DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas vindeiras semanas arrancarán as probas PCR mediante pooling a todo o persoal

A Universidade de Vigo aposta pola prevención temperá fronte á covid-19

Os 200 test de control semanal poderán concentrarse nun único centro en función das necesidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/09/2020

Desde a Universidade de Vigo farase este curso todo o necesario para evitar que as súas escolas e facultades sexan un foco de contaxio e expansión da covid-19: probas PCR para o persoal e alumnado, ampliación de aulas, creación de novos espazos para a docencia, instalacións de códigos QR á entrada das clases... Así o explicaron este martes o reitor Manuel Reigosa e os vicerreitores de Planificación e Sostenibilidade, José Luis Míguez, e de Investigación, Belén Rubio, nunha rolda de prensa na que deron conta dalgunhas das accións que se van levar a cabo nun curso, “extraordinario”, que arrancará oficialmente o vindeiro luns día 21 pero para o que se levan meses traballando.

Tal e como xa se adiantara a pasada semana, a Universidade de Vigo realizará nas vindeiras semanas probas PCR mediante saliva a todo o seu persoal. Serán arredor de 3000 persoas as que se someterán a estes test, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado, etc.). Se ben estaba previsto que esta semana se contara xa co material necesario para arrancar as probas o vindeiro luns, finalmente un retraso na entrega do material adiará uns días o arranque dos test.

Con respecto ás 200 PCR aleatorias de control semanal que está previsto manter ao longo de todo o curso e que se realizarán preferentemente ao alumnado, o vicerreitor de Planificación insistiu en que serán probas “moi flexibles” que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento.  “Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro”, subliñou Míguez, que fixo fincapé en que en todo momento se seguirán as recomendacións das correspondentes autoridades sanitarias.

“A idea fundamental é facer unha especie de foto fixa de como se atopa a Universidade nada máis arrancar o curso e, a partires de aí, facer un seguimento ao longo de todo o curso coa realización desas 200 PCR semanais”, subliñou o reitor.

“Pórse as pilas” e adiantarse, no posible, ao virus

Manuel Reigosa lembrou como o curso pasado a Universidade de Vigo, ao igual ca o resto de universidades españolas, tivo que “pórse as pilas” para levar a cabo toda unha serie de medidas para as que, en principio, non se estaba preparado, pero que  resultaron de grande utilidade e foron en moitos casos pioneiras . Neste sentido o reitor tamén fixo fincapé en que a pesares de todo o acontecido coa covid, a institución académica viguesa está a acadar este curso uns excelentes resultados de matrícula, o que, ao seu xuízo, quere dicir que a cidadanía foi quen de percibir a preocupación da institución, tanto polos temas de seguridade, “algo prioritario nestes momentos”, como por garantir unha docencia de calidade. “É importante que sexamos quen de formar aos nosos alumnos coas mesmas competencias que terían nun curso normal”, subliñou Reigosa, quen fixo fincapé en que o curso pasado as cousas fixéronse sobre a marcha, con moito esforzo por parte de todo o mundo, gabando o esforzo levado a cabo por todo o PDI, o PAS e o alumnado, “un esforzo común que permitiu rematar o curso con éxito”.

Todo listo para adaptarse aos diferentes escenarios

Os tres participantes na rolda de prensa insistiron en que se ben o curso arranca nunha evidente situación de incerteza, na Universidade de Vigo está todo listo para adaptarse aos diferentes escenarios que poidan ir xurdindo.  “Canto menos teñamos que estar na casa e máis na aula moito mellor”, insistiu Reigosa, pero, en previsión do que poida pasar, o reitor explicou que a Universidade puxo en marcha toda unha serie de medidas, a maiores da realización dos test PCR, que inclúen desde facer obras para dotar aos centros de novos espazos docentes, ata ampliación de aulas para que poidan cumprirse as distancias de seguridade ou a instalación de códigos QR  na entrada das clases.

Son diferentes medidas que dende o equipo de goberno agardan que permitan actuar coa máxima seguridade e garantir que a docencia sexa o mellor posible, o que significa un grao de presencialidade moi alto e, ao mesmo tempo, estar preparados para, se en calquera momento hai que pasar a unha situación de non presencialidade, ter as ferramentas preparadas, especialmente o Campus Remoto, que se puxo en marcha nun tempo récord e que se reforzou ao longo do verán, e o Campus Integra, que vai permitir combinar a docencia física e a virtual, con alumnos e alumnas que poidan estar presentes na aula diante do profesor con outros que seguirán as clases desde a casa pero que, igualmente, van a poder interactuar de xeito continuo co docente. “Se hai que pasar a unha situación de illamento temporal dun un curso, aula ou grupo determinado non cabe dúbida que tamén o imos poder facer”, recalcou Reigosa, neste sentido indicou que hai titulacións enteiras que van estar funcionando de xeito totalmente presencial, tanto nas aulas teóricas como nas prácticas e nos seminarios.

Metidos de cheo na procura de solucións contra a pandemia

Na rolda de prensa houbo numerosas palabras de felicitación e agradecemento para o investigador da Escola de Enxeñería Industrial e do Cintecx, (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos  Industriais) da Universidade de Vigo Jacobo Porteiro, que foi quen inicialmente tivo a idea de empregar o coñecido como sistema pooling para facer test masivos de detección da covid-19. Segundo explicaron os vicerreitors, esta proposta de Porteiro foi “desde o minuto un” posta en coñecemento do Sergas e da vicepresidencia da Xunta, que axiña se puxeron mans a obra para que a iniciativa chegase a bo fin. “Desde o primeiro momento os responsables do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur implicáronse de cheo neste proxecto”, explicou Rubio.

Máis aló deste caso concreto, a vicerreitora de Investigación quixo pór en valor a rapidez coa que actuaron as e os investigadores da Universidade de Vigo a raíz da crise da pandemia, un esforzo conxunto que se traduciu na posta en marcha de diferentes proxectos de investigación que acadaron financiamento en convocatorias impulsadas por diferentes organismos creadas exprofeso para facerlle fronte a unha situación sanitaria de emerxencia. “Hai en marcha proxectos referidos á detección temperá do virus; estudos xenómicos que afondan no percorrido que seguiu a covid-19 en Galicia; investigacións sobre os mellores métodos para proceder á limpeza de locais feitos con drones e tamén estudos que se anticipan aos gromos que se van producindo a través, por exemplo, do estudo das augas residuais”, explicou Rubio, quen fixo fincapé en que “todos estes son proxectos que se están a desenvolver aquí, que se conseguiron en diferentes convocatorias que lanzaron institucións como o Instituto de Saúde Carlos III ou o Banco Santander e nas que os nosos investigadores presentaron propostas moi competitivas, acadándose o éxito en cando menos, seis delas”, recalcou a vicerreitora.

Como efecto positivo de toda esta situación, a vicerreitora destacou o feito de que se demostraron claramente as vantaxes da interdisciplinariedade, de que especialistas de ámbitos diferentes traballen de xeito conxunto.