DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os reitores Reigosa, Abalde e López asinaron es luns un convenio con María Dolores Fernández

As universidades galegas únense á valedora do Pobo para premiar os mellores TFG e TFM sobre igualdade e dereitos das mulleres

Destacaron o papel das súas institucións para manter unhas políticas que "están sendo cuestionadas"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/12/2019

As universidades galegas e a Valedoría do Pobo asinaron este luns en Santiago de Compostela un convenio de colaboración para a posta en marcha dos Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de mestrado (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres. A valedora, María Dolores Fernández, deu as grazas aos tres reitores pola acollida que lle deron a esta iniciativa, que distinguirá os traballos que sexan merecedores dun especial recoñecemento pola súa claridade, orixinalidade, definición do seu obxecto, pertinencia e relevancia, metodoloxía da investigación utilizada, análise de resultados, aspectos formais do traballo e proxección que poida acadar no ámbito da igualdade de dereitos de mulleres e homes, entre outros. 

No acto de sinatura, o reitor vigués, Manuel Reigosa, agradeceu á valedora a posta en marcha desta “importante iniciativa” nuns momentos nos que existe “unha igualdade formal e legal” que pode facer crer, puntualizou, que xa está acadada a igualdade de xénero. Pero “non só non está acadada, senón que se albisca na xente nova un certo afastamento deste ideario de igualdade”. Neste sentido, destacou a obriga das universidades, neste caso en colaboración coa Valedoría do Pobo, de poñer en marcha estudos que, por unha banda, axuden a ter un futuro máis igualitario e xusto no que calquera persoa poida ter, independentemente do seu xénero, igualdade de oportunidades e, por outra banda, permitan ver “que queda moito por facer neste eido”.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, tamén incidiu no que semella ser un retroceso no que se refire á aceptación das políticas a prol da igualdade e apuntou que as universidades teñen por diante o reto de seguir mantendo esas políticas nun momento no que están sendo “cuestionadas”. Neste sentido, o reitor coruñés finxo fincapé en que “a educación superior é a primeira garantía da igualdade de oportunidades, entre elas a de xénero”. Pola súa banda, Antonio López, reitor da USC, tamén incidiu en que para pasar da igualdade formal á real “fai falta formación e valores, e o convenio que hoxe asinamos é unha ferramenta moi interesante para que os nosos estudantes dediquen os seus TFG e TFM a avanzar na igualdade efectiva entre homes e mulleres, e máis tendo en conta que é unha cuestión transversal a calquera eido”.

O feminismo, un motor de cambio

María Dolores Fernández agradeceulles aos reitores o seu apoio a este proxecto e lembrou o que supuxo o feminismo para a historia da humanidade, “o cambio cultural, social e político máis importante do século XX e seguramente tamén do XXI e un dos máis transcendentes da historia, semellante ao que supuxo o Renacemento”. A valedora reivindicou o papel das universidades neste cambio, porque “o acceso das mulleres ao coñecemento universitario é presuposto necesario para a igualdade”, lembrando figuras como Concepción Arenal ou Antonia Barreiro, primeira titulada universitaria en Galicia, pola USC en 1901. Mª Dolores Fernández tamén subliñou que “o coñecemento universitario é a equipaxe coa que as e os que estudamos exercemos logo as nosas profesións e encaramos a nosa vida” e, por este motivo, considera “imprescindible que o coñecemento sexa universal e obxectivo e non arrastre prexuízos de séculos que colocan ás mulleres nunha posición de subordinación”.