DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves visitou a cidade unha nova delegación de reitores do Brasil

A Universidade suma novos parceiros na súa alianza coa rede brasileira de institutos federais

En total asináronse xa preto de 30 convenios, o último con Farroupilha

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/05/2018

Vigo foi, hai apenas uns meses, a primeira universidade europea en asinar un acordo de colaboración con Conif, a principal rede educativa, científica e tecnolóxica de institutos federais do Brasil e na que estudan arredor dun millón de alumnas e alumnos procedentes de todo o país. A relación iniciárase xa no ano 2014 e, dende entón, as xuntanzas de traballo a un e outro lado do Atlántico foron frecuentes. O último destes encontros  tivo lugar este mesmo xoves na antiga reitoría da rúa Oporto e nel o reitor en funcións, Salustiano Mato, tivo a oportunidade de seguir ampliando os acordos de colaboración, asinando un novo convenio, neste caso co Instituto Federal de Educación, Ciencia e Tecnoloxía de Farroupilha, representado na reunión pola reitora Carla Comerlato Jardim.

Con este novo convenio a cifra de acordos asinados con institutos federais brasileiros sitúase xa próxima a trintena –en total hai 45- e a idea sería, segundo as palabras do reitor en funcións, seguir ampliando esta rede de parceiros estratéxicos. “Xa estamos a facer traballos específicos con varias desas universidades politécnicas e hoxe, aproveitando a visita dunha delegación do Conif, asinamos este novo acordo”, explicou Mato, ao tempo que recalcou a importancia desta rede no eido da colaboración internacional. “Estes institutos politécnicos teñen unha característica única que para nós ten unha grande importancia e que se refire ao seu labor social, no senso de que combinan os estudos de alfabetización, coa formación profesional e cos graos e mestrados universitarios”, apuntou o reitor en funcións, ao que engadiu que “é algo que está tamén no ADN da Universidade de Vigo e que se refire a traballar como axentes de desenvolvemento social”.

Redes que fan viable o ‘Erasmus iberoamericano’

Xunto cos representantes de Farroupilha, encabezados pola súa reitora, participaron nesta xuntanza de traballo representantes doutras dez institucións coas que xa se asinaran acordos, entre elas, Ceará, Paraná, Río Grande do Norte, Fluminense, São Paulo e Sergipe. “Para nós é tremendamente importante fortalecer a mobilidade académica coa Universidade de Vigo e tamén iniciar o camiño para poder realizar proxectos conxuntos, tanto educativos como de investigación”, salientou a reitora de Farroupilha, Carla Comerlato Jardim, que se referiu á institución académica viguesa como “toda unha referencia en diversas áreas, sobre todo as relacionadas coas tecnoloxías, que son o noso punto forte e, polo tanto, o noso principal interese”.


Pola súa banda o reitor vigués recalcou o feito de que neste momento o traballo que se está a realizar dende a Universidade está abrindo moitas portas e “o importante é aproveitar isto para o futuro de cara a seguir incrementando a mobilidade de estudantes”, expuxo Mato, quen aclarou que toda esta colaboración se vai traducir non só nese intercambio de alumnas e alumnos –brasileiros que viñan aquí para realizar os seus graos ou mestrados, galegos que poderían realizar alí os seus proxectos fin de grao ou máster...-, senón tamén en proxectos de investigación conxuntos en eidos como a enerxía ou as telecomunicacións. “Se isto segue adiante poderemos construír unha realidade que poida semellarse, no espazo iberoamericano, ao erasmus europeo”, recalcou Mato, ao tempo que informou que ao longo da xuntanza de hoxe xa se puxo sobre a mesa a posibilidade de pór en marcha algunha dobre titulación internacional, “algo que xa logramos no campus de Pontevedra e que agora podería ampliarse con algún destes institutos politécnicos”.

Terceira visita a Vigo de reitores brasileiros en apenas dous anos

Tras os primeiros contactos establecidos no 2014, a primeira visita dunha delegación de representantes de Conif a Vigo tivo lugar en 2016 e nela participaron reitores de seis destes institutos federais acompañados por representantes do Ministerio de Educación de Brasil e do Consello de Reitores. O ano seguinte, e co obxectivo de establecer sinerxías, en especial no eido do doutoramento, as e os representantes de nove institutos federais brasileiros regresaron a Vigo, onde tamén tiveron ocasión de coñecer os proxectos de especialización do campus vigués, así como os dos campus de Pontevedra e Ourense.

Este mesmo ano –a finais de febreiro- foi o reitor, Salustiano Mato, quen en Brasilia, asinou un memorando que contempla accións nos ámbitos educativo, científico e tecnolóxico, entre a institución académica viguesa e o Conselho Nacional das Instituições da Rede Federal de Educação Profissional, Científica e Tecnológica, Conif, así como convenios específicos cunha vintena de institutos federais, co obxectivo de facilitar e intensificar a cooperación para o desenvolvemento de proxectos e actividades de I+D, así como accións de distinta natureza. “O obxectivo do convenio é establecer un marco de relación para colaborar entre a Universidade de Vigo e toda a rede. Especificamente, logo, en función das distintas temáticas e dos distintos campos de especialización da nosa institución, asinei 25 convenios específicos cos reitores dos institutos federais co obxectivo fundamental da internacionalización, sobre todo na parte académica, para abrir vías que a cada instituto lle interesen e para captar alumnos de mestrado e de doutoramento”, explicaba nalquel intre o reitor vigués.