DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou a segunda volta cun 56,02% do voto ponderado, fronte ao 43,98% de Belén Rubio  

A UVigo elixe a Carmen García Mateo como a súa primeira reitora 

As dúas candidaturas sumaron 3438 votos, aos que se engaden 81 en branco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Eleccións
  • Reitora
  • Institucional
DUVI 15/05/2026

“Esta reitora e este equipo gobernará para todos. O noso lema, 'todas as persoas un só proxecto' é inclusivo, dos que nos votaron e dos que non nos votaron. O talento non sobra e este será un proxecto integrador para todos”. Con estas palabras describía a reitora electa da UVigo Carmen García Mateo o que pretende que sexa a súa acción de goberno, logo de ser elixida para o cargo cun 56,02% do voto ponderado na segunda volta das eleccións á Reitoría celebradas este venres. García Mateo convértese así na primeira reitora da UVigo con 1915 votos válidos emitidos a candidaturas (1926 ponderados), logo de gañar nos sectores PDI-A, persoal docente con vinculación permanente, (408 votos válidos emitidos); estudantes (780); e PTXAS, persoal técnico de xestión, administración e servizos(438); e en todos os sectores do campus de Vigo e nos de Pontevedra, agás no PDI-B, resto do persoal docente, . 

Pola súa banda, Belén Rubio acadou o 43,98% do voto ponderado (1523 votos válidos emitidos a candidaturas), impoñéndose no sector PDI-B (346 votos válidos emitidos a candidaturas) e no campus de Ourense en todos os sectores, agás o PTXAS. “Entendo que o proxecto noso non gustou o suficiente, era integrador, dialogante e tiña visos de futuro, pero agora a nova reitora ten que facer o seu proxecto de goberno e aí estaremos plantando batalla no Claustro, no Consello de Goberno e onde faga falta”, dixo Rubio, que agradeceu o traballo do seu equipo e o impulso de reitor en funcións, Manuel Reigosa, para que se candidatase á Reitoría.

As dúas candidaturas sumaron 3438 votos, aos que se engaden 81 en branco, o que fai un total de 3519 votos válidos emitidos. Nesta segunda volta, a participación entre o PDI-A situouse no 71,62%, mentres no caso do PDI-B foi do 48,75%. Esta porcentaxe acadou o 6,80% no estudantado, sendo o PTXAS o sector cunha maior participación nestes comicios, cun 73,98%. En todos os casos, a participación foi inferior que na primeira volta, rexistrándose en conxunto 983 votos válidos a candidaturas menos que na primeira volta (4421 fronte a 3438).

No caso do PDI-A, a candidatura de García Mateo sumou un total de 408 votos, fronte aos 367 de Belén Rubio, que obtivo 346 apoios entre o PDI-B, fronte os 289 de Nós Universidade. A de Carmen García Mateo foi a candidatura máis apoiada entre o estudantado, acadando 780 votos fronte aos 694 de H2040, á vez que recibiu o respaldo maioritario do PTXAS, que outorgou 438 votos á candidatura de Carmen García Mateo e 116 á de Belén Rubio. Por campus, dos 3438 votos válidos a candidaturas rexistrados nesta segunda volta, 2025 pertencen ao campus de Vigo, 783 ao de Ourense e 630 ao de Pontevedra. A candidatura de García Mateo foi a máis apoiada tanto no campus de Vigo como no de Pontevedra, con 1290 e 346 votos, fronte os 735 e 284 de H2040. Pola contra, a candidatura de Belén Rubio foi a máis votada no campus de Ourense, onde sumou 504 votos válidos, fronte os 279 de Nós Universidade. 

“Unha muller nun mundo de homes” e “un produto da educación pública”

A reitora electa da UVigo considera que a comunidade universitaria refrendou hoxe a petición de cambio que amosou na primeira volta. “Desde o primeiro momento traballaremos na reorganización interna e necesitamos empezar a traballar xa” dixo García Mateo, que aludiu directamente ao PTXAS, “que foi dos colectivos que rotundamente pediu cambio e polo tanto empezaremos a traballar cos seus representantes”.

