DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega dos Premios Complementarios aos Premios de Excelencia Académica a 256 estudantes

A Universidade recoñece o "talento e esforzo" do seu alumnado de grao, mestrado e doutoramento

Un total de 256 estudantes reciben como agasallo un ordenador portátil

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 10/12/2021

O esforzo, as horas, a dedicación, o talento e a constancia son características que teñen en común os 256 estudantes dos tres campus da Universidade de Vigo que este venres recibiron un recoñecemento por parte da institución. O reitor, Manuel Reigosa e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, foron os encargados de entregar os Premios Complementarios aos Premios de Excelencia Académica, unha convocatoria que ten como obxectivo dotar o alumnado con aproveitamento académico excelente dos medios informáticos axeitados para a realización dos seus estudos. 

Así, correspóndelles un ordenador portátil aos 60 mellores expedientes académicos que iniciaron os estudos de grao neste curso 2021-2022; aos 15 mellores que iniciaron neste mesmo curso os estudos de mestrado e a outros 42 estudantes destacados que acaban de comezar a cursar un doutoramento. Xunto con eles, recibiron tamén o portátil outros 139 estudantes que foron galardoados pola Xunta de Galicia cos Premios de Excelencia Académica de Grao no curso 2019-2020, que se outorgan aos mellores expedientes de cada curso en cada grao.

Talento para o futuro do país

No acto desta mañá, que tivo lugar no paraninfo do edificio Ernestina Otero, participaron arredor da metade dos estudantes galardoados nesta convocatoria. O reitor explicoulles que, con este acto, a institución pretende “celebrar que hai no país as dúas cousas que precisamos para encarar un futuro mellor, que son talento e esforzo en partes iguais”. Reigosa animounos a seguir traballando na mesma senda da excelencia, “para que o talento poida agromar cada vez máis, xa que é un recurso importantísimo do país e da Universidade”. Neste sentido, destacou a UVigo do futuro “vai precisar dunha renovación, vai a necesitar que, co esforzo máximo das persoas máis talentosas, poidamos ser competitivos e, dado que estades nun momento incipiente da vosa carreira, quero animarvos a que sigades esforzándovos”. Finalizou o reitor trasladándolles o seu agradecemento  e o da institución “por ternos elixido” e os parabéns por acadar cotas altas de rendemento académico.