DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consolida esta posición, tras subir un chanzo na edición pasada

A UVigo mantense na franxa 801-1000 das mellores universidades do mundo segundo o ránking Times Higher Education 2025

O aspecto no que a institución segue obtendo a mellor valoración é a calidade da investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/10/2024

A Universidade de Vigo volve repetir na franxa 801-1000 entre as mellores universidades do mundo segundo o ránking Times Higher Education 2025, publicado este mércores. Deste xeito, a institución académica olívica consolídase nesta posición, á que ascendeu o ano pasado, despois de varios anos no rango 1001-1200.

O clasificación deste ano avalía 2092 institucións académicas de 115 países e territorios de todo o mundo empregando unha metodoloxía que inclúe 18 indicadores coidadosamente calibrados para avaliar a universidades en cinco áreas clave: ensino, ambiente de investigación, calidade da investigación, compromiso coa industria e perspectiva internacional. O estudo elaborouse en base a 157 millóns de citas, 18 millóns de publicacións de investigación e respostas a enquisas de máis de 93.000 académicos e académicas de todo o mundo.

A calidade da investigación, o punto forte da UVigo

A mellor puntuación da UVigo, 60.0 puntos, corresponde á calidade da investigación, aspecto no que se ten en conta o impacto das citas e a fortaleza, excelencia e influencia da investigación. Cómpre salientar que neste indicador a valoración da institución viguesa increméntase respecto da pasada edición, na que acadaba 57.8 puntos. No que se refire a compromiso coa industria e a transferencia, a UVigo acada 57.7, moi por riba dos 49.5 puntos da edición 2024. Neste campo téñense en conta os ingresos captados a través de colaboración e centrados coa contorna industrial e económica e as patentes. Tamén se acada moi boa valoración no que se refire á perspectiva internacional, que atende á proporción de estudantado e persoal estranxeiro e á cooperación internacional, con 49 puntos, subindo tamén respecto do ano pasado, cando se acadaron 47.4. O ránking tamén avalía a docencia, un eido no que se valora a reputación, o ratio de docentes/estudantes ou a porcentaxe de doutores respecto do de graduados, e no que a UVigo acada 23.9 puntos. Finalmente, no que se refire ao ambiente da investigación, aspecto no que se valora a reputación, os ingresos e a produtividade da investigación, institución viguesa acada 19.8 puntos, por riba dos 17.9 da pasada edición.

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, amósase “bastante satisfeita” cos resultados porque, “ademais de manternos no nivel 800-1000, fomos quen de mellorar nalgúns aspectos como o impacto das citas, a excelencia e a transferencia”. Algúns destes datos, engade, “xa foron salientados recentemente pois no ano pasado acadamos mais de 7,4 M€ en actividades de transferencia, estando moi por riba da media das universidades españolas”. En canto ás publicacións e o seu impacto “tamén está relacionado coa gran colaboración internacional que ten o persoal investigador da UVigo, que se vén incrementando desde o ano 2021 chegando a acadar preto dun 50% de colaboración internacional nas publicacións”. 

Oxford, a mellor do mundo por noveno ano consecutivo

Oxford mantén, por noveno ano consecutivo, o primeiro lugar desta clasificación mundial. Deste xeito convértese na universidade do mundo que se mantén máis tempo á fronte do THE, superando o período de oito anos de Harvard que terminou en 2011. 

O segundo posto na táboa ocúpao o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) que reempraza neste lugar á Universidade de Stanford, que cae do segundo ao sexto lugar. O terceiro chanzo é para a Universidade de Harvard, que sube dende o  cuarto lugar. A primeira universidade española clasificada é a de Barcelona, no posto 149, seguida pola Pompeu Fabra no 176 e a Autónoma de Barcelona no 199, mellorando todas elas os lugares acadados na edición pasada. 

Respecto do resto de institucións españolas que aparecen nesta listaxe, un total de 59, a Universidade de Vigo ocupa o posto 30. A Universidade de Santiago de Compostela á a mellor clasificada entre as galegas, na franxa 601-800 no posto 13 entre as españolas, mentres que a Universidade da Coruña atópase na franxa 1201-1500 e no posto 46.

Atendendo á clasificación por indicadores, o MIT lidera a listaxe en docencia; en internacionalización faino a Ajman University, de Emiratos Árabes Unidos; en transferencia a California Institute of Technology; en ambiente de investigación, a Ofxord University, e finalmente, na calidade da investigación volve situarse á cabeza o MIT.