DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo volverá á competición Formula Student co novo monopraza, o UM20

UVigo Motorsport traballará na construción dun coche totalmente autónomo para 2021

Máis de 70 persoas participan no proceso de selección para formar parte do equipo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI 29/10/2019

Comezou como un proxecto humilde pero tras cinco anos de vida o equipo UVigo Motorsport está conseguindo resultados cada vez mellores. O ano pasado co monopraza UM19 obtiveron o 9º posto na proba de resistencia de 22 km Endurance do circuíto español de Montmeló, sendo o mellor resultado ata o momento e demostrando así a evolución do equipo. 

O proxecto automobilístico dos estudantes da Universidade de Vigo inicia unha nova tempada que incluirá novos membros con novos coñecementos, aptitudes e moita ilusión, xuntos traballarán para deseñar e fabricar o seu novo monopraza. O seu obxectivo é que o UM20 teña maiores prestacións que o seu antecesor para acadar mellores postos no Formula Student, unha das competicións universitarias máis importantes do mundo. A isto súmase unha nova meta, xa que en 2021 os monoprazas terán que competir nunha das probas de forma totalmente autónoma, polo que o equipo vigués comeza xa a traballar en paralelo nos desenvolvementos necesarios para o UM21.

Proceso de selección pechado

A familia UVigo Motorsport non para de medrar e este ano máis de 75 persoas presentaron a súa candidatura para converterse en novos integrantes do equipo. O 5 de outubro era a data límite para participar no proceso de selección, que estaba aberto para todo o alumnado matriculado na Universidade e a acollida foi moi boa. Se o ano pasado era Belas Artes a nova titulación que se incorporaba, este ano parece que os alumnos da Escola Superior de Enxeñería Informática tamén queren aportar o seu gran de area no proxecto. A comezos do mes de novembro coñeceranse os membros do novo equipo, dos que 16 se manteñen da tempada pasada.

O alumnado veterano será o encargado de formar aos seus novos compañeiros, que ademais participarán en cursos de formación en deseño asistido por ordenador, análise de circuítos eléctricos, manipulación de programas de simulación e deseño, entre outros. Unha das principais novidades deste ano será a creación dunha delegación satélite no campus de Ourense, que traballará de forma telemática co de Vigo, onde se desenvolverá o novo monopraza. Con este cambio buscan que o proxecto sexa parte de toda a Universidade “creando así unha gran familia entre as diferentes ramas que a compoñen”, sinala Manuel Diz, o xerente do equipo.

Novos retos para a temporada 2019/2020

Diz afirma que este ano terán que estudar o futuro das tecnoloxías emerxentes que estarán no mercado nos próximos anos. “Seguindo o novo enfoque da competición de Formula Student, estamos comezando a desenvolver os sistemas necesarios para dar o salto ao coche autónomo”, apunta. Neste curso ademais da construción do próximo monopraza, o UM20, tamén terán que comezar a expoñer o que será a parte autónoma do UM21, “o que converte esta tempada nun reto aínda maior se falamos dun sistema totalmente novo para nós no que teremos que empregar gran cantidade de tempo e esforzo”. No 2021 todos os monoprazas que disputan o Formula Student terán que competir nunha das probas de forma totalmente autónoma. Para a realización destas tarefas , o equipo universitario estreará este ano un novo departamento que se encargará especificamente desta nova tecnoloxía. Para a creación deste órgano buscaranse perfís de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial, concretamente no ámbito da electrónica e automática.

Nesta tempada tamén tentarán mellorar os resultados no circuíto de Montmeló, o seu Grand Prix, onde o ano pasado conseguiron o 9º posto na proba Enduranc. No 2020 queren superar esta marca e centrarán no circuíto español os seus obxectivos máis ambiciosos. Polo momento aínda non teñen claros os outros circuítos nos que participarán. Tras algunhas dificultades coa planificación na tempada pasada, este ano “queremos desenvolver as actividades nun plano temporal máis reducido, conseguindo acurtar o tempo de fabricación do chasis que non sería posible sen a colaboración da empresa Coasa”, afirma Manuel Diz. 

Os patrocinadores aumentan en función das necesidades do proxecto

Neste proxecto automobilístico estudantil colaboran diversos patrocinadores que lles permiten realizar diferentes actividades nas súas instalacións, ademais de cederlles materiais ou asesoralos na construción do monopraza. O equipo sempre está aberto a aumentar patrocinadores pero sempre en función das necesidades do proxecto. “A principios de ano, cando establecemos os obxectivos e os cambios que queremos implementar no monopraza, realizamos un estudo de necesidades para saber que empresas poden encaixar”, comenta Diz.