DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Ciencias Empresarias e Turismo participará nelas en seminarios internacionais

As universidades de Bremerhaven e HTW Saar, próximo destino para 22 estudantes do campus

A iniciativa celebra a súa segunda edición ampliando a súa oferta

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/05/2019

No marco da súa aposta pola internacionalización, a Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo do campus de Ourense desenvolve coas universidades alemás HTW Saar, de Saarbrücken, e a de Bremerhaven diferentes iniciativas que este curso académico se amplían. Así, 22 das e dos seus estudantes dos graos de Turismo e de Administración e Dirección de Empresas participarán no mes de xuño en seminarios internacionais dunha semana de duración nesas institucións académicas nos que terán a oportunidade de vivir en primeira persoa outra realidade educativa e unha experiencia de internacionalización.

Segundo explica Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a relación con estas institucións académicas alemás naceu no marco da International Week, que cada curso trae a este centro a estudantes da Universidade de Bremerhaven e a docentes de diferentes países para compartir co alumnado ourensán unha semana de actividades académicas e de ocio. No seu panel de docentes internacionais, sinala, está desde 2008 Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar, que puxo en marcha no curso académico 2016/2017 a visita de estudantes desa institución académica a Ourense. Neste escenario de colaboración, alumnado de Saarbrücken achégase cada ano ao campus de Ourense a participar nun seminario dunha semana de duración en outubro e o de Bremerhaven en marzo, visitas que agora devolverán as e os estudantes ourensáns.

Enriquecemento persoal e profesional

O primeiro dos seminario será do 30 de maio ata o 6 de xuño na universidade HTW Saar, de Saarbrücken. Nel participarán 10 alumnas do Grao en Turismo que estarán acompañadas pola propia Elena de Prada. Neste caso, apunta a profesora, será o segundo ano que se realice a actividade, que se puxo en marcha por primeira vez o pasado curso académico. O segundo dos seminarios será do 1 ao 8 de xuño na Universidade de Bremerhaven, e nel participarán 12 estudantes principalmente do Grao en Administración e Dirección de Empresas, acompañados polo profesor Francisco Reyes. Neste caso será a primeira vez que se leve a cabo esta iniciativa, que dá un paso máis na dilata relación que une á facultade ourensá coa de Bremerhaven, xa que comparten, entre outras cuestións, un dobre grao en Administración e Dirección de Empresas. A experiencia do pasado ano na HTW Saar, a primeira que se fixo, recalca a vicedecana, “foi magnífica” e este bo resultado, indica, “animounos, a pesar do esforzo que supón para a facultade, a repetir e ampliar este curso a iniciativa”. Con moitísimas ganas xa de marchar, as e os elixidos levan varias semanas participando en sesións informativas e formativas para aproveitar axeitadamente a experiencia.

Para facer posible esta actividade, detalla Elena de Prada, contan coa colaboración, ademais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, das universidades alemás implicadas, que asumen parte dos gastos das e dos estudantes ourensáns, como aloxamento e algunhas das visitas. O alumnado participante, apunta a profesora, foi seleccionado en función do expediente académico, priorizando ás e aos estudantes dos últimos cursos e as datas foron escollidas aproveitando que nelas o alumnado ourensán non ten docencia e o alemán si. “O obxectivo fundamental destas saídas é facer visitas moi intensivas, integrando ao noso alumnado no sistema universitario alemán para que teña a oportunidade de ver como se traballa nestas universidades e de integrarse en equipos internacionais nos que traballar sobre temas interculturais desde o punto de vistas das súas áreas de interese, como son o turismo e a organización de empresas ou o márketing”, comenta Elena de Prada. Así, detalla, as e os participantes ademais de clases teóricas e exposicións van a realizar visitas a lugares emblemáticos e empresas dos diferentes ámbitos.