DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de preinscrición neste título propio xa está aberto

A UVigo e o Instituto Politécnico de Bragança ofertan un Curso de Especialista Internacional en Termalismo e Spa

Enmárcase no proxecto de especialización do Campus Auga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 11/05/2021

A Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) poñen en marcha un Curso de Especialista Internacional en Termalismo e Spa. O seu obxectivo é proporcionar ás persoas inscritas coñecementos teóricos e prácticos sobre termalismo e hidroterapia desde un punto de vista holístico, abranguendo “todos os aspectos relacionados con este importante sector económico, turístico e de saúde”. O prazo de preinscrición xa está aberto.
 
No campus de Ourense, a formación está organizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social, co profesor José María Faílde á cabeza, e desde a Escola Universitaria de Enfermaría, coa profesora Mª Reyes Pérez na coordinación, e no marco do proxecto de especialización do Campus Auga. Segundo explican os responsables do curso, “o título propio Especialista Internacional en Termalismo e Spa nace para ocupar un lugar destacado na oferta de formación posgraduada do Campus da Auga. Este campus, especializado como o seu nome indica en todos os aspectos nos que a auga ten protagonismo, oferta este curso para dar resposta académica á demanda dos alumnos e alumnas egresadas e dos profesionais do sector”. A idea de ofrecer esta actividade sobre termalismo, detallan os seus coordinadores, partiu do Instituto Politécnico de Bragança “e como encaixaba á perfección cos contidos do Campus Auga e coas características definitorias da nosa cidade e provincia, decidiuse abordar esta formación”.

Clases telemáticas e prácticas

O curso consta en total de 360 horas. 180 delas serán clases telemáticas teóricas nas que se abordarán aspectos tales como a calidade da auga (hixiene e seguridade en estancias termais e spas; lexislación e regulamentación); a auga como xeradora de valor; a innovación en termalismo; as técnica hidroterápicas e a saúde pola auga. O resto de horas dividiranse en estadías de prácticas en institucións relacionadas coa temática do curso e na realización dun traballo fin de estudos. As e os profesores do título propio Especialista Internacional en Termalismo e Spa, indican os seus responsables, “ademais de posuír unha titulación, coñecementos e experiencia acreditada, atópanse entre os maiores expertos sobre termalismo e hidroterapia de España e Portugal”.

A formación está destinada a graduadas e graduados universitarios e tamén a profesionais directamente relacionados coa especialidade do título que reúnan os requisitos legais para cursar estudos universitarios e que acrediten un mínimo de tres anos de experiencia profesional. “O perfil destinatario é amplo, vai desde responsables desta temática en institucións a  profesionais do sector (de balnearios, termas ou spas), pero tamén a graduados de diferentes áreas, como ciencias ambientais, tecnoloxía dos alimentos, traballo social, turismo, enfermaría, fisioterapia, medicina, etc”, explican os promotores da iniciativa.

O custe da matrícula é de 760 euros. O prazo de preinscrición está aberto desde o 10 de maio e a matrícula poderá realizarse a partir do 10 de xuño, sendo a concesión de prazas por orde de preinscrición. O número mínimo de alumnos e alumnas para poder impartir o curso é de 15 e o máximo de estudantes será de 25. A formación impartirase durante o curso académico 2021/2022: de setembro a marzo celebraranse clases telemáticas de dúas horas de duración catro días á semana, de luns a xoves; en abril/maio serán as prácticas e en xuño a exposición e defensa dos traballos de fin de curso.