DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obra do laboratorio de Óptica da Facultade Ciencias de Ourense

A Universidade de Vigo, primeira en España na construción dunha trampa atómica

O traballo será presentado ao MEC o 27 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 14/03/2008

O laboratorio de Óptica da Facultade de Ciencias de Ourense acaba de construír a primeira trampa atómica nunha universidade española. O grupo de Óptica Física da Universidade de Vigo que dirixe Humberto Michinel foi o encargado de realizar o traballo no marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia que avaliará o resultado o vindeiro 27 de marzo nunha reunión que se celebrará en Barcelona.
A trampa atómica é un dispositivo que emprega láseres ultraestabilizados para reter e arrefriar átomos de Rb ata temperaturas da orde das millonésimas de grado. Neste estado os átomos manifestan propiedades cuánticas que permiten empregalos con diferentes fins como a construción de reloxos atómicos ou computadores cuánticos.

Pioneiros no panorama universitario nacional

O artífices da construcción foron Humberto Michinel e Alicia Vázquez Carpentier, aínda que “nos gusta atribuír os proxectos ao grupo enteiro", asegura o director do grupo de Optica Física. Con esta tecnoloxía a Universidade de Vigo sitúase á cabeza de España no eido da Física que máis premios Nobel deu nos últimos anos”, afirma Michinel que en canto á metodoloxía de traballo empregada apunta que “cómpre atrapar os átomos nunha certa zona utilizando láseres e campos magnéticos que os envolven creando un fluído viscoso de xeito análogo a como un obxecto é atrapado nunhas areas movedizas”. Deste xeito, segundo apunta o director do grupo de Óptica Física “os átomos fréanse reducindo a súa velocidade e polo tanto a súa temperatura ata as millonésimas de grao e só entón poden ser empregados para realizar distintos experimentos”. O artífices da construcción do láser foron Humberto Michinel e Alicia Vázquez Carpentier, aínda que “nos gusta atribuír os proxectos ao grupo enteiro.Con esta tecnoloxía a Universidade sitúase á cabeza de España no eido da Física que máis premios Nobel deu nos últimos anos” dixo o director do grupo de Óptica Física.

Láseres empregados para medidas de alta precisión

Ademais para que unha trampa magneto-óptica funcione cómpre que os láseres empregados teñan unha estabilidade elevadísima na que a súa frecuencia non varíe máis que nunha trillonésima. Esta tecnoloxía de láseres ultrasensibilizados ten notables usos tamén na medida ultraprecisa de lonxitudes polo que o grupo de Óptica Física asinou un contrato de colaboración co Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia para aplicalos a diferentes técnicas de medida. “En todos os países existe polo menos un instituto oficial de medidas que é o que se encarga de calibrar as máquinas de precisión, ou de definir a hora exacta, entre outras cousas. Nós cedemos parte da tecnoloxía que desenvolvemos para estas cuestións” explica Michinel que fixa como o próximo reto do grupo empregar as propiedades dos átomos fríos para arrefriar a luz dun láser ata convertela nun líquido, obtendo así o novo estado da materia da “luz líquida”.