DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presencialidade total sería posible nos centros que cumpran coas esixencias sanitarias

A UVigo comezará o vindeiro curso previsiblemente o 21 de setembro cunha modalidade de docencia mixta e presencial

O reitor negociará coa Xunta a posibilidade de volver aos campus desde o 7 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 13/06/2020

O inicio e o desenvolvemento do vindeiro curso 2020-2021 na Universidade de Vigo empeza a clarificarse despois dos acordos adoptados este venres nunha sesión extraordinaria de Consello de goberno, na que os seus membros aprobaron as Medidas extraordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente no curso 20/21 en caso de crise sanitaria, así como o calendario académico para o vindeiro curso, que fixa o inicio da actividade académica o 21 de setembro e a súa finalización o 11 de xuño de 2021. En concordancia coas directrices do Ministerio de Universidades, a UVigo arrancará o vindeiro curso cunha modalidade de docencia mixta, sen destacar a presencialidade total naqueles centros nos que sexa posible cumprir coas esixencias sanitarias mantendo á totalidade do alumnado nas aulas. “Se un centro pode ter a todo o seu alumnado nunha clase con seguridade é o desexable, e se non hai unha separación de 1.5 m hai que buscar unha solución alternativa”, dixo o reitor, Manuel Reigosa, que reiterou a súa aposta pola presencialidade, sempre que a situación sanitaria o permita.

Precisamente, coa intención de aproveitar o inicio do mes de setembro, no que se supón unha menor incidencia da COVID-19, o reitor da Universidade de Vigo trasladará o vindeiro luns ao Consello Galego de Universidades o seu desexo de poder iniciar as actividades académicas nos tres campus o 7 de setembro, dúas semanas antes do día 21, data na que previsiblemente a Xunta e as outras dúas universidades do SUG fixarán o inicio do vindeiro curso. “No Consello do luns espero que haxa flexibilidade, porque creo que debemos aproveitar as semanas nas que a pandemia non estará moi activa para adiantar a actividade”, explicou Reigosa. 

Na sesión extraordinaria deste venres, que sucedeu a outra ordinaria que se celebrou pola mañá, ademais da aprobación das Medidas ordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente do vindeiro curso, as e os integrantes do órgano de goberno da UVigo aprobaron un plan de melloras para a posta en marcha de medidas extraordinarias transversais para o vindeiro curso co obxectivo de acadar financiamento da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de ferramentas e equipamentos para a docencia online, formación do PDI ou adquisición de materiais para garantir o cumprimento das esixencias sanitarias nos centros. Asi mesmo, a UVigo trasladou hoxe ao Ministerio de Universidades na procura de financiamento, as súas demandas nos ámbitos de infraestruturas TIC, formación de PAS e PDI, así como para evitar a fenda dixital do estudantado.

Preto de 300 enmendas para aprobar o desenvolvemento da organización docente do vindeiro curso

Despois da súa retirada da orde do día do Consello de goberno da pasada semana e da recepción e posterior estudo e incorporación ao texto de parte das de preto de 300 enmendas enviadas polos centros, os membros do órgano de goberno, colectivos de oposición como Ideas que Suman e representantes sindicais, este venres o Consello de goberno debateu e finalmente aprobou as Medidas ordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente do vindeiro curso.

Das 288 enmendas presentadas, tres foron á totalidade: a da Facultade de Ciencias da Educación que pedía a retirada do documento, por seis argumentos (falta de participación dos axentes implicados e de transparencia do proceso, por ser unha “inadmisible” inxerencia na liberdade de cátedra; ou por conlevar unha afectación grave das condicións de traballo do profesorado); a da Escola Superior de Enxeñería Informática que solicitaba aprazar a aprobación e que se debatese na mesa de PDI e a da Facultade de Filoloxía e Tradución que avogaba por implantar a docencia non presencial todo o primeiro cuadrimestre. Tras o rexeitamento destas tres enmendas á totalidade, comezou o debate punto por punto dos seis apartados do documento, cunha intervención do voceiro de Ideas que Suman, na que Emilio Fernández reivindicou en relación coas modalidades de actividade docente a autonomía dos centros á hora de determinar “que método de semipresencialidade van elixir. Se se nos quere impoñer a docencia mixta síncrona é un erro”, asegurou. Pola súa banda os directores da EE de Telecomunicación, da ES de Enxeñaría Informática e da EE de Minas Enerxía solicitaron que non se dese tanta importancia á sincronicidade, deixando que cada centro se organice e priorizando a presencialidade. Finalmente o texto aprobado recolle que na modalidade mixta o alumnado combinará as actividades docentes presenciais e non presenciais na proporción, forma e alcance que cada centro considere adecuado, nun marco de coherencia coas memorias das titulacións, axustándose sempre á presencialidade máxima posible e tendo en conta as recomendacións do Ministerio.

Neste apartado do documento tamén se recolle que a Reitoría proverá aos centros dunha solución técnica que contemple o uso simultáneo das aulas físicas e virtuais, na que o alumnado poida ter acceso síncrono ás presentacións e interactuar en pé de igualdade e que os centros establecerán as quendas que garantan un reparto equitativo do alumnado. No caso de pecharse os centros, o documento sinala que o profesorado conte coas ferramentas informáticas axeitadas para impartir docencia virtual e no caso de non dispor das mesmas, que poida impartir docencia desde o  seu centro de traballo se as condicións o permiten. De non ser posible, facilitaránselles os medios necesarios para desenvolver a súa actividade docente non presencial. Así mesmo, tamén haberá axudas á conectividade para o alumnado que o precise.

