DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgaranse varios por cada rama do coñecemento, dotados de 500€ ou o pago da matrícula do mestrado

A UVigo destina 9000€ a premiar os mellores TFG e TFM relacionados coa Axenda 2030 e a cooperación ao desenvolvemento

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o día 30 deste mes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/09/2022

A Universidade de Vigo está comprometida coa implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030, especialmente con aqueles relacionados coa cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social. Precisamente para fomentar que estes temáticas estean presentes nas liñas de investigación e nos contidos formativos, a UVigo puxo en marcha hai catro anos os Premios ao mellor TFG/TFM en Axenda 2030, cooperación ao desenvolvemento e RSU. 

O prazo de presentación de candidaturas para a 4ª edición destes galardóns, na que se repartirán un total de 9000€, está aberto ata o vindeiro 30 setembro. A Finalidade é recoñecer os traballos de fin de grao e mestrado oficial realizados polo estudantado da Universidade de Vigo que se distingan por ser especialmente relevantes en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social.

Os premios distribuiranse por ramas do coñecemento, convocando un para a rama de artes e humanidades, outro para as ciencias e ciencias da Saúde, dous para o eido das ciencias sociais e xurídicas e outros dous para o campo da enxeñaría e a arquitectura. 
A contía máxima de cada premio será a escoller pola persoa beneficiaria entre un premio en metálico de 500 € ou os prezos da matrícula de mestrado oficial para o curso 2022/2023 na Universidade de Vigo, que deberá estar realizada o 15 de outubro de 2022. 

Para traballos cunha cualificación igual ou superior a 8,5

Para participar neste certame é preciso ter superado o traballo fin de grao ou mestrado oficial durante o curso 2021/2022 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual ou superior a 8,5 puntos sempre que a temática do estudo esta relacionada coa Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento ou a responsabilidade social corporativa. 

Respecto do primeiro eido, implica que o traballo aborte temáticas relacionadas cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que van dende o fin da pobreza, a educación de calidade, a igualdade de xénero, as cidades e comunidades sostibles, a acción polo clima, etc. No que se refire á cooperación ao desenvolvemento, os traballos poden abordar a cooperación financeira, a axuda alimentaria e humanitaria, os principios e fundamentos xurídicos, os dereitos humanos, as ONG e outros actores da cooperación, etc. Finalmente, no que atinxe á responsabilidade social corporativa, aceptaranse traballos relacionados coas políticas publicas inclusivas e centradas na igualdade de xénero, coa inclusión de persoas con discapacidade no emprego público; coa actuación responsable nas organizacións públicas e privadas, co código ético nas organizacións públicas e privadas, co deseño de plans de voluntariado nas organizacións públicas e privadas e coa mellora nas xestión de prevención de riscos laborais.

O alumnado que queira concorrer a este certame, xunto coa solicitude, deberán subir ao formulario en liña unha memoria en formato pdf de non máis de 10 páxinas nas que se describa as características do traballo, así como un informe do director ou directora e unha copia en formato pdf do TFG ou TFM.