DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do curso, Reigosa gabou a capacidade das institucións para enfrontar a pandemia

Universidades á disposición do país para facer de Galicia un lugar máis próspero

Feijóo, que as cualificou de “referente para a sociedade”, animounas a acadar a excelencia 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 25/09/2020

Catro días despois de que o curso 20-21 arrancase nas aulas das tres universidades do SUG, o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este venres un acto de inauguración oficial no que as máscaras e as distancias de seguridade entre o reducido grupo de persoas presentes no salón, evidenciaron a excepcionalidade dun curso marcado desde o seu comezo pola covid-19. Aínda que a pandemia tamén estivo moi presente nos discursos do reitor da Universidade de Vigo e do presidente da Xunta, así como na lección inaugural do catedrático Xosé Carlos Arias, o acto celebrado este mediodía no campus de Vigo, serviu, tanto a Reigosa, como a Núñez Feijóo, para reiterar “o papel referente das universidades para a sociedade galega”, dixo o titular do goberno galego, así como “a súa disposición para facer do país un lugar máis próspero”, asegurou o reitor vigués.

Acompañados na mesa presidencial polos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Coruña, Julio Abalde, e ante un restrinxido auditorio, integrado por membros da comunidade universitaria e representantes de institucións políticas, económicas e sociais, Reigosa e Feijóo, destacaron a capacidade das institucións académicas para adaptarse desde o curso pasado á pandemia, garantindo a formación do seu alumnado, así como o traballo desenvolvido para dar resposta á docencia en calquera dos escenarios que se poidan producir ao longo dos próximos meses, xa sexan estes presenciais, semipresenciais ou virtuais. Pola súa banda, nun discurso, no que avanzou que “vou falar do país”, Manuel Reigosa referiuse aos que considera grandes problemas da sociedade galega, “declive demográfico e abandono do rural”, así como as solucións que, tanto desde Europa, como desde España e desde o propio país cómpre activar para facerlle fronte, asegurando que “as universidades galegas poden e deben estar, como non pode ser doutro xeito, a dispor da sociedade galega no só para docencia, investigación e transferencia, senón para calquera obxectivo de país. Estamos a disposición para intentar elevar a mirada e facer de Galicia un lugar mellor, máis próspero”. Mentres, Feijóo, tras lembrar que xa se está a negociar o Plan de Financiamento 2022/2026, apuntou que tras acadar a calidade “agora toca traballar na procura da excelencia académica”. O presidente da Xunta tamén demandou a implicación das universidades nos proxectos tractores polos que a Xunta aposta para pilotar a reactivación da economía, e asegurou que “coa afouteza de todos en especial dos universitarios, Galicia disipará de novo todas as sombras que se nos presenten”. 

No acto de inicio do curso, no que Rodrigo Romaní e Bea Martínez interpretaron coas súas arpas, entre outras pezas, o Gaudeamus e o Himno de Galicia, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada Xose Carlos Arias, ofreceu unha lección inaugural titulada Finanzas relampo e economía política. Economía política do nanosegundo na que reflexionou sobre o impacto que na economía produce a aceleración que está a caracterizar as primeiras décadas deste milenio. 

As universidades como ferramenta clave para solucionar os grandes problemas do país

En clave de país. Así realizou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o seu discurso de apertura do novo curso académico, fíxoo nunha intervención na que non dubidou en afirmar que a sociedade vive “tempos difíciles nos que hai que tomar decisións que afectarán profundamente ao futuro de Galicia”. Neste contexto quixo pór enriba da mesa o ofrecemento das universidades galegas non só para seguir cumprindo as súas misións fundamentais, “formar ás persoas egresadas, producir novos coñecementos e transferilos ao tecido social”, senón tamén para colaborar co resto de axentes sociais en todo o que sexa “elevar a mirada e facer de Galicia un lugar mellor, máis próspero e cun futuro asegurado como país produtor de coñecemento”. Esta é, ao seu xuízo, “a clave” para arranxar os que considera tres grandes problemas da sociedade galega: declive demográfico, envellecemento e abandono do rural.

“Nun ano especial, no que o país vive unha situación excepcional”, a intervención do reitor arrancou botando a mirada cara o curso pasado. Neste senso, defendeu que o sistema universitario de Galicia “fixo ben os deberes” e entre todos conseguiuse que o curso rematase con “nobre éxito” e que as alumnas e alumnos gañasen as competencias que precisaban e que fosen avaliados de xeito xusto. “As tres universidades preparámonos para solucionar os mesmos problemas e fixémolo o mellor que puidemos”, admitiu o reitor vigués, ao tempo que subliñou que houbo que facer fronte, “de xeito totalmente inesperado”, ao dobre reto de: por unha banda, mudar a docencia tradicional-presencial por outra virtual-a distancia e, pola outra banda, superar a denominada fenda dixital, xa que moitos estudantes non contaban cos medios necesarios que lles permitise seguir a actividade normal desde o seus fogares. “A solución que atopamos na Universidade de Vigo foi facer chegar de balde a 350 estudantes que tiñan este tipo de problemas unha solución técnica que lles permitise resolver este tipo de problemas”, explicou Reigosa. Seis meses despois, o novo curso chega, tal e como explicou, con tres modalidades de docencia: presencial, mixta ou totalmente telemática, permitindo a docencia simultánea a estudantes na aula física e na aula virtual. 

