DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 2ª edición do workshop 'Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado'

UVigo e Deputación de Pontevedra erguen a bandeira violeta fronte os 'machitroles' do mundo dixital

A xornalista Montserrat Boix inaugurou a xornada lembrando a importancia de verificar a información

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M.Del Río DUVI 03/12/2020

Noticias falsas e desinformación sobre cuestións de xénero, acoso ás mulleres nas redes sociais, ameazas ás feministas, algoritmos machistas nas plataformas web ou empregos tecnolóxicos masculinizados. Todas estas realidades conforman un patriarcado dixital que vén a unirse ás tradicionais desigualdades de xénero que as mulleres levan sufrindo historicamente. Estes novos comportamentos sexistas e discriminatorios relacionados coas novas tecnoloxías centraron a segunda edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado organizado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo en formato virtual.

Ao longo da xornada deste xoves, mulleres expertas en economía dixital, TIC e contorna virtual crearon un espazo de reflexión colectiva arredor do denominado “patriarcado dixital”. O acto de apertura comezou coa condena conxunta polo asasinato machista dunha veciña de Gondomar onte mércores. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosaban o seu “rexeitamento e indignación” e lembraba que son 42 as mulleres asasinadas no que vai de ano e 1075 dende que hai rexistros. O reitor da Universidade, pola súa banda, denunciou que unha sociedade que “non é quen de protexer á metade da súa poboación é unha sociedade enferma”.

O 60% de nenas e adolescentes sofren acoso en liña

Carmela Silva, xunto con Manuel Reigosa, como representantes das entidades impulsoras da Cátedra de Feminismos 4.0, foron os encargados de inaugurar a xornada e alertaron de que queda moito por facer para acadar unha igualdade real. Silva alertaba sobre as “novas formas de exercer violencia sobre a mulleres” que aparecen no mundo dixital e referiuse a un estudo da ONG Plan Internacional que sostén que o 60% de nenas e adolescentes sofren acoso en liña. Delas, o 25% delas sinte que está en perigo físico como resultado dese acoso; o 42% manifesta ter perdido a confianza a raíz do acoso e unha de cada dúas sinte que o acoso en internet é mais forte que o que sofren na rúa. Revela tamén o estudo, como destacaba Silva, que as nenas enfróntanse a experiencias de acoso dende os 8 anos, pero é entre 14-16 cando o sofren con máis frecuencia. Estas formas de violencia inclúen a recepción de mensaxes explícitas, imaxes de contido sexual, ameazas de violencia física e sexual, comentarios racistas e anti LGTBI, humillacións e burlas e ataques polo aspecto físico. Antes estes datos, a presidenta da Deputación preguntábase “por que non hai medidas explícitas para protexer ás mulleres destes ataques nas redes? Como podemos combatelos? Como podemos visibilizar os traballos da mulleres? Como podemos organizarnos en rede?” Moitas desta preguntas analízanse nesta xornada con mesas redondas, relatorios e talleres, cuxa organización Silva quixo agradecer á Universidade de Vigo, que “leva o compromiso coa igualdade no seu ADN”.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, recoñecía que “temos certa igualdade formal, pero a real está moi lonxe, incluso en institucións públicas e universitarias”. Neste sentido referiuse ao estudo publicado pola UVigo sobre o impacto da pandemia na I+D+i que demostra que mentres os homes incrementaron a súa produción científica con respecto ao mesmo período do ano anterior, a das mulleres decreceu. “Isto significa que os homes aproveitamos para o noso beneficio en termos curriculares e de promoción profesional” a situación de confinamento, remarcada Reigosa, o que demostra a persistencia da fenda de coidados que fai que sobre as mulleres recaia o labor de coidado “dos nenos, os maiores ou as persoas enfermas”. Quixo tamén o reitor recoñecer o traballo realizado polos investigadores e investigadoras que traballan no eido da igualdade e o feminismo lembrando que os “estudos de xénero non son estudos menores” e animou a “non afrouxar, erguer a bandeira ben alta e aproveitar a vaga de cor violeta para seguir loitando pola igualdade”. 

“O sistema patriarcal está hackeando ás mulleres”

A xornada abriuse coa intervención da xornalista Montserrat Boix sobre sexismo e desinformación nos novos escenarios dixitais. Boix traballa dende 1986 nos servizos informativos de TVE, na sección Internacional, ademais de dar clase en mestrados universitarios en igualdade, tecnoloxías, comunicación e desenvolvemento con perspectiva de xénero. En 1996 creou Mujeres en Red, xornal dixital feminista e ten sido recoñecida con diversos premios polo seu traballo a favor dun xornalismo máis igualitario.

