DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas informativas que ao longo da semana se desenvolven nos tres campus

A UVigo achega ao alumnado múltiples opcións de mobilidade nos Erasmus Days 

Aos actos para o estudantado súmase un dirixido a PDI e PTXAS

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/10/2026

Promovidos pola Unión Europea, os Erasmus Days teñen como obxectivo divulgar os proxectos e oportunidades que ofrece este programa comunitario, a través dos máis de 10.000 eventos que institucións e entidades de todo o mundo promoven ao longo desta semana. Entre elas, atópase un ano máis a Universidade de Vigo, que se suma a esta celebración con xornadas informativas nos tres campus, dirixidas a achegar á comunidade universitaria información de primeira man de múltiples convocatorias de mobilidade. Promovida pola Oficina de Relacións Internacionais (ORI), a programación arrancou este martes no campus de Pontevedra e continúa este mércores e xoves con sesións informativas para o estudantado de Ourense e Vigo, completándose o venres cunha xornada virtual dirixida tanto ao persoal docente e investigador (PDI), como ao persoal técnico de xestión, administración e servizos (PTXAS).

O arranque dos Erasmus Days 2026 na UVigo tivo lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, deulle a benvida ao alumnado, convidándoos a “vivir a experiencia, non só académica, senón tamén persoal” que supón unha mobilidade internacional. O obxectivo desta actividade, explicou, era proporcionarlles “información detallada do que teñen que saber para solicitar diferentes programas de intercambio”, da man da directora da ORI, Amelia Rodríguez, a xefa de área Mónica Méndez e o técnico Juan Cabaleiro. 

Na súa décima edición, esta conmemoración ten como lema Aprender e crecer: competencias para o futuro e pon de relevo o papel do programa Erasmus+ á hora de desenvolver competencias nun momento “no que Europa experimenta profundas transformacións a través das transicións ecolóxica e dixital”, sinalan desde a organización. No caso de España, esta conmemoración abrangue máis de 1400 eventos de difusión ou sesións informativas. Entre elas, as tres presentacións nas que a UVigo busca informar ao alumnado das convocatorias de programas de intercambio para o vindeiro curso académico, indo máis aló do Erasmus+ para abordar o conxunto de opcións en materia de mobilidade, nacional e internacional, ás que poden optar. Con esa idea, desde a ORI puxeron o foco tanto nas vantaxes de participar neste tipo de convocatorias e onde poden consultalas, como nos posibles destinos, nos requisitos para participar e nas bolsas asociadas aos diferentes programas. Ao mesmo tempo, trasladáronlles tamén unha serie de recomendacións a ter en conta antes de vivir esta experiencia.

Tres xornadas por diante

Esta xornada informativa desenvolverase este mércores, a partir das 11.00 horas, no salón de graos do Edificio xurídico-empresarial do campus de Ourense, mentres que o xoves terá lugar, á mesma hora, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, en Vigo. Nos dous casos, estas xuntanzas veranse complementadas, ao igual que aconteceu en Pontevedra, pola instalación nestes centros, entre as 11.00 e as 14.00 horas, dun stand dirixido a “resolver dúbidas máis concretas e atender ao estudantado que non poida asistir ás presentacións”, explican desde a ORI.

Xa o venres 16, esta programación complétase cunha xornada virtual para PDI e PTXAS, que poderá seguirse a través de Campus Remoto. Comezará ás 10.00 horas, cun coloquio centrado nas oportunidades que o programa Erasmus+ supón para o PDI. Este porá o foco en aspectos como os BIP, programas académicos de curta duración organizados por consorcios de universidades de cando menos tres países; na posibilidade de coordinar accións KA171 con países extracomunitarios e na alianza europea de universidades Athena+, da que a UVigo forma parte. Xa as 12.00 horas, esta iniciativa completarase cunha sesión dirixida a presentar as oportunidades de mobilidade para PTXAS.

Tanto estas dúas sesións virtuais, como os encontros dirixidos ao alumnado serán gravados co obxectivo de poñelos á disposición da comunidade universitaria a través de UVigo TV.