DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadados polas irmás e alumnas do campus pontevedrés Noelia e Andrea Ínsua

A UVigo suma dous ouros no Campionato de España Universitario de Judo

Xunto coa medalla de bronce lograda por Anxo Fernández

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 18/10/2021

Despois do parón ao que obrigou a covid-19, nestas semanas retómanse os Campionatos de España Universitarios, nunha versión reducida en canto a número de modalidades deportivas e na que o equipo de judo da Universidade de Vigo acadou este domingo un “rotundo éxito”, como destacan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte. Non en van, dúas das integrantes do equipo vigués, as irmás e alumnas do campus de Pontevedra Andrea e Noelia Ínsua proclamáronse campioas de España nas súas respectivas categorías, as de -52 e -70 quilos, respectivamente. Éxitos aos que se sumou a medalla de bronce acadada polo tamén alumno do campus Anxo Fernández na competición masculina de -90 quilos.

Como sinala o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Alexandre Sanjorge, “ás previsións" coas que o equipo vigués, dirixido polo adestrador nacional e fisioterapeuta titulado pola UVigo Álvaro Muzas, acudía ao torneo organizado pola Universidad Politécnica de Madrid "eran boas” xa de inicio. Mais este domingo víronse superadas polos resultados finais, ao lograr un sitio no podio os tres representantes cos que a UVigo concorría á competición que tivo como sede o Complexo Deportivo da Federación Madrileña de Judo en Villaviciosa de Odón, onde reuníronse 152 judokas.

Dúas irmás no alto do podio

Nove judokas participaron este domingo na competición feminina de -70 quilos, na que o ouro foi para a estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Noelía Ínsua, que derrotou na final a María Cabas, da Universidad Católica San Antonio de Murcia, acadando o ouro na súa primeira participación nun Campionato de España Universitario, éxito que suma ás preto de 20 medallas que esta alumna do grao en Comunicación Audiovisual acumula ao longo da súa traxectoria. Por outra banda, representantes de oito universidades tomaron parte na competición de -52 quilos, na que o o ouro foi para Andrea Ínsua, alumna da Facultade de Fisioterapia, que, tras a suspensión do campionato de 2020, participaba tamén por primeira vez neste torneo universitario. Ao igual que a súa irmá, esta deportista estreouse tamén cunha medalla de ouro, tras derrotar na final a Paula Beorlegui, da Universidad Pública de Navarra, éxito que suma a serie de éxitos previos como o bronce que conseguía o pasado ano no Campionato de España sub21.

Por outra banda, o estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Anxo Fernández Moscoso logrou, na competición de -90 masculina, facerse un oco nas semifinais, onde un “pequeno erro” no seu enfrontamento co que sería o gañador, Lucas Monreal, da Universidad Pública de Navarra, apartouno de loitar polo ouro. Fóra da final, Fernández Moscoso foi quen de alzarse coa medalla de bronce, que se suma á que xa conseguira no torneo universitario de 2019, neste caso na modalide de -100 quilos.

Ademais de estudantes do campus pontevedrés, tanto Fernández como as marinenses Andrea e Noelia Ínsua adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ás ordes de Marcial Romero. "Que os tres, que adestramos xuntos, conseguísemos medallas foi algo que nos fixo moita ilusión", recoñece Andrea Ínsua, que lembra que tanto ela como Fernández foran seleccionados para participar no CEU o pasado ano, suspendido pola pandemia. "A verdade é que nos alegrou bastante que se fixese equipo, que tivesen a confianza de levarnos e poder representar á Universidade", engade esta judoka, que sinala que, pese a ausencia de varias universidades no torneo, "había competidoras de moi bo nivel". Andrea salienta así mesmo a ilusión que supuxo "conseguir a medalla xunto coa miña irmá", en dúas finais "que ademais foron seguidas", ilusión na que incide tamén Noelia Ínsua. "Este oro é o primeiro que consigo nun Campionato de España e mentiría se dixera que non levo tempo esperándoo", recoñece esta alumna, que lembra as diferentes finais perdidas. Respecto ao CEU, Noelia recoñece que "saíume todo o ben que podía saír", tendo en conta ademais que ao torneo concorreron judokas sénior "que levan toda a vida en pódiums absolutos".

Tras este “enorme éxito”, desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte agradecen a implicación “dende hai meses” da Federación Galega de Judo nos preparativos deste Campionato de España Universitario, xa que “preparou os adestramentos dos deportistas e puxo á nosa disposición a un adestrador da categoría de Alvaro Muzas”.

Retornan os CEU

Despois de que a pandemia obrigase a suspendelos en 2020 e adiar ata estas semanas a presente edición, inicialmente prevista para ao último treito do pasado curso, os Campionatos de España Universitarios (CEU) estanse a desenvolver nestas semanas nunha versión reducida, limitada ás modalidades deportivas de hípica, esgrima, fútbol, tenis, triatlón, fútbol sala, pádel, balomán e voleibol, ademais de judo. A competición desta última disciplina foi a primeira das celebradas ata a data que contou coa participación da UVigo, única universidade galega que estará presente nestes CEU, nos que a institución viguesa tamén estará presente, en novembro, co equipo feminino de balonmán.