 “Primeiro, crise sanitaria; logo, crise económica”, salientou Reigosa, quen lamentou que Galicia está claramente por debaixo da media europea en patentes, en colaboración público-privada na innovación, no deseño de aplicacións e na innovación en pemes, se ben, “afortunadamente, non todo é negativo”, e sitúase claramente por enriba desta media en porcentaxe de poboación con estudos superiores, produción científica e solicitudes de marca rexistrada. “Temos moita xente moi ben formada e dispomos de centros de investigación de excelencia, así como outras institucións dedicadas á I+D e potentes centros tecnolóxicos que participan na innovación das nosas empresas”, salientou o reitor, quen quixo deixar claro que “existen oportunidades de financiamento para mellorar as condicións do país a medio e longo prazo”.

Entre estas ventás de financiamento, o reitor lembrou a importancia que está a acadar Europa que, esta vez, “si estivo á altura”, polo que, desde o seu punto de vista,  se Galicia é quen de sacar proveito da situación, “traballando todos xuntos”, as oportunidades que se abren son inmensas e “van permitir levar adiante grandes cousas”. Entre outras iniciativas que se están a fomentar desde a UE o reitor destacou o fomento do emprego indefinido, especialmente da xuventude, o impulso da innovación ou o apoio á dixitalización das empresas... 

Como exemplos das capacidades do país, o reitor fixo unha breve repaso dos centros de investigación e agrupacións estratéxicas da Universidade de Vigo: o Centro de Investigación Mariña, CIM; o centro de investigación de Tecnoloxías das Telecomunicacións, atlanTTic; o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx; o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio; Ecobas (Economics and Business Administration for Society), primeira e única agrupación estratéxica galega no ámbito xurídico-social, e Citaca, o clúster de investigación e transferencia agroalimentaria do Campus da Auga.  

Universidades referentes e tractoras

No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo salientou como “o pobo galego, que soporta hoxe unha situación inédita, onde se precisan certezas, ten nas súas universidades unha referencia fundamental”. Nun tempo no que a covid “ben a representar un enorme obstáculo que cambiou as nosas vidas”, afirmou que “os galegos poden seguir mirando con orgullo á institución universitaria”. Tras lembrar que “non é doado para unha comunidade coma esta, que ten a súa razón de ser en estar xuntos, adaptarse ao contexto novo”, o presidente subliñou que “a colaboración entre as universidades e a Xunta permitiu anticipar medidas que fan posible que o curso se inicie con garantías”.

Ante o novo ano académico que comeza, Núñez Feijóo destacou que “non teño a máis mínima dúbida de que as nosas universidades volverán a dar exemplo” e amosou a súa confianza en que a volta ás aulas e o curso 2020/2021, “un dos máis complexos da historia recente”, “se realizará de xeito que nos sintamos satisfeitos, entre outras cousas, polo deber cumprido”. O presidente da Xunta lembrou durante a súa intervención medidas levadas a cabo como a aprobación de plans de continxencia “que contemplan tres escenarios para as diferentes situacións sanitarias”; os plans de prevención sanitaria “axustados a cada centro universitario”; o establecemento dos requisitos para a docencia non presencial “de maneira que non supoña unha mingua notable” e a adaptación das guías docentes de cada materia de grao e mestrado. “As cousas fixéronse ben”, apuntou. 

En 2020, detallou o presidente da Xunta, os recursos públicos asignados “acada os 443 millóns de euros, o teito histórico de financiamento das universidades galegas” e en investigación o marco definido para o período 2019-2022 tradúcese nunha inxección de 20,5 millóns de euros. Os galegos, engadiu, “achegamos 1.214.000 euros diarios ao noso sistema universitario”. Recoñecendo que “manter uns estándares axeitados esixe recursos”, Alberto Núñez Feijóo indicou como a Xunta vai a transferir tres millóns de euros para facer fronte aos gastos extraordinarios deste inicio de curso universitario.

