DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes dos estudantes reuníronse co delegado do consorcio 

UVigo SpaceLab suma o apoio de Zona Franca ao proxecto BIXO  

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 19/05/2021

A falta de concretar a fórmula a través da que se materializará, Zona Franca dará o seu apoio ao alumnado das escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo que conforman UVigo SpaceLab, que desde hai meses traballa no proxecto BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment), unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial. O delegado do Estado, David Regades, comprometeu, nunha reunión mantida co docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Fernando Aguado e cos estudantes Manuel Diz e Alejandro Camanzo, o apoio do consorcio á asociación para que se poida lanzar o nanosatélite que analizará o comportamento de microorganismos no espazo. Regados amosou o seu apoio a un proxecto innovador “cuns promotores tan dinámicos que permite colocar a Vigo á vangarda dos nanosatélites, ademais de permitir que o talento que se forma nas enxeñarías da Universidade de Vigo quede na casa”.

BIXO ten un horizonte temporal de tres anos e pretende entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles. Para cumprir este obxectivo, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat, un satélite de pequenas dimensións. A análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita e, grazas aos seus sensores, terá en consideración distintos parámetros do comportamento dos microorganismos, como o seu crecemento ou a posible comunicación intercelular bacteriana. 

Un proceso que se prolongará ata 2023 

O calendario de traballo do proxecto BIXO conta con varias etapas, fixadas en base aos estándares ECSS, European Cooperation for Space Standardization, da Axencia Espacial Europea. Despois de acadar o primeiro punto do seu programa, o plan para este 2021 é completar as fases A e B, que supoñen o deseño preliminar e o prototipo da estrutura e os distintos subsistemas. En 2022, a asociación centrarase nos pasos C e D, comezando coa ensamblaxe e verificación da misión. Paralelamente, UVigo SpaceLab executará probas preliminares cos organismos que serán enviados no CubeSat, para asegurar que poderán sobrevivir á viaxe. 

Na última etapa, non antes de 2023, lanzarase o CubeSat a súa órbita obxectivo. O experimento prolongarase entón nove meses, que é o tempo que duraría unha viaxe entre a Terra e Marte na actualidade, como explican os estudantes. Nese tempo, as investigadoras e investigadores descubrirán as diferenzas entre os procesos ocorridos no espazo e os que suceden no contexto terrestre e poderán demostrar que o envío de microorganismos en viaxes longas é viable para a consecución doutros fines.