DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas bolsas cubrirán custos de matrícula, manutención e aloxamento

A UVigo crea unha liña de axudas para facilitar o acceso das persoas refuxiadas aos estudos universitarios

Co fin de favorecer a integración do estudantado, o programa inclúe un curso de galego ou castelán

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantado
  • Académica
Rebeca López Villar DUVI 30/07/2021

Só un 3% das persoas refuxiadas ten a posibilidade de acceder á educación superior, unha cifra que, segundo ACNUR, revela a situación de desvantaxe na que se atopa a poboación migrante. Tendo en conta que a educación supón unha grande oportunidade de integración para todas as persoas, a Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE) declaraba no ano 2015 que as institucións universitarias “non poden permanecer indiferentes ante o drama dos refuxiados”. 

Consciente da situación dos grupos de persoas provenientes de zonas en conflito e de acordo coas recomendacións da CRUE, a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo acaba de lanzar un programa piloto de dúas bolsas para facilitar o acceso de refuxiadas e refuxiados aos estudos universitarios durante o curso 2021-22. 

Cada unha das axudas ofertadas cubrirá a totalidade da matrícula de grao, máster ou título de especialista universitario, así como parte do aloxamento e manutención, ata un máximo de 2000 euros. Ademais, co fin de incentivar a súa integración no contexto galego, as persoas beneficiarias recibirán un curso de lingua castelá ou galega. Deste xeito, asegura a vicerreitora Maribel Doval, a UVigo responde “a unha realidade social que quería atender” e súmase ao grupo de universidades españolas que xa ofrece este tipo de bolsas dirixidas a alumnado refuxiado. 

Unha oportunidade para o colectivo destinatario e o estudantado local

Grazas a este programa, o estudantado refuxiado poderá “exercitar o seu dereito de acceso á educación superior mentres circunstancialmente se atopa en situación de demanda de protección internacional no noso país”, explica Doval, que describe a Universidade de Vigo como unha institución “acolledora e inclusiva” que quere dar resposta “ás necesidades e aspiracións lexítimas das persoas refuxiadas, que aspiran a construír o seu futuro con dignidade”.

As bolsas, continúa, servirán para “non desperdiciar talento” e subliña que supoñen unha oportunidade para as beneficiarias e beneficiarios porque “poderán desenvolver o seu potencial científico”, pero tamén “para que o estudantado local coñeza xente doutros países, enriquecendo a diversidade cultural do campus”. 

Responsabilidade social e Axenda 2030

No que concirne ás motivacións da UVigo para lanzar esta liña de axudas, Maribel Doval sinala que tanto os Estatutos da Universidade como o Plan Estratéxico recollen compromisos e obxectivos en consonancia coa convocatoria. Así mesmo, afirma que “a Universidade está comprometida con non deixar a ninguén atrás por razóns económicas”, como reflicte o artigo 64.h. dos Estatutos, e formar parte das universidades que dan acubillo á poboación migrante implica ademais unha “primeira aproximación a unha filosofía á que aspiramos”.   

Desde a aprobación da Axenda 2030 en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, as estratexias de responsabilidade social da UVigo están orientadas á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Neste senso, a vicerreitora indica que estas novas bolsas responden aos ODS 4 e 10: “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, e promover oportunidade de aprendizaxe durante toda a vida para todos” e “reducir a desigualdade en e entre os países”. 

Alén destas bolsas, Doval recorda que a Universidade colabora regularmente con entidades sociais e traballa en campañas e actividades de sensibilización, como a xornada sODStendo o planeta, “onde se trataron aspectos como o acceso á vivenda, a fenda dixital ou os fluxos migratorios en Galicia”. Outra acción que destaca é a entrega dos II Premios Consello Social UVigo_Humana, que no ano 2020 galardoaron a Provivienda e ao Fondo Galego de Cooperación, incidindo no recoñecemento a organizacións non gobernamentais que, de feito, “asesorarán á UVigo neste novo programa de axudas”.  

Así, a vicerreitora asegura que “a Universidade pretende ser un espazo natural para xerar actitudes de cidadanía global en todos os seus membros” e anima a outras ONGD “a achegarse á UVigo en busca dun socio estratéxico co que colaborar na promoción de cidadáns e cidadás globais”. 

Presentación de solicitudes ata o 15 de setembro

Poderán solicitar as Bolsas para o estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional as persoas que teñan a condición de beneficiarias de protección internacional na data de fin de presentación de solicitudes, o 15 de setembro. A solicitude tramitarase en liña e as e os solicitantes deberán manifestar o interese de inscribirse ou ter realizado xa a inscrición nunha titulación oficial de grao, máster ou nunha titulación de especialista da UVigo.