DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa: “Aínda que sexa en pandemia, vai a ser un curso bastante máis normal co anterior”

A UVigo roza a “presencialidade total” no inicio do novo curso

Salvo en materias nas que a capacidade dos espazos non o permita

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Académica
DUVI 06/09/2021

Logo dun curso no que a docencia presencial tivo que alternarse coas modalidades mixta e non presencial, este luns bota a andar un novo ano académico na UVigo que será eminentemente presencial. “É un curso ilusionante para todos, no que agardo que sigamos sendo todos moi coidadosos para que non se produza ningún gromo dentro da Universidade”, salientou o reitor Manuel Reigosa esta mesma mañá, ao que engadiu que “aínda que sexa en pandemia, vai a ser un curso bastante máis normal co anterior, xa que agás un par de titulacións que polas súas características específicas aínda van funcionar de xeito mixto, na inmensa maioría das titulacións o grao de presencialidade achegarase nesta ocasión ao 100%”.

Este é o modelo que a Reitoría da UVigo denominou “normalidade adaptada”, aprobado en Consello de Goberno o pasado mes de xullo, unha aposta coa que se busca que o sistema mixto ou non presencial quede reservado para situacións puntuais ou casos localizados de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria. “En certa maneira será de novo un curso atípico, porque seguimos con medidas de seguridade, xa que non imos relaxar este aspecto en ningún momento, pero que se afronta con moita máis tranquilidade grazas ao avance da vacinación”, recalcou o reitor, quen fixo fincapé en que a pesares de que toda a universidade española e, moi especialmente a galega, se adaptou a gran velocidade ás novas circunstancias que esixía a pandemia, “todos estabamos a desexar o regreso ás aulas de xeito totalmente presencial”. Así, as únicas excepcións á presencialidade total son grupos grandes de materias obrigatorias e básicas dos graos na Facultade de Educación e Traballo Social; nos grupos teóricos dos graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e nos grupos teóricos de 2º e 4º curso do grao da Facultade de Química, así como no Mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.

As medidas anti-covid que se adoptan nos tres campus atenden ás limitacións fixadas pola Xunta de Galicia, e ás normas sanitarias, establecéndose ocupacións do 50% para bancadas fixas e 1,2 metros para mobiliario non fixo. “Pola nosa banda sempre estamos atentos ao que nos van indicando as autoridades sanitarias e este curso a novidade é que imos ter un aforo menos limitado, o que permite que asista máis xente ás clases”, explicou Reigosa, quen tamén fixo fincapé en que desde a UVigo se seguirán mantendo as probas PCR realizadas mediante pooling por saliva, os códigos QR nas aulas, os procedementos de seguimento dos contaxios que se vaian notificando... “Este ano as condicións son mellores, pero quero insistir en que non imos relaxar en ningún momento as condicións de seguridade e manteremos en todo intre a vixilancia para que ninguén se contaxie nas aulas universitarias”, insistiu o máximo responsable da institución académica.

Boas expectativas de matriculación

Respecto ás cifras de matriculación que se están a rexistrar este curso, sen ben se trata de datos que aínda non están pechados –quedan pendentes varios prazos de matrícula- o reitor amosouse “moi satisfeito” cos resultados acadados. “De novo imos superar o 100% das prazas, é dicir, entraron en primeiro máis estudantes que prazas puxemos en marcha”, recalcou o reitor, quen relacionou estes bos datos con dous feitos: “dunha banda, os datos demostran que as cousas na Universidade se fixeron ben e, polo tanto, o alumnado sabe que vai a poder confiar na institución e, pola outra, tal e como xa consideramos o curso pasado, parecen indicar que estudantes que noutras  circunstancias marcharían a outras latitudes prefiran quedar en Galicia ante o temor a novas restricións”.

Tres novas titulacións 

Neste curso 2021-2022 a Universidade estrea tres novas titulacións. No que se refire aos grao, a Facultade de Filoloxía e Tradución arrancou hoxe a docencia do novo grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, FAGE, que conta con dúas especialidades: galego e español e 50 prazas. Coa implantación deste grao iníciase o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios que se cursaba ata agora na FFT. Ao novo grao súmanse, o máster en Sistemas Aéreos non Tripulados, conxunto coa USC, e que inicia o proceso de extinción do mestrado universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, conxunto coa USC, UDC e as universidades portuguesas de Porto, Tras-Os- Montes e Alto Douro e Minho.

