A través dun convenio de colaboración, asinado este xoves na Vicerreitoría do campus
Universidade e Xunta unen forzas para converter o CTGD de Pontevedra nun centro de alto rendemento
O obxectivo é fomentar a colaboración entre deportistas, adestradores e grupos de investigación
A Universidade de Vigo e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia asinaron este xoves un convenio marco de colaboración para o desenvolvemento de actuacións que redunden en beneficio do deporte en Galicia e da comunidade universitaria galega, que ten entre os seus obxectivos promover unha estreita colaboración entre os grupos de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Este traballo conxunto de investigadores e investigadoras cos adestradores, adestradoras e deportistas contribuirá á súa vez ao obxectivo do Goberno galego de que o actual centro de tecnificación, no que se forman máis de 160 deportistas, poida acadar a clasificación de centro de alto rendemento, posibilitando a conversión do actual CGTD nun Centro Integrado de Alto Rendemento e Tecnificación.
Este convenio marco foi asinado este xoves na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nun acto que contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. De catro anos de duración, este acordo dá continuidade ao convenio asinado en 2019 polas dúas institucións e servirá como marco para o posterior desenvolvemento de convenios específicos para a realización de programas concretos de colaboración.
Un acordo para mellorar o futuro do deporte galego
Como “unha iniciativa magnífica, que creo que senta as bases dun futuro mellor para o deporte galego”, definiu Reigosa un acordo que contribuirá a que Galicia poida “contar dentro duns anos cun deporte moito máis profesionalizado, tecnificado e competitivo”. Como lembrou o reitor, Pontevedra conta “cunhas ferramentas magníficas para que o deporte galego chegue o máximo nivel”, xa que acolle tanto o CGTD como a Facultade de Ciencias da Educación e Deporte, que “conta cunha serie de grupos de investigación que están competindo internacionalmente e que son quen de mellorar a situación do deporte, desde o coñecemento básico ata o máis aplicado”. De aí que Reigosa subliñase que facultade e CGTD “teñen que retroalimentarse de forma natural”, o que á súa vez implicaría que deste acordo marco “xurdan moitas iniciativas concretas de traballos específicos dos nosos grupos de investigación” co persoal técnico e as e os deportistas do centro.
Nesa mesma liña, Calvo sinalou que este convenio marco “senta as bases” dunha colaboración “vai axudar os nosos deportistas e os adestradores a mellorar os seus resultados e conseguir os obxectivos fixados, cada vez máis altos”, o que á súa vez contribuirá ao obxectivo do Goberno galego de “seguir mellorando” o CGTD e que este “suba un chanzo máis”. Non en van, esta colaboración é un dos requisitos do Consejo Superior e Deportes (CDS) para acadar a clasificación do CGTD s como Centro Especializado de Alto Rendemento. Neste punto, o conselleiro lembrou que nos orzamentos da Xunta para 2025 inclúese unha partida de 500.000 euros para iniciar o proxecto de ampliación do centro en Cernadiñas, “pero, á parte das infraestruturas necesarias, necesitamos que a Universidade forme parte deste proxecto”.
Diferentes liñas de colaboración
De catro anos de duración, entre as actividades e proxectos obxecto de colaboración recollidas neste convenio figura a colaboración no desenvolvemento de proxectos de investigación que axuden tanto a adestradores como a deportistas a conseguir os seus obxectivos de rendemento, así como asesoramento dos investigadores e investigadoras da UVigo en materia de planificación, seguimento e control do adestramento, tanto físico e biomecánico como psicolóxico, ás e aos deportistas que contan cunha bolsa no CGTD. O acordo buca así mesmo promover o intercambio de espazos entre o campus de Pontevedra e o CGTD, que “redunden na mellora da docencia, da investigación e do adestramento", así como a elaboración e intercambio de publicacións e traballos de investigación vinculados co deporte e a educación física, a organización de actividades académicas e deportivas e o apoio ao estudantado no desenvolvemento de prácticas curriculares ou preprofesionais.