DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo formado por Marta Llorca e Tomás García obtivo a medalla de ouro onte en Antequera

A UVigo proclámase campioa de España universitaria de golf

Ademais, Llorca tamén se fixo coa vitoria na categoría individual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 26/05/2022

O alumnado da Universidade de Vigo segue sumando medallas nos campionatos de España universitarios. Despois de que esta pasada fin de semana o estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Martín Pintos acadase co seu bronce no CEU de tenis de mesa o primeiro metal para a UVigo nesta modalidade deportiva, desta volta, é o golf o que volve traer boas novas. 

O equipo formado por Marta Llorca e Tomás García conseguiu onte mércores a medalla de ouro nunha competición que se desenvolveu en Antequera, Málaga. Llorca, estudante do Grao en Dereito en Vigo e Tomás García, do Grao en Comercio, superaron con claridade (459 golpes) ás universidade de La Rioja e Málaga, con 475 e 483 golpes respectivamente, o que amosa o excelente torneo do estudantado da UVigo e a diferenza co resto de equipos rivais.

Marta Llorca, ouro individual

No que se refire ás clasificacións individuais, Llorca tamén se proclamou vencedora. A estudante, que conta con experiencia nos equipos nacionais, obtivo unha vitoria clara cunhas tarxetas de 75, 78 e 75 impactos que lle reportaron unha vantaxe de once respecto da andaluza Esperanza Serrano e doce respecto da palentina Cristina Carlón, dúas veces campioa de España de Pitch & Putt. En concreto, Marta acadou o primeiro posto na modalidade scratch e o terceiro en hándicap. Mentres, Tomás García foi segundo en hándicap, a só dous golpes do ouro, e 10º clasificado na modalidade scratch. 

Con estes resultados a Universidade olívica toma o relevo da Universidad de Málaga no máis alto do golf universitario, institución que viña dominando os torneos nos últimos anos.