DUVI

Diario da Universidade de Vigo

325 persoas con diversidade funcional estudaron ou traballaron o ano pasado na UVigo

A Universidade de Vigo reforza o seu compromiso coa diversidade no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 03/12/2021

Un total de 325 persoas con diversidade funcional estudaron ou traballaron durante o ano pasado na Universidade de Vigo, que este venres reforza o seu compromiso coa diversidade co gallo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. “A UVigo celebra a diversidade. Queda moito por facer pero aspiramos a ser unha universidade xenuinamente inclusiva”, sinala Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, no día no que a UVigo se suma á celebración promovida pola Rede de Servizos de Apoio ás Persoas con Discapacidade na Universidade (Sapdu) de Crue Universidad Española. 

Das 325 persoas con diversidade funcional que o ano pasado estudaron ou traballaron na Universidade de Vigo, 268 eran estudantes, 136 homes e 132 mulleres. Pola súa banda, 32 eran persoal de administración e servizos e 25 docentes e investigadores. 

Un programa, unha rede de apoio e unha unidade de atención á diversidade de seu 

Co obxectivo de atender ao estudantado con discapacidade e outras necesidades específicas de apoio educativo, a UVigo dispón dunha Unidade de Atención á Diversidade (Unaten), e dun Programa de Atención á Diversidade (Piune), así como dunha rede de apoio constituída polo profesorado responsable do programa Piune en cada centro ou facultade. “Co gallo do Día Internacional das persoas con discapacidade a Crue emitiu un comunicado para ratificar o compromiso universitario cunha formación inclusiva para conseguir unha sociedade máis xusta e nós adherímonos totalmente”, explica Doval, que lembra que un dos obxectivos principais da Universidade, de acordo co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 4 da Axenda 2030, é facilitar unha educación de calidade para todas as persoas e garantir que esta sexa un dereito máis aló da formación básica.

A comisión sectorial de Asuntos Estudantís de Crue e a Rede de Servizos de Apoio ás Persoas con Discapacidade na Universidade (Sapdu) lembran que nas institucións universitarias españolas estudan cada ano máis de 23.000 persoas “cuxa paleta de cores é diferente” e que os servizos de apoio esfórzanse para proporcionarlles “as ferramentas coas que colorear ese lenzo” que é a súa vida. Ter estudos universitarios, sinalan desde Crue e Sapdu, permite ás persoas con discapacidade mellorar substancialmente a súa empregabilidade. “Este é un dato que non adoita destacarse e, con todo, é sumamente importante porque a autonomía e a dignidade das persoas pasa pola independencia económica e a competitividade dentro do mercado laboral. Lonxe de considerarse como unha cota dentro das empresas, as persoas con discapacidade que se formaron nas universidades españolas teñen adquirido os coñecementos e desenvolto as competencias e habilidades necesarias para desenvolver un futuro profesional sen máis límite que o seu talento”, explican.