DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns deuse a coñecer a manifestación de interese das universidades sobre estas titulacións

A UVigo impartirá 11 dos 13 novos mestrados interuniversitarios previstos para o curso 2023/24

Deseñados ao abeiro do estudo ‘Galicia 2030’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 26/07/2021

A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e as tres universidades galegas deron a coñecer estes luns a manifestación de interese que cada unha das universidades amosou sobre os 13 novos mestrados deseñados ao abeiro do estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, impulsado pola Xunta de Galicia e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). Nela contémplase que a Universidade de Vigo impartirá, de xeito interuniversitario, 11 dos 13 novos títulos previstos.  

A presentación contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e dos reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia, Manuel Reigosa (Universidade de Vigo), Antonio López (Universidade de Santiago de Compostela) e Julio Abalde (Universidade da Coruña). O conselleiro destacou o consenso coas tres institucións académicas á hora de abordar estas titulacións “baixo un marco de cooperación e xenerosidade, tomando como referencia o acordo marco que asinamos o pasado mes de xuño para pechar o Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia ata 2026, que dá continuidade á senda de colaboración e diálogo que vimos mantendo o Goberno galego e as tres universidades”.

Os 13 novos mestrados distribúense arredor de catro grandes áreas: Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e a Enxeñaría e Arquitectura. Na primeira das áreas está previsto poñer en marcha as titulacións de máster en Economía Circular (UDC, USC e UVigo), en Fabricación Aditiva (UDC e UVigo), en Xestión Sostible e Avanzada da Auga (UDC, USC e UVigo) e en Tecnoloxía Téxtil (UDC). No que respecta ás Ciencias da Saúde implantaranse as titulacións de máster en Biofabricación (UDC, USC e UVigo), en Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria (UDC e USC) e en E-saúde (UDC, USC e UVigo), mentres que na área de Ciencias Sociais e Xurídicas os novos másteres serán os de Comportamento do Consumidor e Experiencia de Cliente (UDC, USC e UVigo), en e-government e Transformación Dixital (UDC, USC e UVigo) e en Innovación Educativa (UDC, USC e UVigo). Finalmente, no ámbito da Enxeñaría e a Arquitectura, o estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias sinalou como titulacións a deseñar os másteres en Internet das cousas (UDC, USC e UVigo), en Realidade Extendida (UDC, USC e UVigo) e en Vehículos Autónomos (UDC, USC e UVigo).

Aposta polas titulacións interuniversitarias

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade puxo en valor o equilibrio da manifestación de interese feita destas titulacións, apostando polas de carácter interuniversitario, “xa que a práctica totalidade, 12 dos 13 mestrados involucran a dúas ou tres universidades”, destacou. Román Rodríguez indicou que esta aposta polas titulacións interuniversitarias é “o resultado da nosa firme convicción á hora de impulsar a colaboración e a creación de sinerxías entre as nosas universidades”, cun modelo “que favorece a eficacia e a eficiencia dos nosos campus, fomentando o intercambio de coñecemento e de todo tipo de recursos, humanos e materiais, entre os diferentes campus e que fai que todo o capital das nosas universidades se sume e mesmo se multiplique”.

Segundo aclarou o representante da Xunta, o proceso realizouse en colaboración coas universidades atendendo a criterios obxectivos acordados entre as partes como a relación das distintas titulacións co tecido socioeconómico da contorna (co fin de favorecer a empregabilidade dos egresados e o intercambio de coñecemento entre as universidades e o tecido empresarial), as características do profesorado dispoñible e a garantía de calidade da titulación e a adecuación dos metrados coa estratexia de especialización dos campus. En calquera caso, indican desde a consellaría, poderá haber variacións en función dos traballos técnicos que deben realizar a partir de agora as universidades e a distribución por campus darase a coñecer cando o proceso para a implantación estea máis avanzado. Constituiranse 13 comisións de traballo, unha por cada novo título, para traballar nas memorias de cada titulación. O obxectivo é que as novas titulacións poidan comezar a impartirse no curso 2023/2024.