DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous responsables da institución visitaron esta semana os tres campus

A UVigo estreita a súa colaboración co Georgean Institute Of Public Affairs

No marco do programa de mobilidades Erasmus+ KA107

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 19/11/2021

Esta semana, os tres campus da Universidade de Vigo acolleron a visita de representantes do Georgean Institute Of Public Affairs (GIPA), da antiga república soviética de Xeorxia, país situado na intersección entre Europa e Asia. A iniciativa tivo lugar ao abeiro do  programa de mobilidades Erasmus+ KA107, do que tanto a UVigo como GIPA forman parte, e que ten como obxectivo ofrecer ao persoal e alumnado universitario oportunidades académicas en institucións de educación superior fóra de Europa.

A delegación do Georgean Institute Of Public Affairs estivo formada por Nikoloz Bakradze, responsable do Departamento de Relacións Internacionais, e por Bakur Kvashilava, profesor e responsable do seu School of Law and Politics. Durante a súa estadía reuníronse no campus de Pontevedra con Enrique Varela e Xosé Mao Grao, da Facultade de Dirección e Xestión Pública; no campus de Vigo con responsables da Oficina de Proxectos Internacionais, e no campus de Ourense, onde pecharon a súa visita, con  Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Ademais, neste último campus o profesor Bakur Kvashilava ofreceu xunto á profesora Mónica López Viso un seminario formativo a alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social.

Dúas institucións novas

Na súa visita á UVigo estiveron acompañados por María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, e tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións, centros e titulacións de interese. Segundo explicou a responsable académica, esta é a primeira participación da UVigo nun proxecto Erasmus+ KA107 e visita da delegación xeorxiana tivo como obxectivo estreitar a cooperación co Georgean Institute Of Public Affairs, co que se agarda pór en marcha un convenio bilateral de colaboración que permita incentivar o intercambio académico. O GIPA, explicou María Isabel Doval, é, ao igual que a Universidade de Vigo, unha universidade nova que, apuntou, “está centrada en titulacións do eido das ciencias sociais, pois creouse para formar ao funcionariado, aos xestores e aos líderes políticos de Xeorxia tras a súa separación da antiga Unión Soviética”.

Da visita realizada, Nikoloz Bakradze salientou “as boas impresións” recollidas e o desexo de que este encontro serva para incrementar a colaboración entre as dúas institucións académicas. O Georgean Institute Of Public Affairs, indicou na súa visita ao campus de Ourense, é unha institución nada en 1994 tras a declaración de independencia de Xeorxia en 1991 da antiga Unión Soviética. Con arredor dunha vintena de programas formativos de grao, mestrado e posgrao e con arredor de 1500 estudantes, o centro, sinalou Nikoloz Bakradze, nos últimos cinco anos ten incrementado notablemente as súas relacións internacionais, participando en iniciativas do marco europeo como este proxecto Erasmus+ KA107 no que coincide coa UVigo.