Como muller nun mundo de homes, “salvo na miña casa, que non había nin mulleres nin homes, senón que había fillos que sacar adiante”, dixo, Carmen García Mateo asegurou sentirse moi contenta de ser a primeira reitora da UVigo, ademais “dun orgullo e unha responsabilidade. Sempre digo o mesmo, creo que este mundo será moito máis xusto cando a metade dos fogares estean dirixidos por homes e a metade das empresas e institucións por mulleres. Entón, é un camiño efectivo, cara á igualdade entre mulleres e homes”. 

García Mateo asegurou acordarse neste momento do seus país e da súa familia e aproveitou para reivindicarse como “un produto da educación pública desde ‘parvulitos’ á universidade”. En canto ás claves da súa vitoria, a reitora electa aludiu a un modelo transparente e participativo, “pero cun liderado firme”; un equipo “firme e cohesionado”; un xeito de enfrontar os problemas “con cabeza fría, planificación, organización e rigor”; e un programa “cun peso específico importantísimo”. 
Rigor, solvencia e ausencia de improvisación, “para pasar do minifundismo a un proxecto común”, son as claves dunha acción de goberno, que a nova reitora electa defende. Preguntada por como lle gustaría deixar a UVigo cando finalice o seu mandato, García Mateo asegurou que quere “que siga sendo excelente en investigación, docencia e transferencia e sobre todo unha universidade cohesionada. Iso non quere dicir que todos pensemos igual, pero si que vexamos que o goberno ten un rumbo común”.

Traxectoria profesional e equipo de goberno

Doutora e enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid en 1993 e 1987 respectivamente, Carmen García Mateo desenvolve a súa traxectoria profesional na UVigo dende 1987, onde é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora responsable do Grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic. Traballa nos eidos de tecnoloxía da fala en galego e castelán, segmentación de audio e recoñecemento biométrico de persoas. En 2014 foi distinguida co premio Maria Josefa Wonenburger co que a Xunta de Galicia recoñece as carreiras profesionais de mulleres ligadas ao mundo científicos e tecnolóxico. É coautora de máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais e dirixiu 10 teses de doutoramento. Dende o punto de vista da xestión universitaria, exerceu como vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da UVigo entre 2006 e 2010 con responsabilidade adaptación da oferta académica da institución ao Espazo Europeo de Educación Superior. 

Carmen García Mateo dirixirá un equipo con Xosé H. Vázquez, profesor da Área de Organización de Empresas e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, á fronte da Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía; Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que foi secretaria xeral da UVigo e Valedora Universitaria, como vicerreitora de Oferta Académica; e Manuel Martínez, catedrático do Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2, como vicerreitor de Investigación.  

Polo que respecta á Vicerreitoría de Profesorado e Persoal Investigador, a persoa proposta foi Rebeca P. Díaz, catedrática na Área de Enxeñaría Telemática e directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, será ocupada por Rafael Comesaña, profesor da Área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas con docencia nas escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Completan o equipo Loli González, profesora titular na Facultade de Filoloxía e Tradución, que foi vicerreitora de Estudantes, para ocupar a Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, e Xabier Martínez Rolán, profesor da Facultade de Comunicación, para ser vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa; mentres que David Álvarez, profesor no Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e docente da escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Enxeñaría Industrial, liderará a Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade. 

A Vicerreitoría do campus de Ourense estará ocupada por Montserrat Cruz, profesora da Área de Organización de Empresas e na Escola Superior de Enxeñaría Informática e de Pontevedra, por Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva e docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Mentres, Enma Rodríguez, profesora titular acreditada a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ocupará o cargo de secretaría xeral da UVigo. 

Belén Rubio: “A comunidade universitaria falou dun xeito incontestable”

En declaracións ante os medios Belén Rubio valorou moi positivamente o nivel de participación acadado, tanto na primeira como na segunda volta. “A comunidade universitaria falou dun xeito incontestable, polo que non queda máis que darlle os parabéns a Carmen e ao seu equipo polo éxito acadado”, subliñou a candidata de H2040, quen tamén tivo palabras de recoñecemento para Jacobo Porteiro, candidato de ConSenso, “xa que todos traballamos moitísimo”. De seguido, agradeceu o traballo de todo o seu equipo e, en xeral, de todo H2040. “Traballamos con moitísima ilusión, foron campañas moi intensas, pero penso que conseguimos manter un ton excelente, tanto nos debates como no resto de actividades”, valorou Rubio, ao tempo que dedicou palabras de gratitude ao  reitor en funcións, Manuel Reigosa, “que foi quen me animou a meterme nesta andaina, primeiro como vicerreitora, e agora como candidata”.

