DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa ampliación do convenio marco asinado entre ambas entidades

A UVigo afianza a súa colaboración coa Federación Galega de Fútbol

O acordo inclúe cursos de balde, descontos, cesión de instalacións deportivas...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 12/04/2021

Universidade de Vigo e Federación Galega de Fútbol levan anos colaborando na promoción conxunta da práctica do fútbol, o fútbol sala e o fútbol gaélico e a intención é que esta relación se siga estreitando. Neste contexto acaba de asinarse unha ampliación do convenio vixente entre ambas entidades na que se detallan o desenvolvemento das diferentes actividades formativas que se van pór en marcha.

Se ben o acordo foi asinado de xeito electrónico polo reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da federación, Rafael Louzán, o campus acolleu a visita do vicepresidente da federación, Fernando Iglesias, e do director da Escola Galega de Adestradores, Iván Cancela, que foron recibidos polo director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado. Durante esta xuntanza, ademais de pórse ao día en diferentes cuestións, os directivos da federación aproveitaron tamén para agasallarlle aos responsables da UVigo un cadro coa camiseta da Selección Galega co logotipo da institución académica viguesa.

Prazas gratuítas e descontos en cursos, uso de instalacións...

Segundo o acordo asinado, a Federación Galega de Fútbol comprométese á cesión cada tempada de 10 prazas gratuítas no curso UEFA C de fútbol e Nacional C de Fútbol Sala e 20 prazas para o Día do adestrador aos membros da comunidade universitaria, así como a realizar diferentes descontos nos múltiples cursos que organiza. Estes descontos son dun 30% para os cursos das diferentes licenzas UEFA (A, B e C), para os nacionais de fútbol sala e para os de adestrador profesional, tanto de fútbol como de fútbol sala. Pola súa banda, a UVigo cederá o uso das instalacións docentes e deportivas para que a federación poida desenvolver diferentes programas formativos encamiñados á formación da promoción deportiva en beneficio da comunidade universitaria. 

A maiores, a Federación Galega de Fútbol tamén vai colaborar coa UVigo mediante a cesión de adestradores para efectuar a selección de xogadores, dirixir os adestramentos e acudir ás competicións de fútbol e fútbol sala universitarias de ámbito autonómico, nacional e internacional.