Sobre o futuro, o titular do executivo galego lembrou que actualmente estase negociando o plan de financiamento universitario 2022/2026, “que fixará os obxectivos básicos en docencia, en investigación e en transferencia de coñecemento”. Neste senso apuntou que “o paso seguinte no que debemos traballar xuntos témolo claro: logramos a calidade e agora toca traballar na procura da excelencia académica”. Con este reto no horizonte, dixo, establécese “o pacto para o mapa de titulacións, que supón a entrada de 13 novos graos ao sistema universitario por consenso” e enumerou outras medidas como a realización da primeira convocatoria en España en mestrado de excelencia, a convocatoria de excelencia académica para alumnado universitario e a mellora da convocatoria dos premios fin de carreira. 

O presidente tamén se referiu durante a súa intervención no acto de inauguración do curso aos proxectos tractores polos que a Xunta de Galicia aposta para “pilotar a reactivación da nosa economía” e que se presentarán ao fondo de reconstrución europea. Neles, indicou, as administracións “serán só unha pequena parte” e “precisaremos a implicación dos axentes sociais, entre eles as universidades”. Neste senso, Núñez Feijóo recalcou como “máis aló destes proxectos existen institucións tractoras do país, capaces de estimular a creatividade, o enxeño e talento e sen dúbida as universidades galegas son parte das institucións tractoras que fan forte a Galicia”.  Como peche ao seu discurso, o titular do executivo galego amosou a súa confianza en que “coa afouteza de todos, en especial dos universitarios, Galicia disipará de novo todas as sombras que se nos presenten”.

Cambios económicos en nanosegundos

Na lección inaugural, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada Xosé Carlos Arias reflexionou sobre como a aceleración que caracteriza estas primeiras décadas do milenio ten impacto sobre a economía. Segundo o docente, esta velocidade xurde “da gran revolución tecnolóxica dos fluxos de información e a dixitalización masiva” e de transformacións estruturais do proceso económico que poñen como modelos de éxito a compañías como Toyota e a súa filosofía do just in time ou Inditex. 

Na súa opinión, este é un “desafío moi importante para os procesos de formación das políticas económicas”, xa que as diferentes temporalidades de finanzas e política “presionan fortemente sobre esta última, creando restricións difíciles de superar, unha xenuína camisa de forza imposta polos mercados de capital”. O catedrático sostén que isto conduce a “algúns cambios de gran transcendencia nos procesos políticos contemporáneos, como o acurtamento dos ciclos políticos, un superior peso da improvisación e a experimentación, e sobre todo un gran protagonismo dos órganos máis rápidos, co predominio crecente do poder executivo e, aínda máis, dos órganos non elixidos, como os bancos centrais”. Para Arias, “o problema crucial é que, con eses cambios, as políticas tenden a acelerarse, pero non deixan de ir por detrás dos mercados, nunha dinámica de aberta desincronización, un dos problemas máis complexos nos arduos labirintos da política democrática do noso tempo”. E é que en tempos de finanzas-lóstrego “se acertas, pero es lento, es un perdedor e, nesas condicións, é evidente que as decisións xa no son humanas: a megamáquina decide” e por iso Arias remarca que “necesitamos unha economía política do nanosegundo”.

Visita a unha Aula Integra

Antes do acto académico, o presidente da Xunta acompañado por unha comitiva de representantes da Universidade de Vigo realizou un percorrido por varias instalacións da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais para coñecer como a institución se adaptou á situación actual de pandemia para iniciar o curso coa maior presencialidade posible. Núñez Feijóo puido comprobar como funciona o prototipo instalado á entrada do centro que mide tanto a temperatura como a cantidade de persoas que acceden ao centro. Posteriormente visitou unha das Aulas Integra, espazos dotados con equipos persoais como ordenadores ou tabletas, que dan soporte a un “encerado virtual” que pode verse simultaneamente polos alumnos presentes na aula e por aqueles que sigan as clases desde a súa casa, ademais de permitir a adecuada interacción destes últimos. Estes dispositivos permiten tamén a docencia desde o domicilio do profesorado se nalgún momento é necesario.

Outra das medidas adoptadas pola UVigo para este curso que tamén puido coñecer o presidente da Xunta é o sistema de códigos QR, que permite o rexistro persoal dos postos empregados por cada usuario das aulas. Esta base de datos fará posible desenvolver actuacións de rastrexo no caso de presentarse algún positivo de covid-19 nunha aula. Posteriormente tamén visitou unha das máis de 70 aulas de informática adaptadas con anteparos transparentes que permiten optimizar o espazo mantendo a seguridade sanitaria e mantendo en uso a maior parte posible dos postos.

Feijóo valorou a iniciativa da UVigo de “aproveitar a pandemia para facer cousas que quedarán para sempre e poder acreditar que se pode dar formación e docencia presencial, semipresencial e en remoto en calquera lugar e para calquera lugar do mundo”. Isto, segundo o presidente, “acredita que esta Universidade soubo aproveitar os recursos para consolidarse como unha universidade aberta ao mundo”.