Este luns asinaron o acordo os representantes das tres partes
A UVigo renova o convenio de colaboración con AGEF e Inditex para impulsar a Cátedra de Empresa Familiar
Con actividades de formación, transferencia e I+D para espertar o espírito emprendedor do alumnado
A Universidade de Vigo asinou este luns a renovación do convenio de colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Inditex para seguir impulsando a Cátedra de Empresa Familiar durante os próximos catro anos. No acto de firma participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, e o secretario xeral e do Consello de Inditex, Javier Monteoliva.
A cátedra púxose en marcha en 2005 para fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos no campo da empresa familiar a través da organización de distintas actividades educativas e foros de encontro entre persoal académico, empresariado e alumnado. Nesta nova etapa, a profesora do Departamento de Organización de empresas e márketing Elena Rivo pasará de subdirectora a facerse cargo da dirección da cátedra, en substitución do catedrático Santiago Lago.
As compañías familiares, o 85% do tecido empresarial galego
Tras a sinatura do convenio, o presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, lembrou que “o 92,4% das empresas galegas son de orixe familiar e achegan arredor do 85% do VAB empresarial de Galicia. Como motores da economía da rexión apostamos pola colaboración coa Universidade para achegar a empresa familiar e o emprendemento ás novas xeracións”.
Neste sentido, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, puxo en valor a importancia que ten para a institución académica esta cátedra dado o peso da empresa familiar no tecido económico de Galicia. “Na Universidade temos excelentes profesionais, así como algún mestrado moi específico que traballa con estes temas e para nós é moi importante contar, por unha banda, co apoio dos nosos compañeiros nesta aventura e, por outra, cos retos de investigación que nos van plantexar, que de seguro van facer que a nosa sociedade sexa máis próspera e que teñamos ferramentas para poder desenvolver moito mellor estas empresas”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Inditex, Javier Monteoliva, engadiu que “a promoción da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento é fundamental á hora de afondar nas características diferenciais das empresas familiares e a súa contribución ao progreso e prosperidade na nosa comunidade”. Finalmente, a que é xa a nova responsable da cátedra, Elena Rivo, agradeceu a confianza depositada polos socios para a renovación, que permitirá dar un novo impulso non só á docencia, investigación e transferencia vinculadas á empresa familiar, senón tamén xerar máis sinerxías co tecido empresarial galego”.
Deste xeito, a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo seguirá promovendo a visibilidade da empresa familiar na contorna académica, coa organización de actividades de formación, divulgación, transferencia e investigación, orientadas a fomentar o emprendemento entre o alumnado universitario.
Rede de Cátedras da Empresa Familiar en Galicia
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo forma parte dunha rede de cátedras na que tamén están inseridas as das universidades da Coruña e Santiago de Compostela, co apoio de AGEF, do Instituto da Empresa Familiar (IEF) e Inditex. A nivel estatal,
Na actualidade existen 38 cátedras de empresa familiar noutras tantas universidades públicas españolas, que desenvolven a súa actividade baixo a coordinación do IEF co obxectivo de promover a difusión, docencia e investigación da singularidade e retos das empresas familiares, atendendo á súa relevancia económica, vinculación e compromiso coa contorna.