Grazas a un novo modelo de mobilidade híbrida do programa Erasmus
Universitarias francesas perfeccionan en Vigo os seus coñecementos sobre o léxico do Século de Ouro
Procedentes da Université d'Orléans, visitan esta semana o campus olívico
Durante esta semana o campus de Vigo ten un pouco máis de acento francés. Aos preto de 60 mozas e mozos que gozan dunha bolsa Erasmus durante este segundo cuadrimestre na UVigo, súmase este días un grupo de 15 alumnas da Université de Orléans. A súa estadía forma parte dun novo modelo de mobilidade híbrida do programa Erasmus para facilitar intercambios bilaterais de curta duración entre universidades.
Os responsables desta iniciativa son os profesores Samuel Fasquel, da Université d'Orléans, e o catedrático do Departamento de Literatura española e teoría da literatura, Manuel Ángel Candelas Colodrón. O docente da UVigo explica que esta colaboración naceu hai tres anos froito da súa “común investigación arredor de Quevedo”, a partir da cal decidiron “incrementar a relación académica entre as dúas universidades coa organización de clases conxuntas, coa idea de integrar o alumnado francés co noso alumnado”. Para facelo posible, aproveitaron a pertenza de ambas institucións á universidade europea Athena. O primeiro intercambio tivo lugar o ano pasado, cando o profesor Candelas Colodrón desfrutou dunha estadía de 15 días como profesor invitado en Orléans e foi precisamente alí cando apostaron buscar un programa que lles permitise traer parte deste alumnado durante uns días á Universidade de Vigo. A opción elixida foi este novo sistema mobilidade híbrida do programa Erasmus para estadías de curta duración.
Un glosario sobre termos que axuden a comprender o léxico do Século de Ouro
Así durante toda esta semana, 15 estudantes francesas, todas elas mulleres, da licenciatura de Langues, Littératures et Civilisations Etrangères et Régionales d’Études Hispanophones da Facultade de Lettres, Langues et Sciences Humaines visitan a Facultade de Filoloxía e Tradución. Durante estes días, explica Candelas Colodrón, “participan en sesións de clases intensivas sobre léxico dos séculos XVI e XVII e elaboran un glosario que teñen previsto aloxar nun sitio web destinado a facilitar aos estudosos da literatura e da cultura en lingua española dos chamados Séculos de Ouro unha ferramenta dixital de grande auxilio para a comprensión dos textos”. Nese traballo, que leva o nome de LexicOro, promovido pola Université de Orléans, colabora tamén o alumnado da materia que imparte o docente na UVigo, Tradición Clásica e Modernidade Creadora. “O alumnado vigués axudaralles a completar as fichas lexicográficas que constitúen o cerne das tarefas principais”.
Onte mércores foron recibidas polo director da Área de Internacionalización da UVigo, Iago Pozo e pola responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez. Hoxe, tanto as estudantes francesas como as e os seus compañeiros na UVigo viaxan a Santiago de Compostela para visitar a Sala de Investigadores/as da Biblioteca Xeral da USC, onde poderán consultar varios libros dos séculos XVI e XVII, e a Catedral compostelá.
Un posible licenciatura compartida no marco de Athena
Para Candelas “trátase dunha visita senlleira, xa que é unha das primeiras, se non a primeira, desta nova modalidade de intercambio. Esperamos que sexa frutífera e que axude a fortalecer as relacións coa universidade francesa coa ollada posta nunha posible licenciatura compartida no marco de Athena para avivar a demanda de alumnado de ambos centros académicos”.