En relación coas clases prácticas, ao texto que sinala que o profesorado deberá planificar que parte é imprescindible desenvolver de xeito presencial para axustalo aos períodos nos que estean en activo as modalidades presencial e mixta, e as que se poidan substituír por actividades non presenciais, engadíronselle dúas enmendas defendidas por Mónica Siota en representación da xunta da Facultade de Dereito e polo director da EE Industrial.  Así, mentres no primeiro caso se evidencia a importancia das prácticas externas de titulacións habilitantes, no segundo se pon de manifesto as necesidade de destinar fondos aos laboratorios docentes, “tendo en conta que a docencia práctica é o noso valor engadido e diferencial”, sinalou Juan Pardo Froján. Sobre a información ao alumnado na convocatoria de matrícula o documento aprobado hoxe recolle que no que atinxe á docencia virtual advertirase ao alumnado da eventual gravación da súa voz e imaxe, que é voluntaria, podendo acceder a aula virtual só como oínte. Así mesmo, sinala que o emprego con fins docentes na contorna de Campus Remoto ou nas plataforma de teledocencia propias da UVigo de eventuais gravacións que inclúan a voz ou a imaxe do alumnado durante o curso académio ne que se leven a cabo, non precisará de consentimento do estudantado, que si deberá recabarse con anterioridade para autorizar usos posteriores ou finalidades distintas. 

Sobre as guías docentes, o documento aprobado este venres recolle que a estrutura das guías manterase sen modificacións, agás a inclusión dunha addenda que contemple a impartición de docencia e avaliación non presencial, así como a garantía de que nesta modalidade o alumnado terá dispoñible online todos os materiais docentes necesarios para superar a materia. Neste sentido, o reitor avanzou que se solicitarán fondos para dispor destes materiais e que o alumnado será avaliado tendo en conta os materiais dispoñibles. As medidas inclúen ademais a garantía de poñer en marcha un plan de formación do profesorado para a docencia e avaliación online, que será debatido na mesa de negociación do PDI, segundo avanzou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado. E xa por último, en relación coas condicións sanitarias nos centros, hoxe se incorporou como enmenda ao texto orixinal que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais elaborará os plans de prevención específicos dos centros, que será adaptados polas escolas e facultades para recibir finalmente o visto e prace do Comité de seguridade e saúde.

Financiamento de medidas extraordinarias transversais e propostas específicas para centros

Na sesión de hoxe os membros do Consello deron luz verde a un plan que será remitido á Xunta dde Galicia para acadar financiamento para a implantación de melloras para a posta en marcha de medidas extraordinarias transversais para o curso que vén e que contemplan, desde a adquisición de materiais para levar a cabo adaptacións nos espazos docentes ás condicións de seguridade e hixiene, ao desenvolvemento do Campus Integra, unha ferramenta que permitirá a interacción bidireccional entre docente e alumando independentemente da súa localización física. Esta plataforma xa está deseñada e implementada desde un punto de vista do software, pero cómpre realizar melloras na aulas para convertelas en Aulas Integra, dotando ao profesorado de medios, así como equipamentos como encerados táctiles para as e os docentes. En canto á formación do PDI en competencias dixitais, o desenvolvemento do plan foi retirado á espera de ser negociado coa representación sindical dos traballadores. Na súa intervención, o reitor incidiu na urxencia de negociar estas demandas coa Xunta, peticións que avanzou, suman varios millóns de euros e que se engaden á solicitude enviada hoxe ao  Ministerio de Universidades na procura de financiamento, as súas demandas nos ámbitos de infraestruturas TIC, formación de PAS e PDI, así como para evitar a fenda dixital do estudantado.

Este venres tamén se acordou aprobar en relación co protocolo para a preparación de propostas especificas para os centros para o bienio 2020-2022, que serán as escolas e facultades as que remitan as súas propostas a unha comisión na que estará representados, entre outros, nove decanos e directores de centros (dous por ámbito, incluído o de Ciencias da saúde). Con este programa, que podería ser financiado pola Xunta, os centros que o desexen poderán propoñer iniciativas para desenvolver como experiencias adicionais innovadoras en titulacións concretas na liña da renovación pedagóxica e a dotación de novas ferramentas para mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe nas titulacións oficiais, que poden ir desde a integración de novas ferramentas como contornas de laboratorios virtuais ou usos de realidade aumentada, ata a introdución de novas metodoloxías docentes o de avaliación. 

Sesión ordinaria da mañá

Na sesión ordinaria celebrada na mañá do venres con cinco puntos da orde do día, que non se puideran tratar na reunión do Consello celebrada a semana pasada, o órgano de goberno da Universidade de Vigo aprobou por asentimento o Manifesto en defensa das universidades públicas e o SUG, que todos o membros do Consello Social aprobaran por unanimidade en decembro do ano pasado. Así mesmo, elixíronse os PAS, estudantes e decanas e decanos e directoras e directores de centro que formarán parte da Comisión de Política Lingüística.