DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse o día 14 en Ourense, o 15 en Pontevedra e o 16 en Vigo

A UVigo retoma as Xornadas de Portas Abertas en formato presencial

A actividade está especialmente dirixida ás familias e alumnado de bacharelato e ciclos formativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/06/2022

Tres anos despois volven á Universidade de Vigo as Xornadas de Portas Abertas en formato presencial, unha actividade coa que achegarse ao conxunto da sociedade pero pensada especialmente para as familias e o alumnado de bacharelato e dos ciclos formativos de grao superior que desexen coñecer en primeira persoa as infraestruturas e a oferta académica da institución. Serán en horario de mañá o martes 14 no campus de Ourense, o mércores 15 no de Pontevedra e o xoves 16 en Vigo e para participar non é preciso inscrición previa.

Con actividades diferentes en cada un dos campus, as persoas que ese día se acheguen a algunha das escolas ou facultades da UVigo poderán coñecer de primeira man as principais características da UVigo e toda a súa oferta educativa. “Esperamos que, despois de visitarnos e coñecer máis de preto a Universidade de Vigo, lles sexa máis fácil tomar unha decisión tan importante como elixir unha titulación na que poidan desenvolver as súas capacidades e habilidades”, explican desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

Dun simular de voo ao túnel de vento no campus de Ourense

As Xornadas de Portas Abertas arrancarán o martes 14 no campus de Ourense, onde cada un dos centros organizou diferentes actividades adaptadas á súa propia oferta formativa. Cada actividade terá unha duración máxima de 45 minutos, de maneira que o alumnado que visite varios centros dispoña de arredor de 15 minutos para chegar ao seguinte centro. O punto de inicio, ás 10.00 horas, será na Escola Superior de Enxeñaría Informática, onde a gran novidade é o novo Grao en Intelixencia Artificial. 

As mozas e mozos que se acheguen, ás 10.30 horas, á Facultade de Educación e Traballo Social poderán participar nunha xincana polas instalacións do centro, resolvendo probas e coñecendo, ao mesmo tempo, os diferentes espazos. Ás 11.00 horas a cita é na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo onde poderán ver dende un túnel de vento ata un simulador de voo ou un ultralixeiro. No caso da Facultade de Historia, ás 11.30 horas, organizaron para os seus visitantes un particular xogo de cartas a través co que achegarse á oferta formativa deste centro, mentres que na Facultade de Ciencias, ás 12.00 horas, haberá unha charla de benvida sobre os tres graos que se imparten na escola, unha visita a unha aula modelo e outra a un laboratorio de investigación e prácticas. 

En Ciencias Empresariais e Turismo, a visita será ás 12.30 horas e falaráselle, entre outras temáticas, dos diferentes programas conxuntos que ofrece a facultade (ADE-Dereito, ADE-Informática e Turismo-Historia). A continuación, ás 13.00 horas, será a visita guiada á Facultade de Dereito, onde, ás 13.30 h, terá lugar unha charla sobre o novo Grao en Relacións Internacionais, unha das principais novidades da oferta académica da UVigo para o vindeiro curso.

Cine, arte, drones... no campus de Pontevedra

No caso do campus de Pontevedra a estrutura das actividades é similar a de Ourense. O centro máis madrugador é Ciencias da Educación e do Deporte, onde xa teñen todo listo para unha visita guiada que arrancará ás 10.00 horas. En Fisioterapia, ás 10.30 horas, o obxectivo é dar visibilidade ao exercicio terapéutico para o tratamento e a prevención de patoloxías, mentres que na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación realizarase unha proxección de cine con curtas realizadas polo alumnado do centro.

A  partir das 11.45 horas haberá actividades na Escola de Enfermaría e as 12.00 horas en Dirección e Xestión Pública darán as claves para “hackear” o mundo global e facelo máis sostible. Na Escola de Enxeñaría Forestal, ás 12.30 horas, a visita ás  instalacións do centro virá acompañada con diferentes demostracións nos seus laboratorios (drones, taller de madeira...). A visita aos talleres e espazos da Facultade de Belas Artes será ás 13.00 horas.

Visitas guiadas organizadas por ámbitos no campus de Vigo

En Vigo, cun formato distinto, as Xornadas de Portas Abertas arrancarán ás 11.00 horas na sala 1 do edificio Miralles cunha charla xeral sobre preinscrición, matrícula e oferta formativa da Universidade de Vigo, así como con información sobre os diferentes servizos da institución e a súa oferta cultural e de extensión universitaria. Rematada esta charla, arredor das 11.45 horas, as persoas asistentes dividiranse en catro grupos, segundo o ámbito de coñecemento que máis lles interese: Arte e Humanidades, para os que desexen achegarse á Facultade de Filoloxía e Tradución; Ciencias,  para os que queiran coñecer Bioloxía, Ciencias do Mar e Química; Ciencias Xurídicas e Sociais, para os interesados en visitar Ciencias Económicas e Empresariais e  Ciencias Xurídicas e do Traballo, e Enxeñaría, para os que se decanten por Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación. As visitas aos centros comezarán ás 12.00 horas. Cada unha terá unha duración aproximada de 20 minutos, de cara a facilitar que os grupos de alumnado que teñan interese por coñecer varios centros do mesmo ámbito poidan facelo sen dificultade. 

No caso da Facultade de Comercio as mozas e mozos interesados en visitar este centro poderán facelo en horario de 10.00 a 14.00 horas achegándose simplemente á secretaria do centro e indicando que están a participar na Xornada de Portas Abertas 2022.