DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O convenio asinado tamén comprende un proxecto de investigación sobre monitoraxe da biodiversidade

A UVigo alíase coa multinacional Telespazio para poñer en marcha un mestrado dual pioneiro en España en tecnoloxía xeoespacial

Será o primeiro título deste tipo que ofrece unha universidade pública no Estado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/01/2023

O convenio asinado este luns entre a Universidade de Vigo e a empresa multinacional Telespazio permitirá crear o primeiro mestrado dual dunha universidade pública en España. Esta titulación centrarase nas tecnoloxías xeoespaciais e permitirá que boa parte da formación do seu alumnado sexa de carácter práctico e se desenvolva en empresas do sector, principalmente en Telespazio.

O acordo asinado polo reitor, Manuel Reigosa, e polo conselleiro delegado da empresa, Carlos Fernández de la Peña, permitirá tamén abrir unha liña de investigación conxunta que se centrará na definición dunha nova xeración de algoritmos para o seguimento da biodiversidade. Neste proxecto implicarase o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, GeoTech, do Cintecx, dirixido polos catedráticos Pedro Arias e Henrique Lorenzo.

Ao acto deste luns, que tivo lugar no edificio Redeiras, asistiu tamén Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, xa que o convenio se encadra no programa de innovación Civil UAVs Initiative liderado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, ao que a Telespazio se acaba de incorporar como empresa tractora.

Unha pegada industrial para o futuro

O conselleiro delegado da empresa, Carlos Fernández de la Peña, salientou na súa intervención que coa incorporación da empresa á Civil UAVs Initiative e coa colaboración coa Universidade de Vigo, Telespazio “asume con Galicia un compromiso a longo prazo” baseado na innovación tecnolóxica ao servizo da administración pública, no impulso ao sector aeroespacial galego e na excelencia educativa. Precisamente neste último punto é no que encadra o acordo asinado hoxe, que abre dúas vías de colaboración entre ambas entidades, a científica e a educativa. 

A este respecto, o reitor recoñecía que ambas partes “partillamos unha visión na que aspiramos a que Galicia do futuro sexa unha sociedade próspera, desenvolvida e baseada no coñecemento e, neste contexto, o Polo Aeroespacial concita todas as condicións que finalmente foron tamén achegadas no programa Next Generation”. Reigosa amosouse satisfeito pola participación da UVigo “tanto a nivel docente como investigador e de transferencia nesta iniciativa, e de poñer “a disposición desta colaboración público-privada un dos grupos de investigación máis importantes que temos”. 

Ademais, tanto o reitor como o conselleiro e o representante da empresa subliñaron a importancia deste tipo proxectos xurdidos no seo do Polo Aeroespacial pola capacidade que teñen de “deixar pegada industrial en Galicia e consolidar procesos a partir de ecosistemas de innovación aberta”. 

Primeiro mestrado dual dunha universidade pública

No eido educativo, a colaboración UVigo-Telespazio plasmarase no primeiro mestrado dual que oferta unha universidade pública en España, que se centrará na tecnoloxía xeoespacial. “Trátase dun programa pioneiro que, acompañado dun sistema de bolsas, permitirá a transición directa do alumnado á empresa, creando emprego directo e de calidade en Galicia e brindándolles a oportunidade de quedarse ou de desenvolver unha carreira internacional, se é o seu desexo”. Neste sentido, o responsable da empresa avanzaba que dende a compañía agardan que as e os egresados deste mestrado pronto sexan “a canteira” do centro de traballo que a multinacional acaba de abrir na Zona Franca de Vigo.

Ambas partes están xa traballando para definir este título propio da UVigo co obxectivo de que comece a súa andaina no curso 2023/2024. Como explica o catedrático Pedro Arias, agárdase que oferte entre 10 e 15 prazas e o alumnado “pasará dous terzos das horas lectivas realizando prácticas, tanto en Telespazio como noutras compañías deste sector, o que garante unha elevada inserción laboral”. Arrancará como título propio pero a idea é transformalo en mestrado oficial.

Este mestrado dual sumarase ao Grao dual en automoción que, como avanzaba o reitor neste acto, agardan poder presentar nun acto público nas próximas semanas. Con este tipo de titulacións duais, subliñaba Reigosa, “poñemos a disposición do talento, tanto galego como de fóra, a posibilidade de desenvolver a súa carreira profesional en Galicia; trátase de atraer talento e retelo”.

Tecnoloxía xeoespacial no eido da biodiversidade

A outra pata deste acordo é un proxecto de investigación baseado no uso de algoritmos para analizar imaxes de satélite e de drones co obxectivo de identificar fenómenos de carácter ambiental relacionados, por exemplo, coa liña de costa, os ecosistemas fluviais, o impacto do crecemento das cidades na contorna, etc. Como explicaba o responsable de Telespazio no acto, “á diferencia das imaxes dos satélites, que observan a Terra cun nivel de detalle que é insuficiente para determinadas aplicacións. Cando queremos ver a terra ou o mar con máis detalle temos que voar máis de preto, e aí é onde entran os drones como elementos que transportan cámaras, toman imaxes e consiguen complementar os satélites". A información que obteñen estes vehículos autónomos non tripulados, tanto imaxes como información espectral ou de radar máis sofisticada, reunida coa satelita, permite extraer conclusións sobre a evolución da biodiversidade. Así, os investigadores implicados neste proxecto traballarán “nunha nova xeración de algoritmos” que permitan analizar toda esa información obtida tanto polos UAVs como polos satélites para extraer conclusións neste eido.

O da biodiversidade “é un campo moi amplo”, recoñecía Fernández de la Peña, e unha das aplicacións máis sofisticadas desta tecnoloxía é a que están desenvolvendo dende a empresa no campo da acuicultura, en concreto, para a monitoraxe do cultivo do mexillón e do percebe. No que se refire ao proxecto coa UVigo, os focos de traballo dependerán “das prioridades da Xunta de Galicia”, xa que nun contexto de cambio climático “o estudo da evolución da biodiversidade axudará ás institucións a tomar as decisións adecuadas para a súa preservación, porque este proxecto, por riba de todo, ten que ver coa herdanza que imos deixar aos nosos fillos”.