DUVI

Diario da Universidade de Vigo

EduFusion Network for Sustainable Growth está financiado pola UE

A UVigo forma parte dun proxecto internacional destinado a transformar a educación superior en Kazakhstán

Promoverá o crecemento sostible a través da colaboración entre universidades, industria e sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 16/01/2025

A cidade lusa de Porto acolle esta semana o lanzamento do proxecto de cooperación internacional EduFusion Network for Sustainable Growth. A Universidade de Vigo é un dos dez socios desta iniciativa que busca transformar a educación superior en Kazakhstán e promover o crecemento sostible neste país a través da colaboración entre universidades, industria e sociedade.

EduFusion NSG é, tal e como explican desde a súa organización, un innovador programa de cooperación internacional de catro anos de duración financiado polo programa europeo Erasmus+ (CBHE Capacity Building in HE, Strand 3). Conta cun financiamento próximo ao millón de euros, concretamente 989.792 euros, e reúne “institucións kazakas clave” como o Ministerio de Educación e Ciencia de Kazakhstán; a Kazakh Society of Engineering Education e seis universidades deste país “recoñecidas a nivel mundial pola súa excelente posición nos ránkings internacionais”. Ademais no proxecto participan tres institucións europeas: a Universidade de Vigo; o Instituto Politécnico de Porto (Portugal), coordinador da iniciativa, e Enter Network, unha organización global que conecta universidades e empresas en Europa. O programa está liderado por João Rocha, catedrático no Instituto Superior de Engenharia do Porto (ISEP) e expresidente desta institución.

Participación multidisciplinar da UVigo

A Universidade de Vigo é a única institución española no proxecto e está representada nel por María Isabel Doval, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, que achega a súa experiencia en inclusión, diversidade e responsabilidade social. Xunto a ela participan os catedráticos e profesor da UVigo Marcos Arias, Óscar Rubiños e Fermín Navarro, “recoñecidos expertos en enxeñaría de telecomunicacións, aeroespacial e educación superior baixo o marco CBHE (Capacity Building in Higher Education)”.

O grupo da UVigo “contribúe ao proxecto coa súa experiencia en Enxeñaría para Todos, un enfoque que busca integrar a inclusión, a diversidade e a equidade nas escolas de enxeñaría europeas”. Isto, detallan desde o equipo, inclúe a implementación de actividades que promovan a atención a colectivos vulnerables ou infrarrepresentados nas enxeñarías, como persoas refuxiadas, con discapacidade, comunidades indíxenas, rurais ou mulleres. Ademais, traballa na promoción dun recoñecemento social inclusivo do persoal docente nas enxeñarías.

Un enfoque integral

Kazakhstán é un país transcontinental, coa maior parte do seu territorio situado na Asia Central e unha menor en Europa, que constitúe o noveno país máis grande do mundo en canto a superficie e que ten unha poboación de arredor de 19 millóns de persoas. EduFusion NSG, sinalan desde a súa organización, ten un enfoque integral deseñado para transformar a educación superior neste país, “centrándose en aliñar os resultados educativos cos requisitos do mercado laboral e promover o crecemento sostible e a creación de emprego”.

O proxecto ten como reto crear en Kazakhstán un ecosistema que inclúa vínculos estreitos entre a industria e o mundo académico, a formación e certificación de docentes e a provisión de cursos en liña que satisfagan as necesidades do mercado para garantir “un crecemento sostible e aumentar o espírito empresarial a nivel nacional en Kazakhstán”. Así, os seus obxectivos inclúen o desenvolvemento de plataformas colaborativas académico-industriais, a certificación de educadores e a creación de aplicacións educativas e sociais virtuais.