DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Fundación Princesa de Girona

A Universidade súmase ao programa 'Rescatadores de Talento' de fomento da empregabilidade

O acordo foi asinado polo reitor, Manuel Reigosa, e directora xeral da FPdGi, Mònica Margarit

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 09/11/2020

A Universidade de Vigo acaba de sumarse ao programa Rescatadores de Talento, unha iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona que promove a empregabilidade das mozas e mozos de entre 20 e 30 anos con formación universitaria ou de Formación Profesional organizando diferentes actividades que os axudan a prepararse e a potenciar as súas competencias para acceder a un emprego axeitado á súa formación.

Este convenio de colaboración acaba de ser asinado polo reitor, Manuel J. Reigosa, e a directora xeral da Fundación Princesa de Girona, Mònica Margarit. O acordo contempla que a Universidade de Vigo participe na difusión do programa e, ademais, acórdase tamén a organización e realización de diversas actuacións complementarias como a celebración de encontros con outros mozos ou mentores e a realización de diferentes obradoiros dirixidos, sobre todo, a aqueles estudantes que están na recta final dos seus estudos. Pola súa banda, a FPdGi visibilizará á UVigo como entidade colaboradora de Rescatadores de Talento, sumando así un novo aliado en Galicia –xa viñan mantendo colaboración coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela- para acompañar a mocidade no tránsito da vida académica á laboral.

Aberto a egresados/as nos últimos cinco anos e universitarios co 50% dos créditos

Con este programa a Fundación Princesa de Girona busca "cubrir a brecha" que existe entre a universidade ou a FP e a demanda actual das empresas, con recursos enfocados ao autocoñecemento, a orientación profesional, a formación especializada e o coñecemento das empresas e as súas metodoloxías. Ata o de agora podían acceder ao programa só mozos e mozas que remataran os seus estudos nos últimos cinco anos ou que estaban a facer o último curso pero agora abriuse tamén a universitarios que teñan aprobados o 50% dos seus créditos e reforza os seus vínculos coa FP, ampliando as accións de orientación para as súas saídas profesionais.

Con motivo da crise sanitaria e social xerada pola pandemia, o programa abriu este ano novas xanelas de formación e contacto, entre outras, a través de Centros de desenvolvemento en liña, con profesionais en activo e de alto nivel, especialmente deseñados para dar novas ferramentas para o crecemento profesional fronte a un contexto económico e laboral máis precarizado e vulnerable e potenciouse a mentorización en liña que o programa xa viña realizando.