DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A traxectoria do homenaxeado no Día das Letras Galegas centrou o acto virtual da institución

A Universidade reclama “mil primaveras máis para o galego” pondo en valor o compromiso de Carvalho Calero

Coas intervencións de María Victoria Carballo-Calero, Camiño Noia, Aurora Marco e Pilar García Negro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 15/05/2020

A situación xerada pola expansión da COVID-19 fixo que o acto co que a Universidade de Vigo conmemora cada ano o Día das Letras Galegas fose neste 2020 algo diferente. A través do Campus Remoto, desenvolveuse este venres un acto virtual que tivo como eixo central reflexionar sobre a figura do filólogo e escritor homenaxeado no presente ano, Ricardo Carvalho Calero, a través das verbas da súa filla, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, da profesora emérita da institución viguesa Camiño Noia, da ex-deputada e ex-profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro e da catedrática De Didáctica da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco. A través das súas intervencións neste acto, retransmitido en directo a través de UVigoTV, púxose en valor a traxectoria e a produción científica e literaria “dun dos persoeiros máis importantes da cultura galega, da nosa lingua e da nosa literatura”, como salientou o reitor, Manuel Reigosa, que despediu o acto desexando “mil primaveras máis para o galego”.

Xunto á mesa de debate, moderada polo director da Área de Normalización Linguïstica, Fernando Ramallo, e centrada, como destacou, nesta figura “poliédrica e así mesmo coherente e consistente cos seus principios e valores”, o acto conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, completouse coa presentación da nova colección e da nova imaxe do Servizo de Publicacións da Universidade. Así mesmo, esta conmemoración virtual do Día das Letras Galegas contou coa actuación musical do acordeonista David Álvarez Caneda e a fagotista Zeltia Augusta Pino, estudantes ambos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Dignificar o idioma e a cultura dun país

O primeiro achegamento á figura de Carvalho Calero chegou a través das verbas de María Victoria Carballo-Calero, que destacou a entrega de seu pai, ao longo de toda a súa vida “á construción e elevación da cultura” en Galicia, así como “o seu rigor e honestidade no tratamento da lingua e da literatura galegas”. Nunha intervención en vídeo, expresou o seu desexo de que o recoñecemento que supón Día das Letras Galegas sirva en primeiro termo para que se coñeza e se lea a obra de seu pai, “enorme en extensión, ademais de moi variada”, xa que comprende poesía, teatro, narrativa e tamén a súa produción científica dedicada a lingua e literatura; unha obra, engadiu, xerada co propósito de que “dignificase a cultura galega e, sobre todo, a Galicia como país”.

As lembranzas de Camiño Noia e Pilar García Negro da súa etapa como alumnas do que fora catedrático da USC abriron a continuación un coloquio sobre o autor ferrolán. “Nas súas aulas podíamos captar a necesaria elevación que esta lingua merecía a través da escrita literaria e do seu uso académico”, salientou a ex-docente da UDC, editora do libro Ricardo Carvalho Calero: A ciencia ao servizo da nación. García Negro afondou tanto na produción artística como científica do escritor e incidiu na necesidade de reeditar a súa obra que, en boa medida, viu a luz en dúas editoriais que xa non existen. Tanto a ex-docente da UDC como Camiño Noia detivéronse en dúas “obras fundamentais” de Carvalho Calero,  como a súa Gramática elemental do galego, editada por primeira vez en 1966, e a súa Historia da literatura galega contemporánea, “unha obra magnífica”, como salientou Noia, que reclamou a súa reedición. A profesora emérita reivindicou a Carvalho Calero como un “galeguista íntegro e rigoroso”, como un home que “achegou moitísimo a cultura galega” e que se definía así mesmo como un “náufrago solitario”.

Esta reflexión completouse coas impresións recollidas en vídeo de Aurora Marco, autora de Foula e ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1910-1941), no que aborda o papel do autor homenaxeado como poeta, dirixente estudantil e como un dos fundadores do Partido Galeguista. A etapa anterior á Guerra Civil, na que combateu no bando republicano e trala que acabaría na cadea, “foi determinante na súa traxectoria”. A docente da USC sinalou tamén ao ferrolán como unha figura "coherente de principio a fin", abrindo un debate sobre a súa defensa do reintegracionismo dos últimos anos, que, pola contra, Noia atribuíu a “un problema de emocións cando se sentiu desprazado”. 

Potenciar o galego na mocidade e nas aulas

No peche dun acto, o reitor trasladou a súa preocupación polo feito de que, nun momento no que a mocidade “ten un coñecemento do idioma galego que non se pode comparar co das xeracións precedentes”, o seu uso estea “a esmorecer” entre as novas xeracións. Fronte a iso, incidiu no papel que as “novas xeracións de creadores” poden xogar á hora de “atraer novos falantes”, á vez que resaltou o compromiso coa lingua da institución académica. Nese senso, lembrou que no presente curso “podemos subliñar con orgullo que temos xa tres titulacións que se imparten na práctica totalidade en galego”, máis aló dos graos nos que o propio idioma é obxecto de estudo. Reigosa destacou tamén a aposta “polo fortalecemento dos estudos de galego na nosa Facultade de Filoloxía e Tradución”, na que, engadiu, “esperemos que ao longo deste ano teñamos unha nova titulación na cal quede aínda máis claro que na Universidade de Vigo se pode estudar filoloxía galega”.Así mesmo, anunciou tamén o propósito do equipo de goberno de “buscar incentivos e dalgún xeito un recoñecemento para que máis e máis docentes utilicen o galego nas nosas aulas”, unha idea que, engadiu, pendente de abordar nas mesas de negociación.

Novos contidos e nova faciana para o Servizo de Publicacións

Nunha edición na que, a situación xerada pola COVID-19, impediu a habitual entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade, o acto completouse coa presentación de diferentes novidades no Servizo de Publicacións da Universidade, da man do seu director, Jorge Luis Bueno, e da vicerreitora Mónica Valderrama. Por unha banda, a súa nova colección Esenciais, unha “aposta pola divulgación en galego”, na que se agruparán unha serie de “libros de pequeno formato", nos que expertos e expertas da Universidade proporán “concisas introducións a aspectos de diferentes ámbitos do coñecemento”, como explicou Bueno. Pola súa banda, Valderrama presentou os traballos, realizados desde a Área de Imaxe para “modernizar e actualizar a imaxe das publicacións da UVigo” e unificar o seu estilo gráfico a través da creación dun manual de estilo, así como a creación dun “código de cor” para distinguir as seis liñas de publicacións dun servizo que, desde a súa creación en 1993, ten editado máis de 300 títulos.