Segundo THE World University Rankings by Subject 2025
A UVigo sitúase entre as 400 mellores do mundo en catro eidos relacionados coas Ciencias da Vida e o Dereito
En concreto son Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte, Bioloxía e Dereito
O THE World University Rankings by Subject 2025 sitúa a Universidade de Vigo entre as 400 mellores do mundo en catro eidos do coñecemento. Nesta clasificación, que analiza o potencial académico e investigador de institucións de todo o mundo, a UVigo destaca na franxa 301-400 entre tres materias relacionadas coas ciencias da vida (Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte e Ciencias Biolóxicas) e no campo do Dereito, onde está tamén na franxa 300+.
O ránking avalía universidades de todo o planeta e comprende 11 áreas do coñecemento e, dentro delas, varias materias. Para a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “en termos xerais, os resultados son moi semellantes aos da edición anterior e constatan que a UVigo reborda saúde na investigación e amosa un crecemento en moitos dos ámbitos nos que xa era forte”. Neste sentido, destaca que “unha parte deste crecemento está claramente relacionada coa política de centros e institutos, derivada das convocatorias da Xunta de Galicia ás que nos soubemos adaptar e encaixar estupendamente. Espero que pronto o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) poidan acceder á convocatoria da Xunta e iniciarse como centros colaborativos, e que Cintecx e Ecobas na vindeira convocatoria acaden o recoñecemento como centros CIGUS”. Ademais, a vicerreitora agarda que “dos tres centros Cigus que xa temos (atlanTTic, CINBIO e CIM), polo menos algún acade o nivel María de Maetzu na convocatoria de este ano”.
Ciencias da vida e dereito, os mellores resultados
As Ciencias da Vida son o eido do coñecemento no que máis destaca a Universidade de Vigo, mellorando ademais a posición da edición de 2024 e escalando á franxa 301-400. Nesta sección avalíanse catro materias e, coa excepción das ciencias veterinarias, en cuxa análise non aparece a UVigo, nas outras tres (Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte e Ciencias Biolóxicas) a institución olívica ascende ata situarse entre as 301 e 400 mellores do mundo.
Segundo a vicerreitora, estes resultados “no que se refire ás Ciencias Biolóxicas, encaixan tanto en liñas de investigación do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, como do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo e, polo tanto, seguen a reflexar o traballo dos nosos centros de excelencia considerados como centros CIGUS pola Xunta de Galicia”. Sobre os resultados obtidos nas Ciencias Agrícolas e Forestais, Rubio lembra que “xa tiñamos clara a súa fortaleza a partir do ránking ARWU, e tamén a mellora no último ano do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación no marco do Campus da Auga en Ourense”. No caso das Ciencias do Deporte, engade, “a súa fortaleza é algo que salientamos no derradeiro Consello de Campus de Pontevedra, e estes resultados do ránkíng veñen a confirmalo, motivo polo cal o reitor anunciou a futura creación dun instituto baseado no Deporte e as Ciencias da Saúde, que seguramente potenciará aínda máis este ámbito e axudará a fornecer o campus de Pontevedra”.
Outra das fortalezas da UVigo neste THE World University Rankings by Subject 2025 é o eido do dereito, no que se sitúa no posto 300+, un resultado que, segundo a vicerreitora, “pode estar vinculado ao despunte do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) na Universidade de Vigo”.
Estabilidade e consolidación nos outros eidos
A vicerreitora de Investigación tamén destaca a boa posición acadada en Ciencias Sociais, ocupando o posto 501-600 nos campos de Socioloxía, Política e Estudos Internacionais, Xeografía e Comunicación e Medios.
Noutros eidos a UVigo mantén a mesma posición que na edición do ano pasado, como é o caso de Artes e Humanidades (501-600), que comprende eidos como Lingua, Literatura e Lingüística; Historia, Filosofía e Teoloxía, Arqueoloxía e Arte e Deseño. Tamén se mantén a mesma posición en Economía e Empresa (601-800), Educación (501-600), Enxeñaría (601-800) e Ciencias Físicas (601-800). A vicerreitora salienta o papel dos centros colaborativos que manteñen o nivel en Enxeñaría como é o caso do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais) e en Economía e Empresa no caso de Ecobas, (Economics and Business Administration for Society)”.
Tan só se rexistra un pequeno descenso no eido das Ciencias Informáticas “pasando da franxa 601-800 á 801-1000”.
EEUU á cabeza en 9 dos 11 eidos do coñecemento
A metodoloxía do Times Higher Education World University Rankings by Subject 2025 está deseñada para avaliar universidades en 11 áreas temáticas empregando unha versión refinada da metodoloxía xeral do World University Rankings 2025. Desprega a mesma gama de 18 indicadores de rendemento clasificados en cinco piares básicos como son a ensinanza, a contorna de investigación, a calidade da investigación, a transferencia e as perspectivas internacionais.
Atendendo a estes criterios, na clasificación xeral, as institucións de Estados Unidos lideran 9 dos 11 eidos, mentres que os outros dous son para universidades de Reino Unido. Así, o Massachusetts Institute of Technology encabeza o ránking en Artes e Humanidades, Economía e empresa e Ciencias Sociais mentres que Stanford é a mellor clasificada en Educación, Dereito e Psicoloxía. Outra estadounidense, Harvard, ocupa o primeiro lugar en Enxeñaría e en Ciencias da Vida, mentres que California Institute of Technology lidera a táboa en Ciencias Físicas. Completa a clasificación a británica Universidade de Oxford, que é a mellor do mundo en Ciencias Informáticas e en Medicina e Saúde.