DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con 6,9 millóns de euros, inclúe o traballo de 22 socios liderados desde Bélxica

A UVigo participa nun proxecto europeo que emprega a intelixencia artificial para loitar contra o crime e o terrorismo na rede

O obxectivo é axudar á policía a descubrir comunicacións escondidas en contidos multimedia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/07/2021

Intelixencia artificial para loitar contra o crime e o terrorismo na rede. A Universidade de Vigo é un dos socios do proxecto europeo Uncover, Development of an efficient steganalysis framework for uncovering hidden data in digital media, un traballo posto en marcha co obxectivo de facilitarlle ás diferentes axencias europeas de seguridade (LEA) a detección de información oculta en datos de aparencia inocente como imaxes, vídeos, audios e arquivos de texto que circulan en calquera tipo de contorna dixital. Financiado pola Comisión Europea con 6,9 millóns de euros dentro do programa Horizonte 2020, o proxecto está coordinado pola Real Academia Militar de Bruxelas e suporá a colaboración dun consorcio integrado por 22 socios de nove países, entre eles, as principais axencias europeas de seguridade, institutos forenses e investigadores líderes neste campo que traballan en oito universidades e institutos de investigación, entre eles o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, GPSC, da agrupación estratéxica atlanTTic da UVigo, e varias empresas.

Para lograr o seu obxectivo os participantes de Uncover comprométense a impulsar a investigación en esteganografía, unha técnica de ocultación de información en arquivos multimedia dixitais de aparencia inocente, de cara a aumentar substancialmente a autonomía tecnolóxica das axencias de seguridade á hora de detectar este tipo de arquivos. Arrancaron o 1 de maio é por diante teñen 36 meses de traballo. Entre outros socios cómpre destacar a participación da policía dos Países Baixos, o Ministerio do Interior de Francia ou a Oficina Nacional de Investigación de Finlandia. 

“Todo un recoñecemento á nosa investigación na análise forense de imaxes e vídeos”

Desde a Universidade de Vigo dirixe o proxecto o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Fernando Pérez, quen explica que a principal tarefa do seu grupo de investigación neste traballo será aplicar técnicas de análise forense de contidos (imaxes e vídeo) como preprocesado para detectores estenográficos específicos, “isto é, detectores de comunicacións secretas  escondidas en contidos multimedia”. Estes detectores especialízanse, tal e como explica o docente vigués, en función da historia previa de ditos contidos: “por exemplo, sabendo que unha imaxe pasou por Instagram e despois por Whatsapp, podemos deseñar detectores de comunicacións secretas máis efectivos”, apunta Pérez, ao que engade que no seu caso, a análise desa historia previa farase empregando tanto técnicas estatísticas clásicas como de intelixencia artificial.

Xunto a el formarán parte do equipo de investigación de Uncover na UVigo, o profesor Pedro Comesaña e os investigadores Elena Rodríguez e David Vázquez. “Ter sido seleccionados para participar neste consorcio europeo é todo un recoñecemento á nosa investigación na análise forense de imaxes e vídeos, algo no que levamos xa moito tempo traballando”, apunta o responsable do proxecto. Con máis de 300.000 euros de financiamento –parte que lle corresponde á UVigo do total do proxecto-, desde o seu punto de vista, o que fai especialmente interesante este traballo é, por unha banda, a aplicación “que se sae da típica de detección de manipulacións e verificación da integridade de imaxes e vídeos e se centra no preprocesado para a detección de comunicacións secretas”, e, pola outra, a participación de numerosas policías e institutos forenses de Europa, “que nos van dar de primeira man a súa perspectiva de usuarios”.

Traballo suxeito a “elevadísimas” medidas de seguridade

Cualificado como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de forma ininterrompida desde a instauración destas axudas no 2006 e con ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos europeos –participaron xa en oito traballos financiados polos diferentes programas marco- , este é o proxecto máis grande no que nunca participou o Grupo de Procesado de Sinal nas Comunicacións. “Para nós traballar nestas temáticas con vinte e dous socios vai a supor todo un reto, sobre todo polas elevadísimas medidas de seguridade que imos ter que implementar”, explica o coordinador.

Xunto ao grupo GPSC de atlanTTic, outro dos socios españois do proxecto é Gradiant. Nesta caso, o centro tecnolóxico galego liderará unha das actividades de investigación deste proxecto traballando tamén con tecnoloxías de análise forense.  O obxectivo será desenvolver unha ferramenta (baseada en tecnoloxías de Machine Learning) que permita obter información dunha imaxe e localizar determinadas trazas inseridas por ferramentas de esteganografía, mellorando considerablemente a información achegada polas ferramentas de estegoanálisis. Así mesmo, os especialistas de Gradiant traballarán noutra da actividades de Uncover con intelixencia artificial e tecnoloxías de procesado de linguaxe natural ( PLN) para deseñar un novo método de detección de estegoanálisis de texto.

Completan o cadro de socios españois a policía autónoma vasca e a empresa alacantina Ethical&Legal Plus, spin-off da Universidad Miguel Hernández que será a responsable de monitorizar os aspectos éticos e legais do proxecto.