Celébrase hoxe mércores e mañá xoves no edificio Redeiras
A UVigo acolle unha xuntanza internacional do consorcio Edufusion NSG para impulsar a transformación da educación superior en Kazakhstán
O obxectivo é modernizar a formación do profesorado universitario e a innovación educativa
A Universidade de Vigo acolle esta semana a segunda reunión do consorcio internacional Edufusion NSG (Edu-Fusion Network for Sustainable Growth), un proxecto financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+ orientado á transformación estrutural e á modernización do sistema de educación superior de Kazakhstán.
Esta iniciativa, que arrancou en decembro de 2024 e rematará a finais de 2028, conta cun orzamento de preto dun millón de euros e está coordinada pola Universidade Técnica do Porto (UTPorto), coa UVigo como único socio español no consorcio, xunto con outras institucións de educación superior e entidades especializadas de Europa e Kazakhstán.
O vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social da Universidade de Vigo, Rafael Comesaña, foi o encargado de dar a benvida ás persoas participantes, entre as que se atopan vicerreitores e vicerreitoras, decanos e decanas e outros representantes académicos e institucionais de diferentes universidades de Kazakhstán, ademais dos socios europeos do consorcio. Na Universidade de Vigo, o proxecto está coordinado por María Isabel Doval Ruiz, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social e investigadora do grupo HC1. Xunto a Marcos Arias, do grupo COM, participan no desenvolvemento das actividades vinculadas á innovación educativa, a formación do profesorado universitario e a cooperación internacional.
A reunión, que se celebra no edificio Redeiras entre hoxe e mañá xoves, constitúe unha oportunidade para avaliar os avances acadados durante a execución do proxecto, coordinar as seguintes fases de traballo e reforzar a cooperación entre as institucións participantes. O encontro céntrase especialmente na actualización das competencias do profesorado universitario, no desenvolvemento de programas de formación continua e na incorporación de enfoques pedagóxicos innovadores, inclusivos e sustentables.
Unha transformación da educación superior que vai máis alá da tecnoloxía
Edufusion NSG parte da necesidade de adaptar a formación universitaria aos desafíos contemporáneos, especialmente nas disciplinas de enxeñaría e tecnoloxía. O proxecto promove a integración de metodoloxías activas, competencias dixitais, emprendemento, enfoques STEAM e aprendizaxe baseada en problemas reais.
Un dos seus elementos distintivos é a incorporación da perspectiva social, ética e ambiental á formación técnica, mediante enfoques interdisciplinares e transdisciplinares que conecten a enxeñaría coas ciencias sociais e humanas, coa sustentabilidade e coas necesidades da sociedade. O proxecto tamén presta especial atención á igualdade de xénero, a inclusión, a accesibilidade e a participación de colectivos infrarrepresentados na educación superior.
Dous días para avaliar avances e preparar as seguintes fases
Durante a xornada deste mércores as institucións participantes están a revisar o desenvolvemento dos diferentes paquetes de traballo, os resultados obtidos e os próximos fitos previstos. Abórdanse tamén os procedementos de garantía da calidade, as vías de certificación e recoñecemento da formación e a incorporación transversal da igualdade, a sustentabilidade e a internacionalización. Mañá, o programa está dedicado á planificación estratéxica, a avaliación do impacto, a difusión dos resultados e a súa continuidade máis alá do período de financiamento europeo. O programa inclúe tamén reunións bilaterais entre as universidades participantes para explorar novas oportunidades de colaboración académica, institucional e de mobilidade internacional.
A Universidade de Vigo, comprometida coa innovación e a cooperación internacional
A participación da Universidade de Vigo en Edufusion NSG reforza o seu compromiso coa cooperación universitaria internacional, a innovación pedagóxica e a transferencia de coñecemento. En xullo de 2025, a institución xa acollera un obradoiro internacional centrado no deseño colaborativo de programas de desenvolvemento profesional para docentes universitarios de Kazakhstán. A actividade permitiu traballar sobre as necesidades formativas identificadas previamente e avanzar na elaboración de propostas curriculares aliñadas cos estándares internacionais de calidade. A celebración desta segunda reunión en Vigo dá continuidade a ese traballo e consolida a colaboración entre as institucións participantes.
