DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura este venres dun convenio marco entre as dúas institucións

A Universidade reforza a súa colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense

Actualmente participan no proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 04/06/2021

A Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) asinaron este venres un novo convenio marco de colaboración entre as dúas institucións co propósito de realizar conxuntamente actividades e proxectos en eidos de interese común, como o emprendemento e a economía circular. Como mostra dos froitos que dá a sinerxía entre o mundo académico e empresarial, tras a sinatura do convenio presentouse o proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!, no que participan as dúas entidades e que está liderado desde a UVigo polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen).

O acto de sinatura celebrouse na sede da CEO e contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, e Elena Rivo, profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo coordinadora do proxecto Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!. Ademais, asistiron membros da institución académica, como Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da UVigo; os vicerreitores Manolo Ramos, José Luis Míguez e Esther de Blas, e as decanas Susana Reboreda e Montserrat Cruz, ademais de membros da directiva da CEO.

Tras a sinatura, Manuel Reigosa agradeceu a vontade de colaboración amosada pola Confederación Empresarial de Ourense e recalcou que “para nós, como institución, é absolutamente prioritario involucrarnos no desenvolvemento das comunidades das cales formamos parte, que son as provincias de Ourense e Pontevedra”. O reitor fixo fincapé en que con iniciativas coma este convenio “queremos pór a disposición do empresariado, a disposición da sociedade no seu conxunto, todas as nosas capacidades, que non son poucas” e favorecer que a sociedade sexa máis próspera e que a cidadanía teña maior benestar. Pola súa banda, Marisol Nóvoa, sinalou que esta colaboración permite unir “o potencial e os recursos das dúas entidades” para realizar “accións en beneficio de Ourense, da súa xente, a súa economía, as súas empresas e o seu futuro”. “A nosa experiencia dinos que enlazar a contorna empresarial e a universitaria non trae máis que resultados positivos e vantaxosos para todos e Ourense necesita máis que nunca pór en marcha as sinerxías que as entidades podemos establecer de maneira conxunta para lograr estes avances”, afirmou.

Diversidade de actuacións

O convenio, de dous anos de duración, recolle o interese das dúas institucións en colaborar para o desenvolvemento de proxectos de innovación e de transferencia do coñecemento; o intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos innovadores e/ou sociais; a organización e realización de actividades de divulgación (cursos, conferencias, simposios ou seminarios) e o apoio a alumnado e persoal investigador. Tamén abrangue actuacións para promover o autoemprego e o espírito empresarial, especialmente entre os máis novos, e que promovan a empregabilidade entre a xuventude, mediante actuacións ou colaboracións conxuntas en programas públicos ou privados e a promoción das prácticas en empresas, programas de formación e orientación profesional para o emprego.

Tamén se inclúe no texto asinado o compromiso de fomentar iniciativas para promover a economía circular, especialmente no relativo á innovación e ao emprendemento, incluíndo a participación en proxectos conxuntos de ámbito estatal e internacional e tendo como territorio prioritario a Eurorrexión. Así, ambas partes amosan o seu interese en deseñar xornadas e reunións empresariais intersectoriais para o fomento do coñecemento da economía circular e os novos modelos de negocio, co obxectivo de conseguir unha colaboración na posta en marcha de iniciativas medio ambientais e de rexeneración industrial en Ourense. Por último, a esta listaxe de posibles liñas de actuación engádese o fomento do proceso de internacionalización de empresas de economía social.

Colaboración no proxecto Women Entrepreneurs in Action

Elena Rivo foi a encargada de presentar o proxecto Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción) e os seus avances. Nel participan catro socios europeos de Francia, Alemaña, Bélxica e España, sendo Elena Rivo a investigadora principal do proxecto no eido estatal e responsable de varias actividades. A iniciativa comezou en setembro de 2019 e finalizará en agosto de 2022 e conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus + para a educación e a formación profesional. As prioridades do proxecto, lembrou a súa responsable, son animar ás mulleres á creación de empresas e a desenvolver as competencias do emprendemento. “Trátase de fomentar o emprendemento desde unha perspectiva feminina. As mulleres somos máis da metade da poboación e porén en cifras de emprendemento non acadamos en Europa máis que unha cifra próxima ao 30%”, afirmou.

Durante a súa intervención, Elena Rivo explicou as iniciativas desenvolvidas ou que se desenvolverán no marco deste proxecto desde Ourense tanto pola UVigo como pola CEO, entre as que se inclúen un programa de formación sobre emprendemento, tutoriais formativos baseados no co-desenvolvemento profesional ou un taller de creación dun negocio propio. Entre estas accións destacouse o lanzamento do cómic Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento. Na publicación, catro mulleres decididas a pór en marcha os seus propios proxectos empresariais inician na Ribeira Sacra unha viaxe que as levará a percorrer os camiños do emprendemento e diferentes países da Unión Europea. Igualmente, presentouse un vídeo realizado con exemplos de éxito de mulleres emprendedoras dos países participantes, entre elas unha ourensá.

Sobre a relevancia desta iniciativa, Manuel Reigosa puxo en valor como este proxecto tamén amosa “o absoluto compromiso” que ten a Universidade de Vigo co traballo a prol da igualdade de xénero e amosou a importancia de que empresas e universidades colaboren no camiño cara a súa consecución, tal e como neste caso acontece coa UVigo e a CEO.