos en vídeo 

A Universidade promove a celebración de graduacións virtuais

Outras promocións optaron por adiar estes eventos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 03/07/2020

Nestas últimas semanas de curso, adoitaban sucederse nos tres campus unha serie de actos de graduación nos que os novos titulados e tituladas festexaban cos seus profesores e profesoras e coas súas familias o remate dos seus estudos. A crise sanitaria provocada pola covid-19 impide neste 2020 o desenvolvemento destes actos nos campus, mais isto non significa que non vaia haber espazo para a celebración, xa que, como alternativa, a Universidade promove unha serie de actos de graduación virtuais en vídeo, que se emitirán a través de UVigo-TV. Dez graos de cinco facultades e escolas decidiron sumarse a esta iniciativa impulsada desde as vicerreitorías de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e Comunicación e Relacións Institucionais.

“Os actos de graduación son sempre unha data moi especial para a comunidade universitaria e este ano, a pesares da situación de excepcionalidade provocada pola covid-19, as nosas novas promocións merecen tamén celebralos”, salienta Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Trátase, como explica, de actos en vídeo que, seguindo todos un mesmo formato, estanse a preparar nesta semanas e comezarán a emitirse cara finais de xullo, contando todos eles cunha data de “estrea”, da que se informará aos novos titulados e tituladas para que poidan seguilos.

Dez titulacións de Vigo e Pontevedra

Trátase, como sinala Caparrini, dunha alternativa que se abriu só as titulacións de grao, xa que, engade, de incluír tamén aos mestrados, sería “inabordable”, e á que se acolleron dez titulacións de cinco centros. Concretamente, celebrarán actos virtuais os graos en Administración e Dirección de Empresas e en Economía e o programa conxunto (PCEO) en Administración e Dirección de Empresas e Dereito, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Tamén do campus vigués, contarán con este acto virtual o grao en Comercio da EU de Estudos Empresariais e os graos en  Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Así mesmo, esta iniciativa levarase a cabo no grao en Belas Artes e nas tres titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés, Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Máis aló desta proposta, explica Caparrini, “algúns centros optaron por facer os seus propios actos de graduación virtuais co seu proio esquema e organización” como foi o caso do máster en Enxeñaría de Minas, que o pasado 18 de xuño organizou un acto a través do Campus Remoto. Outras facultades e escolas, explica, “consultaron aos seus estudantes e estes decidiron agardar e facelo de forma presencial cando se poida, aínda que sexa a partires de setembro” xa que, subliña, neste final do curso 2019/2020 non se levará a cabo ningún acto presencial.

Discursos e música

Os actos, explica Caparrini, estarán conformados por unha intervención do reitor, Manuel Reigosa, unhas verbas do decano, decana, director ou directora do centro e as intervencións tamén da madriña ou padriño da promoción e dun representante do alumnado. Estes pequenos discursos iranse intercalando, engade, con pezas musicais e coa proxección da orla cos novos egresados e egresadas.