DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Investigación Mariña participa no proxecto europeo Aquacosm-Plus

A Universidade de Vigo entra a formar parte da rede internacional de instalacións de mesocosmos acuáticos

Estes grandes volumes de auga permiten realizar estudos de ecosistemas de xeito realista

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 04/05/2020

Á hora de realizar estudos sobre ecosistemas como ríos, lagos, estuarios e océanos, entre os feitos a pequena escala en laboratorio e os levados a cabo no medio natural está a experimentación en mesocosmos. Trátase de instalacións de grandes volumes de auga illados pero mantidos en condicións próximas ás do medio natural nas que se poden manipular de maneira realista os factores ambientais. Desde o 1 de abril, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo forma parte dun proxecto europeo que baixo o nome de Aquacosm-Plus constitúe a primeira rede internacional de instalacións de mesocosmos.

O proxecto, chamado Network of Leading Ecosystem Scale Experimental Aquatic Mesocosm Facilities Connecting Rivers, Lakes, Estuaries and Oceans in Europe and Beyond (Aquacosm-Plus), está financiado polo Programa da UE H2020 cun total de case dez millóns de euros, dos que á Universidade de Vigo lle corresponden 131.312,5 euros. Cunha duración de 48 meses, a iniciativa conta coa implicación de 30 socios de 16 países, participando por parte da institución académica viguesa José González, coordinador da Unidade de Oceanografía e das instalacións de mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), e o tamén investigador do CIM, Ramiro Varela. Segundo comentan os investigadores participantes, a rede que se establece en Aquacosm-Plus “é a única rede de mesocosmos que existe no mundo a día de hoxe e aínda que a súa orixe é europea e de momento os seus membros tamén o son, están a establecerse tamén colaboracións con outras instalacións existentes noutros continentes”.

A rede que se constitúe en Aquacosm-Plus, detallan os seus responsables, ten como obxectivo principal facilitar o acceso do persoal investigador ás instalacións punteiras deste ámbito que existen en Europa, estandarizando as metodoloxías e técnicas empregadas en cada centro, ofrecendo protocolos e persoal técnico especializado e formación para as novas xeracións de científicos”. Este traballo coordinado dentro da rede, comenta José González, permitirá a realización de experimentos en distintos escenarios, que abranguen desde lagos ata mares e desde o Ártico ata o Mediterráneo. “A importancia de dispor desta ampla variedade de escenarios é que nos permite facer múltiples estudos e aproximacións para afrontar os retos que se nos presentan, como é o caso do cambio climático”, subliña.

Instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

Neste proxecto, tal e como indican os seus responsables na Universidade de Vigo, utilizaranse as instalacións de mesocosmos do CIM existentes na Ecimat, tanto en terra como no mar. Tanto desde o CIM como desde a Ecimat, subliña José González, apostouse nos últimos anos por reforzar esta liña de investigación coa construción en 2016 de dúas plataformas para a realización de experimentos de mesocosmos no mar e a recente construción dunhas instalacións en terra que está previsto que comecen a funcionar esta primavera. “Precisamente, o feito de dispor destas infraestruturas é o que nos permitiu incorporarnos a esta rede europea”, indica o investigador. Estas instalacións, engade, supoñen “unha importante contribución á rede, xa que son as únicas instalacións de mesocosmos existentes en Europa nunha rexión de afloramento costeiro como son as Rías Baixas”.
 
O papel da Universidade de Vigo no proxecto, explican os seus responsables, é, igual que os demais socios: participar na estandarización de metodoloxías e protocolos a nivel europeo e en experimentos conxuntos coas demais institucións para estudar os efectos de diversos factores sobre os distintos ecosistemas que abarca esta rede e facilitar o acceso a investigadores doutros centros”. A pertenza a esta rede, engaden, permitirá o intercambio de investigadoras e investigadores entre institucións, podendo acceder en cada momento ás instalacións máis axeitadas ao obxecto de estudo e fomentar as colaboracións entre os distintos centros que conforman dita rede. Ademais, apunta José González, “este proxecto permitirá aos investigadores do CIM que actualmente traballan en mesocosmos participar en diversas actividades internacionais, colaborar con investigadores doutros centros e beneficiarse das actividades que se desenvolvan”.

Vantaxes

A vantaxe de realizar estudos en mesocosmos fronte aos estudos en laboratorio, subliña o coordinador da Unidade de Oceanografía da Ecimat, “é evidente, pero tamén presenta vantaxes fronte ao estudo directo no medio natural, como son a posibilidade de manipular as condicións ambientais (desde temperatura a salinidade); de estudar os efectos da adición de sustancias (desde nutrientes a contaminantes) e de utilizar simultaneamente réplicas e diferentes gradientes das condicións a estudar”. Estas posibilidades, engade, “permítenos estudar de maneira realista os posibles futuros escenarios aos que teremos que enfrontarnos por causa do cambio climático”.
 
A participación neste proxecto europeo, indican os seus responsables na institución académica, é un paso máis na traxectoria desenvolvida neste eido xa que, lembran, “desde o Centro de Investigación Mariña levamos moitos anos traballando na experimentación en mesocosmos, tanto empregando instalacións temporais na ría de Vigo como participando en proxectos desenvolvidos en centros de investigación estranxeiros, polo que xa existía o contacto cos outros investigadores e con outras instalacións de estacións mariñas doutros puntos de Europa”. Así, apuntan, colaboraron co proxecto europeo previo do que nace Aquacosm-Plus, chamado Aquacosm.