DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ministerio seleccionou 40 proxectos da institución académica viguesa

A UVigo consegue 5,2 millóns de euros de fondos para investigación procedentes do Plan Nacional

atlanTTic, CINBIO e Cintecx son os centros que acadaron un maior financiamento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/12/2024

A Universidade de Vigo obtivo algo máis de 5,2 millóns de euros de financiamento para proxectos de investigación da convocatoria 2023 do Plan Nacional, concedidos polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, cuxa resolución definitiva se fixo pública hai apenas uns días. Estas axudas están dirixidas á realización de proxectos de investigación dirixidos a fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada e a avanzar cara a busca de solucións aos principais desafíos da sociedade.

Enmarcados dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación (2021-2023), a inxección económica acadada pola UVigo ascende a un total de 5.282.250 euros, cantidade que se distribúe entre 40 proxectos de investigación que se levarán a cabo nos tres campus da UVigo ata finais de agosto de 2027 ou 2028, dependendo da duración de cada un deles -tres ou catro anos-. Este ano solicitáranse un total de 91 proxectos e, finalmente, concedéronse 40, o que sitúa a taxa de éxito nun 44%, unha cifra moi similar á acadada o ano pasado -46%- cando a institución académica viguesa -tamén con 40 proxectos concedidos- conseguira acadar o seu máximo histórico.

Case 2 millóns de euros para os centros Cigus e 960.000 para Cintecx

Destes 40 proxectos 13 están liderados por persoal docente e investigador adscritos aos tres centros Cigus da Universidade de Vigo: o Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic; o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO,  e o Centro de Investigación Mariña, CIM que, entre os tres, acadan unha captación de preto de 2 millóns de euros. Nesta ocasión, o centro máis beneficiado é atlanTTic coa consecución de seis proxectos por importe de 888.625 euros, seguido do CINBIO con cinco proxectos e 844.000 euros, e o CIM, que acadou dous proxectos financiados con 212.450 euros.

Aspirante tamén a converterse en centro Cigus, destacan tamén os resultados acadados desde o Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industrias, que acadou nesta convocatoria un total de 6 proxectos dotados cun orzamento que ronda os 960.000 euros.

Por outra banda, comezan a despuntar os novos institutos de investigación, como o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, IAA -dous proxectos dotados con 362.000 euros- e o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, IFCAE -112.500 euros para a posta en marcha de dous proxectos-. 

A eles hai que sumar os proxectos acadados polos investigadores da UVigo dende o centro interuniversitario CISPAC, Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais - dous proxectos financiados con 339.000 euros-.

Completan a listaxe os proxectos liderados por persoal docente e investigador das diferentes escolas e facultades: Educación e Traballo Social e Enxeñaría Informática, no campus de Ourense; Enxeñería Industrial, Química, Ciencias Xurídicas e do Traballo e Filoloxía e Tradución no de Vigo, e CC da Educación e do Deporte e Enxeñaría Forestal, no de Pontevedra.

En canto á clasificación por xénero, o 70% dos proxectos seguen estando liderados por homes, mentres que a cifra de proxectos dirixidos por mulleres quédase nesta ocasión no 30%.

280.000 euros para combater a contaminación por antibióticos

O proxecto que nesta convocatoria acadou un maior financiamento  busca desenvolver estratexias de vangarda para a monitoraxe continúa in situ de antibióticos en contornas acuáticas. Liderado polo director do CINBIO, Miguel Ángel Correa, e financiado con 281.250 euros, o proxecto aborda as limitacións dos métodos actuais para aliñarse coas prioridades globais de saúde dirixidas a combater a contaminación por antibióticos e, consecuentemente, a coñecida como resistencia antimicrobiana (RAM), un problema que só en 2019 se estimou estaba vinculado con arredor de 4,95 millóns de mortes.

Baixo o título Estratexias innovadoras para a vixilancia de antibióticos en auga de mar a través da detección plasmónica, esta iniciativa céntrase no desenvolvemento de dispositivos sensores avanzados que combinan de maneira sinérxica materiais con capacidades de dispersión Raman mellorada en superficie (SERS) e degradación fotocatalítica. “É un proxecto co que agardamos contribuír significativamente á protección ambiental, á saúde pública e á sostenibilidade dos ecosistemas acuáticos”, explica Correa, ao tempo que fai fincapé en  que o uso extenso de antibióticos, “vitais para controlar as infeccións bacterianas”, levou á súa presenza xeneralizada nas contornas acuáticas. “Esta acumulación de antibióticos presenta efectos crónicos en organismos acuáticos e unha posible toxicidade sinérxica con contaminantes coexistentes. Ademais, o risco asociado de resistencia  aos antibióticos intensifica aínda máis a urxencia de monitorear e mitigar o seu impacto ambiental”.

275.000 para purificación de augas e electrocatalizadores verdes

No segundo posto dos proxectos que acadaron un maior financiamento, con 275.000 euros, sitúase o liderado polas investigadoras do Cintecx Marta Mª Pazos e Mª Ángeles Sanromán, actual directora deste centro. Titulado Avanzando por un futuro máis ecolóxico: integración de materiais respectuosos co medio ambiente para a purificación de auga e iniciativas de enerxía renovable, G-Free, o proxecto busca avanzar no deseño de materiais respectuosos co medio ambiente, creados especificamente para a purificación da auga e iniciativas de enerxía renovable. “Elaboraranse seguindo os principios da química verde e da sostenibilidade, incorporando residuos agroindustriais (biomasa) como precursores para desenvolver estes novos materiais”, explican as investigadoras. 

Especificamente, o proxecto G-Free ten como obxectivo mellorar os Procesos de Oxidación Avanzada  para o tratamento de augas residuais. Isto implica a innovación de catalizadores sostibles, electrocatalizadores e materiais de liberación controlada de oxidantes, co obxecto de eliminar contaminantes emerxentes. “Máis aló do tratamento de augas residuais, o proxecto amplía o seu alcance á síntese de electrocatalizadores verdes para a produción (foto)electroquímica de hidróxeno mediante procesos de división de auga”, recalcan as investigadoras.