Para o futuro teno claro: “Volverei a actividade docente e investigadora”, dúas actividades que sempre lle gustaron e non  deixará de lado a política universitaria. “O noso proxecto non gustou o suficiente, se ben penso que era unha proposta integradora, dialogante, con visos de futuro. Agora é a nova reitora a que ten que facer un proxecto de goberno e agardo que integre nel todas as demandas e sensibilidades da comunidade universitaria”, subliñou Rubio, ao tempo que admitiu que “aí estaremos para presentar batalla no Claustro, no Consello de Goberno e onde faga falta”.

E non quixo rematar sen lembrarse da súa familia, a súa parella e os seus fillos. Tras oito anos como vicerreitora de Investigación e Transferencia e meses de intenso traballo de preparación desta cita electoral, admite que, en certa maneira, están aliviados e alédanse de tela de volta.  “Como me di o meu fillo agora vou traballar para vivir e non vivir para traballar”.

En Vigo, Carmen García Mateo gañou en todos os sectores

No campus de Vigo o número de votos válidos ascendeu a 2070 (45 en branco). A candidatura de Carmen García Mateo foi a máis votada en todos os sectores. No grupo do PDI doutor con vinculación permanente á Universidade acadou 284 votos válidos fronte aos 204 de Belén Rubio. No sector do restante persoal docente e investigador, a candidata de Nós Universidade conseguiu 190 votos válidos e a de H2040 158. Polo que respecta ao alumnado, neste campus Carmen García Mateo sumou 470 votos fronte aos 300 de Belén Rubio. Por último, no caso do PTXAS de Vigo Carmen García Mateo obtivo 346 votos e Belén Rubio 73. En total, neste campus Nós Universidade obtivo 1290 votos válidos e H2040 735. 

En Ourense, máis votos para H2040

Cos resultados acadados, a nova vicerreitora do campus de Ourense será a profesora da Área de Organización de Empresas Montserrat Cruz, que concorría no equipo proposto pola candidatura gañadora. Neste campus, o número de votos válidos ascendeu a 804 (21 en branco). Neste caso a vitoria nos diferentes colectivos recaeu en Belén Rubio excepto no PTXAS. Concretamente, no sector PDI doutor con vinculación permanente á Universidade a candidatura máis votada foi a de H2040 (121 votos válidos), seguida pola de Nós Universidade (59). No sector do restante persoal docente e investigador, acadou o primeiro posto Belén Rubio (136 votos válidos) e Carmen García Mateo o segundo (46). Polo que respecta ao alumnado, neste campus a candidatura máis votada foi a de Belén Rubio (217 votos válidos), seguida pola de Carmen García Mateo (136). No PTXAS de Ourense Nós Universidade obtivo 38 votos válidos, superando os 30 de H2040. En total, no campus de Ourense Belén Rubio sumou 504 votos válidos e Carmen García Mateo 279. 

Pontevedra tamén dá a vitoria a Nós Universidade

A tenor dos resultados desta segunda volta, a nova vicerreitora do campus de Pontevedra será Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva, que concorría no equipo proposto por Carmen García Mateo. Neste campus, o número de votos válidos ascendeu nesta segunda volta a 645, dos que 15 foron en branco, sendo a candidatura de Carmen García Mateo a máis votada en todos os colectivos agás no do estudantado. No sector de persoal docente e investigador con vinculación permanente, Nós Universidade sumou 65 votos, fronte aos 42 de H2040;mentres que no caso do PDI-B, a candidatura de Carmen García Mateo sumou un voto máis que a de Belén Rubio (53 fronte a 52). Pola contra, H2040 acadou entre o estudantado tres votos máis que Nós Universidade (177 fronte a 174) no campus pontevedrés. No caso do PTXAS, a candidatura de García Mateo sumou 54 votos en Pontevedra e 13 H2040. En total, Nós Universidade obtivo neste campus 346 votos válidos e H2040, 284.