DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión virtual do Foro Aero celebrada este martes

Universidade, Xunta e Boeing destacan o papel do talento e a cooperación para o futuro do sector aeronáutico

Contou coa participación de Manuel Reigosa, Francisco Conde e José Enrique Román

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 09/06/2020

Este martes celebrouse, de xeito virtual debido á COVID-19, unha nova edición do Foro Aero, ciclo de conferencias divulgativas organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Nela, Grzegorz Kawiecki, associate technical fellow de Boeing Research & Technology- Europe & Brazil, analizou as tendencias en aviación. Ao seu debuxo de futuro desde un punto de vista técnico, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology - Europe & Brazil, sumaron a importancia do talento e da colaboración público-privada para o desenvolvemento do sector aeronáutico.

Esta edición do Foro Aero, tal e como lembraron as autoridades presentes no acto, enmárcase nas actuacións contempladas no marco do convenio de patrocinio para a promoción da formación aeroespacial e as carreiras de enxeñarías asinado en setembro de 2019 entre a Universidade de Vigo e Boeing Research & Technology-Europe. Esta colaboración abrangue aspectos como a creación dun laboratorio na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, a realización de prácticas do alumnado deste centro na empresa e a creación dun premio para fomentar o talento. O acordo forma parte do Proxecto SkyWay, a achega de Boeing ao Civil UAVs Initiative da Axencia Galega de Innovación, que conta con financiamento da Xunta de Galicia e Feder.

Ecosistema de colaboración

Durante a clausura da conferencia, Manuel Reigosa salientou como no futuro do sector “o talento é fundamental”. Neste senso explicou como a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo graduará este ano á súa primeira promoción e amosou o seu desexo de que “unha gran parte dese talento redunde nun beneficio para Galicia”. Así, o reitor subliñou como a institución académica está comprometida con ser “un activo máis, que está dentro do Sistema Universitario Galego, que se poñe a disposición de toda a comunidade galega e de toda a nosa Galicia para ser un actor máis pero un actor comprometido, un actor que quere que haxa un desenvolvemento industrial en Galicia”. Porén, recalcou, esa contribución ao desenvolvemento da contorna, “só será posible se o Sistema Universitario de Galicia, a Xunta, e as empresas, tanto as que están radicadas na comunidade autónoma e algunha empresas tractoras, como pode ser o caso de Boeing” colaboran para acadar “un futuro mellor para todos”.  

Pola súa banda, Francisco Conde salientou como esta primeira promoción do Grao de Enxeñaría Aeroespacial “é un orgullo para todos” e destacou como a escola que o imparte “ten unha perspectiva e un percorrido moi interesante”. Durante a súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria comentou como “o futuro da industria aeroespacial, eu diría que da industria en xeral, pivota sobre a colaboración entre o ámbito público e o ámbito privado e ese esquema de colaboración é o que estamos intentando trasladar en Galicia”. Neste senso agradeceu a colaboración tanto de Boeing como da UVigo e fixo fincapé na importancia da formación, subliñando como o coñecemento é “o motor da industria”. “Só é posible atender a retos que hoxe en día se están pratexendo a nivel global se realmente traballamos nesta contorna colaborativa e polo tanto se en Galicia podemos xerar ese ecosistema de colaboración entre coñecemento, a industria e a propia administración”, afirmou Francisco Conde. 

Por último, José Enrique Román, lembrou como o acordo coa Universidade de Vigo se enmarca nunha iniciativa máis ampla como é a Civil a UAVs Initiative. Cando faltan uns meses para o remate da primeira fase do proxecto de Boeing nesta iniciativa, o responsable de Boeing Research & Technology- Europe & Brazil destacou como está dando “uns resultados técnicos espectaculares”, entre os que citou a instalación dun laboratorio de simulación de continxencias en voo en Rozas. Apuntando como o proxecto SkyWay “está sendo un caso modélico de colaboración administración-empresa”, José Enrique Román indicou como “á marxe dos resultados tanxibles tamén está demostrando que a colaboración entre a Xunta, as empresas galegas e centros de investigación galegos e nós é unha fórmula que estamos seguro que seguirá dando resultados nos próximos anos”. 

Da configuración das naves ao software

Durante a súa intervención, Arno Formella, director da Esocla de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, subliñou como “é primeiro Foro Aero virtual que facemos nesta fase atípica” e como o seu obxectivo foi “abordar nel as tendencias en aviación para que o alumnado teña contacto directo coa industria”. Arredor de medio centenar de persoas seguiron a través do Campus Remoto da UVigo a conferencia de Grzegorz Kawiecki, que conta cunha dilatada traxectoria académica, investigadora e profesional e que actualmente traballa en Boeing en diversos aspectos do control autónomo de plataformas aéreas non tripuladas. Durante a súa intervención, o doutor Grzegorz Kawiecki fixo un repaso polas tendencias máis recentes en aspectos chave das tecnoloxías aeronáuticas. Entre outros aspectos, analizou en detalle cuestións “clásicas” destas tecnoloxías, como a configuración de aeronaves, aerodinámica, propulsión, aviónica, materiais, fabricación e mantemento, pero tamén cuestións “revolucionarias”, como as tecnoloxías respectuosas co medio ambiente, intelixencia artificial, autonomía e mobilidade aérea urbana. De xeito transversal, tamén destacou ao alumnado presente na conferencia o  papel que xoga o desenvolvemento de software neste futuro para a aviación.