Implantando unha nova plataforma que facilita a conexión entre estudantes e tecido económico
A UVigo revoluciona o programa Colmea de ideas para converter os traballos de fin de estudos nunha ponte cara o mercado laboral
O alumnado realiza os seus TFG e TFM nunha contorna real e mellora a súa empregabilidade
O programa Colmea de ideas, que botou a andar hai preto de tres anos, naceu co propósito de converterse nunha correa de transmisión entre unha serie de desafíos reais propostos por empresas e a comunidade universitaria. A idea era que o estudantado se inspirarase nestes retos para elaborar os seus traballos fin de grao ou de mestrado. Así, guiados por un titor académico, poderían desenvolver posibles solucións ou melloras e achegar valor engadido ás empresas.
Agora, na cuarta edición de Colmea de ideas, o proxecto aposta por un cambio significativo e lanza unha plataforma que vai facilitar a conexión entre estudantes e empresas, creando unha contorna colaborativa onde ambas partes poden beneficiarse mutuamente. Esta ferramenta, desenvolvida en colaboración con U4IMPACT, permite axilizar o proceso e facilitar a interconexión entre as partes para transformar os traballos fin de grao e mestrado en proxectos prácticos que xeren un impacto tanxible na sociedade e contribúan aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
As novidades desta edición foron presentadas este mércores nun acto que tivo lugar do edificio Redeiras e no que participaron Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Blanca Travesí, cofundadora de U4IMPACT; Ana María Rey, responsable da área de Formación, Orientación e Emprego da CEP; David Martínez, tesoureiro da CEO e presidente da Asociación de Autónomos (AEPA) de Ourense; e Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo.
Unha nova plataforma que potencia Colmea de ideas
A vicerreitora Natalia Caparrini definiu Colmea de ideas como un programa de innovación aberta con múltiples beneficios para todas as partes implicadas. Por unha banda, “o alumnado pode aplicar dun xeito práctico os coñecementos adquiridos nas aulas resolvendo problemas reais plantexados polas empresas, que requiren de solucións innovadoras, creativas e que teñan un impacto na sociedade”. Pero ademais, o feito de desenvolver os proxectos nunha contorna real permítelles “coñecer de primeira man como funcionan as empresas e así mellorar a súa incorporación ao mercado laboral”. No que atinxe ás empresas, Caparrini recalcou que “todos somos conscientes” de que as compañías “precisan ideas innovadoras e pode ser unha boa solución que o alumnado da UVigo axuden a cubrir esas necesidades”. En definitiva, trátase de “reducir a fenda que existe entre as empresas e a Universidade e poñer en contacto o talento emerxente universitario co tecido empresarial”.
Precisamente, a idea de poñer en marcha a nova plataforma xurde, como explicaba Maruxa Álvarez, “á vista da complexidade que supuxo o proceso de facer ‘match’ entre as empresas e o alumnado” en anteriores edicións, nas que había máis retos que alumnado participante. “Con esta nova fermenta tratarase de facilitar e axilizar a participación estudantil de xeito que a nova Colmea de ideas sexa un movemento que revolucione a visión tradicional dos traballos de fin de estudo cara a unha forma nova de entrar ao mercado laboral e captar talento e achegar valor ás empresas”. Ademais, ao centrarse en problemas reais con impacto social, económico e ambiental, dende a UVigo agárdase que a plataforma atraia a un número crecente de participantes e amplíe a súa influencia en diferentes industrias e que se converta nun referente na conexión entre o ámbito académico e o empresarial.
A encargada de presentar os detalles da nova plataforma foi Blanca Travesí, cofundadora de U4IMPACT e incidiu en que permitirá “facer a selección dos retos e dos estudantes candidatos dun xeito máis áxil e modo que a conexión será máis sinxela entre as empresas rexistradas e o alumnado”.
Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, felicitou á Universidade por unha iniciativa que “pecha o círculo” no que se refire a “talento novo, formación e emprego”. Esta plataforma que ofrece Colmea de Ideas, destacaba, “permite facer realidade os proxectos que o alumnado universitario ten nas súas mentes” e incidiu na importancia de que Universidade e confederacións de empresarios colaboren nun “ecosistema de empredemento no que todos rememos no mesmo sentido”. Precisamente, os representantes da CEP e da CEO valoraron moi positivamente esta iniciativa que permitirá, como indicaban, aproveitar o potencial “do 85% dos TFG e TFM que non chegan a transferirse á realidade empresarial” e, ao tempo, “mellorar a empregabilidade do alumando”.
100 proxectos el tres anos
Dende a súa posta en marcha Colmea de ideas lanzou máis de 100 proxectos con empresas e organizacións como Zendal, Welgood, Gradiant, CTAG, Avigal ou Atendo. Estes proxectos permitiron a moitas e moitos estudantes traballar en proxectos significativos que, en ocasións, tamén lles supuxeron unha oferta laboral. Ademais, dende o seu inicio, o programa Colmea de Ideas colaborou ca empresa U4IMPACT, que tiña obxectivos comúns pero que operaba a nivel nacional e isto permitiu que o alumnado da UVigo puidese acceder a outros proxectos plantexados por entidades localizadas en calquera parte de España.
As novidades desta edición son posibles grazas ao apoio económico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e do Ministerio de Trabajo y Economía Social, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e en colaboración coas confederacións de empresarios de Pontevedra e Ourense, a Asociación de Xoves Emprendedores de Vigo, a Asociación Conxemar e outras agrupacións de profesionais da contorna da UVigo.