No marco da International Staff Week que se celebra dende hoxe luns ata o venres
Universidades de 17 países debaten na UVigo sobre a educación transformadora con perspectiva de xénero
Con actividades nos tres campus e visitas ao CINBIO ou o CIM, onde coñecerán a Ecimat
Dende hoxe luns e ata o venres, universidades de 17 países reúnense na UVigo para falar da educación transformadora e da igualdade de xénero como motor de cambio institucional. Fano nunha nova edición da International Staff Week, unha iniciativa impulsada pola UVigo que busca abrir un debate amplo sobre a necesidade das institucións de educación superior de adoptar unha estratexia de internacionalización como compoñente fundamental da súa misión e funcionamento. En total participan arredor de 60 representantes institucionais, principalmente de universidades europeas, nun evento que arrancou en UVigo pero que se desenvolverá nos tres campus.
No acto de apertura, celebrado do edificio Miralles, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de darlles a benvida a todas as persoas participantes e fixo fincapé na idoneidade do tema elixido para esta edición da International Staff Week: a igualdade. “Non imaxinabamos un mundo, en pleno século XXI, con guerras, opresión e desigualdades”, reflexionaba o reitor, pero neste contexto, “unha das funcións das universidades é precisamente cambiar e mellorar a sociedade”. Segundo Reigosa, “para conseguir unha sociedade mellor, precisamos as mesmas oportunidades para todo o mundo, asegurándonos de non deixar talento polo camiño” e, para conseguilo, “son necesarios algúns movementos”, por iso felicitou á organización deste evento por ter elixido a igualdade como temática central, eido co que a UVigo “está especialmente comprometida”.
Nesta edición da International Staff Week participa persoal académico e administrativo/técnico de diferentes institucións de todo o mundo, algunhas delas xa socias da Universidade de Vigo a través do Programa Erasmus+, tanto na Unión Europea, como en Terceiros Países non Asociados ao Programa (TPNA), e outras aínda non socias, que queren comezar unha relación de colaboración coa UVigo. En total, participan no evento máis de medio cento de representantes de universidades de República Checa, Polonia, Austria, Turquía, Finlandia, Portugal, Bélxica, Acerbaixán, Francia, México, Alemaña, Eslovenia, Ucraína, Taxiquistán, Grecia e Bosnia e Hercegovina.
Unha oportunidade para xerar novos lazos
Xunto co reitor, no acto de apertura participaron tamén Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización; Santiago Pozo, director de Internacionalización; Amelia Rodríguez, directora da ORI e María Pardal, técnica de Relacións Internacionais. A vicerreitora destacou que recibir na UVigo a todos estes representantes internacionais é “un pracer, unha honra e unha oportunidade real de xerar novos lazos e colaboracións para o futuro” como “proxectos conxuntos, dobres graos ou iniciativas de mobilidade”.
O obxectivo deste evento é promover o diálogo internacional, facilitando o intercambio de ideas e de puntos de vista diversos, ao tempo que lles proporciona ás persoas participantes as habilidades necesarias para navegar no ecosistema dinámico da educación superior. “É unha oportunidade para que as universidades socias coas que xa colaboramos e xa temos relación coñezan a nosa institución” pero tamén é “unha oportunidade para nós, para coñecer outras institucións e os sistemas de tan diferentes países, pero traballando cos mesmos obxectivos, xerar universidades máis diversas, máis inclusivas e máis competitivas, que tamén acaden os mellores estándares en calidade da docencia e a investigación”, recalcaba a vicerreitora nesta primeira xornada.
Educación transformadora de xénero
A International Staff Week 2025 céntrase na educación transformadora de xénero, unha temática que xorde, como explica Del Pozo, porque “este é o bloque de traballo que a UVigo lidera a UVigo dentro da universidade europea Athena”, que durante esta semana tamén celebrará unha xuntanza de traballo en Vigo.
As e os asistentes á semana internacional participarán en sesións diarias arredor de temas específicas e colaborarán na exploración de métodos para integrar a internacionalización en todo o ecosistema da educación superior. Ademais, terán a oportunidade de interactuar con colegas de diferentes partes do mundo, así como de intercambiar boas prácticas, experiencias e perspectivas. A semana transcorrerá a cabalo entre o campus de Vigo, o de Pontevedra (martes) e o de Ourense (xoves) e inclúe visitas a varios centros de investigación como o CINBIO ou o CIM, onde coñecerán a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Nas sesións de traballo abordaranse temas como o Plan de Internacionalización da UVigo ou a igualdade de xénero no marco da universidade europea Athena, para o que se presentarán os resultados preliminares dunha análise sobre recursos en materia de igualdade obtidos a través dunha enquisa en todas as institucións sociais do consorcio Athena. O obxectivo deste estudo é identificar fendas, pero tamén boas prácticas e suxestións de mellora e, unha vez realizada unha análise máis profunda, presentarase un informe ante os reitores e reitoras de Athena na xuntanza que terán en setembro na Universidade de Maribor, co obxectivo de poder implantar estas políticas a nivel institucional en todas as institucións da alianza.
O mércores tamén haberá unha mesa redonda sobre educación transformadora e igualdade de xénero e cambio institucional coa participación de expertas de Acerbaixán, Grecia e Italia e coa catedrática María Lameiras en representación da UVigo.