DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun libro do Servizo de Publicacións que fai balance das tres edicións do ciclo ‘6 días, 6 poetas’

A Universidade reúne nun volume 18 nomes de referencia da poesía española

Cada autor achega unha escolma de textos, nalgúns casos inéditos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/10/2021

Dous autores que foron recoñecidos co Premio Nacional de Poesía, Ángeles Mora e Luis Alberto de Cuenca; os gañadores do Premio da Crítica Eloy Sánchez Rosillo, Miguel d´Ors, Andrés Trapiello e Javier Salvago e outra serie de poetas e poetisas de diferentes procedencias e xeracións reúnen os seus versos no libro 6 días, 6 poetas. Antología para el recuerdo. Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo, este volume fai balance das tres edicións do ciclo que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra desenvolveu entre 2018 e 2020, reunindo unha escolma de poemas de cada un dos 18 autores e autoras participantes, escollidos polos propios poetas.

Coordinado polo que fora nesta etapa director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho, este libro reúne unha decena de poemas de cada un dos participantes nas tres edicións do ciclo 6 días, 6 poetas, incluíndo nalgúns casos, como os de Itziar Mínguez, Juan Ramón Barat e Javier Almuzara, textos inéditos. O libro que, como sinalou Morquecho, busca “dalgunha forma recoller para o recordo a historia das nosas semanas da poesía” foi presentado na tarde deste mércores na sede da Vicerreitoría, nun acto no que participaron o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o director do Servizo de Publicacións, Jorge Luis Bueno, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración, Eulalia Agrelo.

Balance de tres semanas da poesía

Na súa intervención, Morquecho salientou “a implicación e o labor desinteresado” que prestaron a esta iniciativa o poeta e profesor Miguel d´Ors, que se encargou de sumar a este proxecto “figuras do máximo nivel poético”, e a profesora de lingua e literatura do IES Valle-Inclán Fátima Cobas. Como salienta no prólogo, estas “semanas da poesía” naceron co propósito de “crear afección, atraendo lectores cara este xénero minoritario”, a través dunha serie de encontros na Vicerreitoría, nos que se combinaba o recitado de poemas cun coloquio co público. Para esta selección de convidados, lembra Morquecho no prólogo, buscouse por unha banda “elixir poetas cuxa obra, máis aló da súa maior resonancia mediática, tivese un alto nivel de calidade e á vez fose accesible para un público non especializado” e, por outra, que houbese unha representación de poetas e poetisas “de distintas procedencias xeográficas, de xeracións diferentes e, dentro sempre dun alto grao de excelencia, de tendencias estéticas diversas”. 

Despois de que edición de 2020, celebrada pouco antes da declaración do Estado de Alarma, “estivese e piques de sufrir as consecuencias da pandemia”, a situación provocada pola covid-19 “impedía absolutamente a continuidade do proxecto” neste 2021, lembrou Morquecho. Así, este “parón forzoso” converteuse nun motivo engadido para dar forma a esta publicación que, lembra, xurdiu “da idea e do empeño” de Jorge Luis Bueno, quen participara no ciclo en 2018 presentando a Amalia Bautista. Neste punto, o coordinador do libro pon de relevo a “gran xenerosidade e altruísmo con esta aventura” dos 18 poetas que participaron no ciclo, xa que todos responderon afirmativamente á proposta, achegando a súa selección de poemas, “xunto cunhas palabras de recordo” do seu paso por Pontevedra.

18 autores, preto de 200 poemas

Cada autor e autora foi convidado a achegar unha escolma de dez poemas, “mesmo algún máis nalgún caso”, sen ningunha outra indicación. Isto permitiu que algúns realizasen un percorrido pola súa traxectoria poética, outros se centrasen nas súas obras máis recentes e que algúns mesmo achegasen textos non publicados previamente. En moitos dos casos, lembra Morquecho, a publicación recolle versos que no seu día foran recitados no propio ciclo. Con ese obxectivo de que achegar “certa continuidade física” ás xornadas, a publicación segue a mesma orde das intervencións nas tres súas tres edicións.

Deste xeito, o volume ábrese cos versos da cordobesa Ángeles Mora, Premio Nacional de Poesía e Premio da Crítica, seguida polo murciano Eloy Sánchez Rosillo, tamén Premio Nacional da Crítica, en 2005. A continuación, preséntanse os versos dos tamén participantes na primeira edición Pedro Sevilla, Miguel d´Ors, José Cereijo e Amalia Bautista. Nun segundo bloque, recóllense os poemas dos e ás participantes na edición de 2019, que abriu o poeta, novelista e ensaísta Andrés Trapiello. Xunto el, tamén interviron Susana Benet, unha das principais autoras de haikus en lingua española, a andaluza Pilar Pardo, o leonés Antonio Manilla, o que fora finalista do Premio Nacional de Literatura Gabriel Insausti e o poeta e xornalista asturiano Javier Almuzara. 

O elenco de autores complétase cos participantes na terceira edición do ciclo, que tivo lugar entre o 2 e o 7 de marzo de 2020 e que inaugurou o filólogo, tradutor, ensaísta, crítico e poeta Luis Alberto de Cuenca, Premio Nacional de Poesía en 2015 e Premio da Crítica dúas décadas antes. A docente e escritora sevillana Rocío Arana, José Mateos, Itziar Minguez, o valenciano Juan Ramón Barat e Javier Salvago completan a lista de autores reunidos neste volume.