DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo, a USC e a UdC asinaron un acordo que harmoniza o proceso

As universidades galegas unifican os seus sistemas de medición da calidade nos programas de doutoramento

Permitirá ás escolas de doutoramento traballar con modelos e criterios comúns

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 07/07/2021

Hai case dous anos, a Escola Internacional de Doutoramento da UVigo, Eido, convertíase na primeira institución deste tipo de Galicia en certificar o deseño do seu propio sistema de garantía de calidade. Agora, a escola segue avanzando nesta senda para establecer uns criterios e estándares de calidade, en concreto nunha das liñas de acción do seu Plan de Mellora 2021/2022, que consiste en harmonizar as metodoloxías e modelos de medición da satisfacción entre as tres universidades do SUG. En concreto, a Universidade de Vigo acaba de asinar un acordo de colaboración coas outras dúas universidades galegas que lles vai permitir ás tres institucións establecer uns modelos comúns para medir a satisfacción dos diferentes colectivos implicados en doutoramento.

Un acordo froito de varios meses de traballo

O acordo é froito de varios meses de propostas e debates, baseados nos modelos aprobados na Comisión de Calidade da Eido, e trasladados a través das respectivas áreas de calidade. Finalmente, foron as vicerreitorías competentes da USC e da UdC e a Secretaría Xeral da UVigo as que asinaron un convenio que harmoniza os cuestionarios, metodoloxías e programación das actividades de medición da satisfacción para estudantes, profesorado, persoal de administración e servizos e egresados en doutoramento, sen prexuízo de adaptación puntuais á estrutura organizativa de cada universidade.

 Trátase dun acordo relevante pois vai permitir ás escolas de doutoramento e aos seus programas adscritos traballar con modelos e criterios comúns para medir a calidade en doutoramento, o que facilitará o labor de coordinación de cada un dos programas. Será de especial utilidade para os programas interuniversitarios que, deste xeito, traballarán con parámetros comúns nas tres universidades. Ademais, permitirá realizar análises de posicionamento e de comparabilidade que ata o de agora non eran posibles xa que os cuestionarios e as escalas de medición eran diferentes. O acordo tamén permite mellorar a transparencia na información, ben para as axencias de calidade ben para calquera persoa ou entidade que desexe consultar os resultados entre as universidades.

 Tres criterios para a homoxeneización

A finalidade deste acordo é homoxeneizar, por medio das respectivas unidades técnicas de calidade, os modelos de avaliación, os cuestionarios e a súa programación de forma que os resultados obtidos sexan facilmente analizables e integrables nos respectivos informes de seguimento ou renovación de acreditación ou en calquera outros onde proceda. Os criterios fixados para esa homoxeneización comprenden tres aspectos. Primeiramente trátase de harmonizar as cohortes e os tempos nos que teñen lugar as actividades de medición. Así, no que se refire a estudantes, acordouse realizalas cada ano para quen comeza os estudos, para os que se matriculan no terceiro ano do programa e para os estudantes que rematan os estudos. No que atinxe aos titores ou directores de tese e PAS, realizaranse as medicións cunha frecuencia bienal e para as persoas egresadas será anualmente, no ano n+2 despois de rematar os estudos.

O segundo criterio fixado refírese á necesidade de estruturar o cuestionario en base ás directrices e criterios establecidos nos modelos de informes de seguimento/acreditación de forma que se facilite a elaboración destes. Finalmente, o terceiro punto establece a importancia de deseñar un grupo de preguntas comúns o máis amplo posible, con independencia de que cada universidade poida establecer outras adicionais que considere necesarias.

O seguinte paso, actualizar e harmonizar os indicadores de resultados

Unha vez asinado este acordo, as universidades do SUG teñen fixado xa un novo obxectivo: actualizar e harmonizar os indicadores de resultados, a través dos cales a ACSUG avalía o funcionamento das escolas de doutoramento e dos seus programas.