Boix comezou deixando un titular moi claro: “non estamos hackeando o patriarcado, en realidade o sistema patriarcal está hackeando ás muller e ao feminismo porque baixamos a garda”. Segundo a xornalista “non somos capaces de protexernos e unha das nosas vulnerabilidades son as emocións e os sentimentos, porque tiramos de vivencias individuais e isto fai que perdamos a perspectiva do colectivo que tiñamos hai 15 ou 20 anos”. Dende o seu punto de vista, o feminismo cría que as novas tecnoloxías podían axudar a que se escoitase a voz das mulleres pero, lonxe diso, o que se produciu foi unha “democratización da desinformación”. 

Outra das vulnerabilidades ás que se referiu é o feito de que as mulleres son tratadas “como consumidoras, non como usuarias, perdemos a tensión de analizar como estamos consumindo as tecnoloxías, utilizamos moitas plataformas que funcionan en contra nosa e son hostís para as mulleres en xeral, e para as feministas en especial”. Neste sentido remarcaba o perigo que supón non verificar a información e analizou os perigos da desinformación, das noticias falsas e da manipulación das redes, poñendo a Trump como exemplo, “porque existen un antes e un despois da campaña electoral de 2016 en EEUU”. Trasladado a España, referiuse ás campañas que levan anos tratando de desautorizar ás mulleres feministas e ás políticas de igualdade, como as que sosteñen a existen de multitude de denuncias falsas por violencia de xénero, cando segundo o Consejo General do Poder Judicial só representan o 0,1%.

Algoritmos machistas e problemas de privacidade

Para Boix, “cda vez costa máis identificar o que é verdade e o que non, polo que verificar a información debe ser unha función esencial do feminismo”. Neste sentido, remarcou que un dos principais problemas “é que nos fomos acomodando, permitimos que plataformas como Google nos dean as respostas sen cuestionarnos o que nos devolve ás preguntas que facemos” en referencia ao uso de algoritmos “pouco transparentes” con nesgos “machistas e racistas”. É por iso polo que considera Boix que Google e outras plataformas “poden ser unha importante ferramenta de desinformación se non prestamos atención e non somos críticos”.

A experta tamén quixo alertar de que “estamos aceptando que se invada a nosa privacidade, se acumulen datos sobre nós e se organicen modelos de negocio con eles”. Como consecuencia, engadía, recibimos propaganda política personalizada, ofertas de emprego clasificadas por xénero e mesmo poden xerarse situacións de perigo, xa que “os abusadores poden conseguir detalles das súas ex-parellas a través dun mercado de compra-venda de datos”. Para responder a todo isto, remarcaba a xornalista, “é preciso tomar conciencia, empoderarnos, establecer límites e loitar contra os monopolios das grandes tecnolóxicas e a prol da neutralidade da rede”. 

Para concluír, Boix fixo un chamamento para “seguir poñendo en valor o coñecemento colectivo e libre, temos que aprender a defendernos do ciberacoso contra as feministas, de insultos, noticias falsas, ameazas, intimidacións, etc. Non podemos esperar a que nos maten para tomar medidas, temos que establecer mecanismos para defendernos e esixir unha resposta contundente da xustiza”.

Fenda salarial

Tras a conferencia de apertura foi a quenda da catedrática da UVigo Coral del Río que se centrou nas diferencias entre homes e mulleres no mercado laboral. Segundo explicou, a fenda salarial vai en aumento a partires do nacemento do primeiro fillo ou filla no seo dunha parella heterosexual, o que representa unha especie de ‘imposto á maternidade’ que ten que ver máis con factores culturais que naturais. Así, a relación salario/hora é un 12,74% máis alta para os homes que para as mulleres en postos con ocupacións similares, o que quere dicir que “as mulleres están sobrerepresentadas en sectores que pagan menos ou en ocupacións con salarios máis baixos”.

A xornada da mañá completouse coa intervención da enxeñeira Ana Freire sobre estereotipos de xénero vencellados aos estudos científico-tecnolóxicos e unha mesa redonda sobre a fenda dixital, os nesgos de xénero en tecnoloxía e as nova formas de fascismo. Xa apola tarde está previsto un wikimaratón feminista para xerar biografías de mulleres e poñer en valor o seu traballo e un obradoiro virtual para combater machitroles, que achegará ferramentas para dar respostas aos comentarios machistas e misóxinos nas redes.