Benvida ao alumnado no campus de Vigo

Neste primeiro día lectivo, a gran maioría dos centros optou por organizar sesións de benvida, sobre todo para o alumnado de novo ingreso. A Facultade de Filoloxía e Tradución foi un deles, cun acto para cada unha das súas titulacións, incluída a que arranca este ano: Filoloxía Aplicada Galega e Española, que é a principal novidade académica da UVigo. O decano, José Montero, foi o encargado de darlle a benvida a todos os grupos satisfeito de poder volver á normalidade, aínda que con distancia e máscara, pero “comezando co curso como o facíamos hai uns anos, interactuando entre todos”. Especial foi o recibimento ao alumnado do novo grao, unha titulación “cunha vertente moi práctica” que, segundo Montero, lles “abrirá expectativas impensables”.

Tamén a EE de Telecomunicación celebrou un acto de benvida este luns para o seu alumnado de novo ingreso. Fíxoo no exterior da escola e nel a directora, Rebeca Díaz, estivo acompañada por parte do equipo directivo, representantes do alumnado e persoal do Centro de Linguas. Entre todos faláronlles da importancia da plataforma educativa Moovi, de manter os seus correos electrónicos actualizados, de como se organizan as clases, tanto nos aularios como nos laboratorios, das diferentes opcións da formación en linguas, das diferentes asociacións estudantís con sede na escola...

Ao longo da xornada, tamén a EE Industrial, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias do Mar e a Enfermaría do Meixoeiro acolleron actos de recepción do alumnado. A pasada semana tiveron lugar os de Ciencias Económicas e Empresariais e Química. Nos próximos días terán lugar os de Bioloxía, EE de Minas e Enerxía e a EU de Estudos Empresariais. 

Arranque con Ilusión e ganas no campus de Ourense

No campus de Ourense, este luns deron a benvida ao seu alumnado de novo ingreso as facultades de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Ciencias e Educación e Traballo Social, dando continuidade así aos actos de acollida celebrados o pasado venres por Enxeñaría Informática, Historia e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. No seu primeiro contacto coa Universidade, as e os novos estudantes do campus puideron coñecer os centros no que desenvolverán a súa vida universitaria, as características dos seus graos e da docencia que recibirán e os servizos dispoñibles na UVigo, ademais de coñecer a profesorado e compañeiros e compañeiras da súa nova etapa académica. “Empezamos o novo curso con moitas ganas, con moita ilusión e con tranquilidade, confiando en que este ano se poida desenvolver de xeito presencial e coa maior normalidade posible ata o seu remate”, destacou Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, do arranque académico. A responsable institucional salientou que unha vez máis “a matrícula no campus goza de moi boa saúde” e desexou a toda a comunidade universitaria un frutífero curso 2021/2022.

Pontevedra dá a benvida ao novo alumnado

Con verbas de ánimo e información tanto de como será a súa vida académica como das opcións que a Universidade pon ao seu dispor fóra das aulas, o estudantado de novo ingreso participou este luns nos actos de acollida das diferentes facultades e escolas do campus, que se sumaron ao organizado por Belas Artes o pasado xoves. “Poremos todos os medios para que saiades aquí como os mellores profesionais posibles e como cidadáns e cidadás capaces de mellorar a sociedade”, trasladoulles o vicerreitor Jorge Soto, que participou nos actos de Ciencias da Educación e do Deporte e Dirección e Xestión Pública. Ademais de incidir na “fantástica acollida” que a oferta formativa do campus está a recibir en termos de matrícula, o vicerreitor puxo en valor o “compromiso” dun campus “moi activo, sostible e verde”, recoñecido coa bandeira verde do programa Green Campus. Un campus, lembrou, que este curso sumará ás actuais instalacións as plantas das que disporá no edificio administrativo de Benito Corbal e a nova sala neuromusculación de Ciencias da Educación e do Deporte, que “atópase xa en fase de licitación”. 

Matrícula aberta

Co curso arrancando dende hoxe, aínda quedan por diante prazos de matrícula para todos os niveis formativos da UVigo. No que se refire ao alumnado de novo ingreso en grao, está aberta a convocatoria extraordinaria ata o día 30 para as titulacións con prazas vacantes. Tamén está aberto ata o día 15 deste mes o prazo de matrícula para a continuación de estudos de grao, así como dous prazos de matrícula para os mestrados. No que se refire ao doutoramento, do 1 ao 9 de setembro está aberto o prazo de preinscrición en todos os programas. A matrícula abrirase en dous prazos, un en outubro e outro en febreiro. Para continuación de estudos de doutoramento o prazo de matrícula está aberto ata o 10 de outubro.