DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta tarde fíxose pública a actualización do 2019 Times Higher Education Subject Rankings

A Universidade de Vigo sitúase entre as 400 mellores do mundo en Ciencias da Educación

Entre as 500 primeiras en CC da Vida, Enxeñaría e Tecnoloxía, CC da Computación e Arte e Humanidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/11/2018

A Universidade de Vigo sitúase entre as 400 mellores do mundo en Ciencias da Educación e entre as primeiras 500 en Ciencias da Vida, Enxeñaría e tecnoloxía, Ciencias da Computación e  Arte e Humanidades. Así se establece na última actualización do 2019 Times Higher Education Subject Rankings, unha clasificación na que se miden, por materias, as mellores universidades de todo o mundo e que, nesta edición, deixa sobre a mesa “excelentes resultados para a institución académica viguesa”, tal e como recoñeceu o reitor vigués, Manuel Reigosa, que fai fincapé en que estes datos amosan que a Universidade de Vigo segue a ocupar posicións internacionalmente recoñecidas cada vez máis potentes.

“É evidente que non só afianzamos a nosa posición, senón que incluso gañamos postos”, subliñou Reigosa, en referencia a que na edición 2018 a Universidade de Vigo aparecía entre as 500 mellores en Ciencias da Vida e Enxeñaría e Tecnoloxía, mentres que nesta ocasión mellora a súa posición en múltiples materias, incluíndo Negocios e Economía (aquí Vigo sitúase entre o posto 500 e 600) e en Ciencias Físicas, onde se sitúa entre as 800 mellores do mundo.

“Agardamos que as decisións que estamos a tomar nos permitan en anos sucesivos mellorar incluso estes datos”, subliñou Reigosa, quen admitiu que non se agardaba que este ranking deixase resultados tan positivos para a Universidade de Vigo. “Sabiamos que estabamos a facer ben as cousas, pero non había nada definitivo, pois, ao final, a túa posición depende tamén do resultado que acaden o resto de universidades”, recalcou o reitor, ao que engadiu que “estamos ante unha boa nova que garante que hai que seguir por esta liña de mellora do traballo dos nosos docentes e investigadores para seguir subindo postos”.

Rigorosa metodoloxía na que  se miden 13 indicadores 

A Universidade de Stanford e a Universidade de Harvard son, segundo este ranking, as dúas mellores universidades para cursar estudos relacionados coas Ciencias da Educación. De entre as 500 mellores do mundo nesta materia, 170 son europeas e 25 españolas, incluídas as galegas de Santiago de Compostela e Vigo.

Para elaborar este informe, os responsables do ranking empregan unha metodoloxía do máis rigorosa analizando un total de 13 indicadores,  entre os que se inclúen cuestións relativas ao ámbito da Investigación, avaliando indicadores como os ingresos para investigación e produtividade científica; de docencia e reputación académica; de citacións do persoal docente e investigador e impacto de ditas publicacións; de transferencia de coñecemento e tamén de internacionalización.

O obxectivo: volver a situarse entre as 500 primeiras de Shanghai

Se ben na posición global do Ranking Times Higher Education a Universidade de Vigo sitúase entre o posto 601 e 800, o obxectivo é, en vindeiras edicións, mellorar esta posición e volver situarse en postos privilexiados –a Universidade chegou a situarse entre as 400 primeiras-. “Estamos na boa liña. Somos unha Universidade que, aínda sendo nova, ocupamos posicións de privilexio en distintas clasificacións”, recalcou o reitor, que se referiu a este ranking como unha das clasificación máis influentes. “Cremos que isto tamén pode axudar na captación de alumnado estranxeiro, pois cando un estudante empeza a buscar sitios onde seguir a súa carreira loxicamente aquelas institucións que teñen este referendo son máis elixidas que aquelas que non están”, subliñou Reigosa, ao que engadiu que “neste caso estamos satisfeitos pola mellora e agardando seguir escalando posicións en vindeiras clasificacións”.

Xunto co ARWU, tamén coñecido como Ranking de Shanghai e o QS, o ranking Times Higher Education (THE) é un dos tres rankings internacionais con máis difusión e relevancia. Desde o punto de vista do equipo de goberno da Universidade de Vigo un dos grandes obxectivos a curto/medio prazo é volver situarse no ranking de Shanghai entre as 500 mellores, “o que sería volver a estar na crème da crème. Estivemos un par de anos nesas posicións de privilexio e eu agardo que durante o noso mandato poidamos volver a estar nesa situación de privilexio”, recalcou Reigosa, que lembrou que nestes momentos Vigo sitúase entre as 600 primeiras.

Novas fichaxes de “primeiros espadas” e investigadores/as novos

Para acadalo, ademais da fichaxe de “primeiros espadas” como Mauricio Battino, o equipo de goberno ten en seguimento, segundo admite o reitor, catro investigadores de distintas nacionalidade de sona internacional. “Agardamos que as negociacións vaian por bo camiño, pero traer este tipo de talento á Universidade vai levar tempo. Haberá apostas que saian e outras que non, pero en todo caso a nosa idea é seguir captando talento de primeiro nivel”, recalcou Reigosa, ao que engadiu que se prestará especial atención ao perfil profesional de persoas novas que poidan axudar a renovar o cadro de persoal dos distintos departamentos e grupos de investigación.

Neste sentido, o reitor insistiu en que a fichaxe de Mauricio Battino, é moi importante para a institución académica viguesa por diferentes aspectos: dunha banda, porque demostra que a de Vigo é unha universidade atractiva, capaz de captar talento internacional de primeira magnitude e, da outra, porque montará aquí o seu propio grupo de investigación, que servirá tamén de polo de atracción para captar tamén novos talentos.