DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se adiantou este martes tras unha xuntanza entre os reitores e o conselleiro de Educación

A Universidade recibirá da Xunta 3,16 millóns de euros adicionais para innovación e dixitalización

Entre outras cousas, dedicaranse a impulsar a captación ‘en remoto’ de alumnado internacional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
DUVI 19/01/2021

A Universidade de Vigo recibirá da Xunta de Galicia 3,16 millóns de euros adicionais que se incorporan aos orzamentos de 2021 e que suporán un importante impulso á innovación e dixitalización tanto das súas infraestruturas como dos seus servizos de cara aos vindeiros anos. O anuncio produciuse tras unha xuntanza mantida este martes entre os tres reitores das universidades galegas –Julio Abalde, da Universidade da Coruña; Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo- e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

O conxunto de accións previstas cínguense aos ámbitos específicos da innovación e a dixitalización, o que suporá un forte impulso da modernización universitaria en Galicia. En total repartiranse entre os sete campus do Sistema Universitario Galego  10 millóns de euros, establecéndose o reparto en base ao peso dos créditos auditados para cada unha das universidades no período 2019-21, correspondéndolle á Universidade de Vigo un 31,6% do total dos créditos, 3,16 millóns de euros que serán destinados a seguir mellorando o sistema de administración electrónica integral da Universidade, á renovación tecnolóxica de infraestruturas e a internacionalización dixital, impulsando a captación en remoto de alumnado estranxeiro.

As accións a levar a cabo concretaranse nun convenio 

As accións concretas a levar a cabo por cada unha das universidades con cargo a este fondo quedarán plasmadas de xeito pormenorizado nun convenio de colaboración entre as partes que se materializará proximamente, se ben, cada unha das  universidade xa adiantou as temáticas cara as que dirixirá estes orzamentos. Se no caso da Universidade de Vigo se vai facer unha forte aposta pola internacionalización dixital, a Universidade de Santiago de Compostela centrará o investimento na adecuación das infraestruturas aos cambios dixitais, o que abrangue a nova Facultade de Medicina e a licitación do proxecto básico do edificio de Ciencias da Saúde. Así mesmo, daralle un impulso á administración electrónica mediante a dixitalización de expedientes administrativos. 

No caso da Universidade da Coruña centrará as súas melloras na área de dixitalización (sistemas de videoconferencia, accesos remotos, ciberseguridade) potenciando a conectividade e compatibilizando a docencia presencial e non presencial; a renovación tecnolóxica dos servizos centrais e o equipamento informático dos centros docentes e a potenciación da administración electrónica. Así mesmo, entre as súas propostas está a de incidir na formación do persoal en competencias dixitais e recursos electrónicos.