DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega

UVigo e USC buscan mellorar a atención ás vítimas de violencia machista no Ecuador

Pondo foco nos “elementos vitimizadores” no ámbito xudicial

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 26/01/2022

Deseñar accións que contribúan á mellora da atención ás vítimas de violencia machista e dos seus fillos e fillas no Ecuador. Este é o obxectivo central do proxecto Desarrollo y bienestar de las mujeres víctimas de violencia de género desde la Justicia Terapéutica (DesvictimdesdeJT), que o grupo de investigación PS-1 da Universidade de Vigo e a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolven co financiamento da Xunta de Galicia. Seleccionado na convocatoria de proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, de Cooperación Galega, céntrase na análise dos “elementos vitimizadores” nos procesos de atención ás vítimas no ámbito xudicial. Concretamente, avaliarase a percepción que estas teñen de aspectos como a formación do persoal que as atende, “as condicións da toma de declaración, as medidas adoptadas, a duración do proceso, as condicións asociadas ao desenvolvemento do xuízo” ou os espazos físicos nos que se desenvolve o proceso, co propósito de “identificar posibles elementos vitimizadores e boas prácticas no contexto xudicial” ecuatoriano, como explica a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da UVigo e coordinadora do grupo PS-1, Francisca Fariña.

Coa UVigo e a USC á fronte do equipo científico técnico, no proxecto participan tamén investigadores das universidades de La Laguna, Granada e Otavalo, á vez que conta cun “equipo de transferencia de coñecemento” no Ecuador, integrado polo Consejo de la Judicatura da provincia de Azuay e o seu departamento xurídico, as universidades de Cuenca e Otavalo e a Fundación María Amor. “Ademais, distintas entidades, asociacións, organizacións e administracións ecuatorianas avalaron o proxecto, para contribuír á sostibilidade e replicabilidade dos resultados obtidos”, sinala Fariña, que incide na “alta prevalencia” que a violencia contra as mulleres ten no país americano. 

Actuar fronte á “vitimización secundaria” 

“A violencia de xénero comporta graves consecuencias a nivel físico e psicoemocional, afectando ás capacidades” das vítimas “en todos os ámbitos da súa vida”; consecuencias que, como explica Fariña, insírense no que se coñece como “vitimización primaria”. Neste senso, o proxecto busca ir máis aló e pór o foco no “efecto que poder ter non só o delito, senón a resposta da contorna”, centrándose na chamada “vitimización secundaria”. A este respecto, a catedrática incide en como os procedementos legais “non sempre se orientan adecuadamente” ao obxectivo de que as vítimas poidan “recuperar a súa vida como persoas libres de violencia”, o que en ocasións provoca que queden “atrapadas no rol de vítimas”. Do mesmo xeito, Fariña sinala que, pese a que se lles dea voz nos procesos xudiciais, “aínda se lles cousifica en moitos sentidos e se lles trata como proba ou como meras informantes, non como unha persoa única que debe ser escoitada”. 

Ante esta problemática, DesvictimdesdeJT toma como punto de partida o paradigma da xustiza terapéutica, que busca que tanto a lexislación e os procedementos legais como a súa aplicación estean orientados a acadar o maior benestar posible nas persoas que acoden ao sistema legal. Nese senso, un dos obxectivos é “coñecer e cuantificar os efectos terapéuticos da actuación do sistema xudicial no benestar” das vítimas e dos seus fillos e fillas, co propósito de minimizar ou eliminar eses posibles “elementos vitimizadores” e contribuír a que as e os profesionais poidan converterse en “axentes terapéuticos, orientando a súa intervención cara un enfoque de dereitos e humanizando a súa actuación”.

De Canarias a Ecuador

No marco deste proxecto, a Facultade de Psicoloxía da USC acolleu en novembro unha xornada dirixida a que investigadores e profesionais españois e ecuatorianos abordasen a experiencia e resultados dun “proxecto pioneiro” neste eido, desenvolvido polo Instituto Canario de Igualdad, co financiamento do Pacto de Estado contra la Violencia de Género e a participación das universidades de Vigo, Santiago e La Laguna, xunto coas ONG Mundo Nuevo e Cruz Roja. Esta xornada contou coas intervencións telemáticas do presidente da Corte Nacional de Justicia da República do Ecuador, Iván Patricio Saquicela, así como da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo, María Isabel Doval; da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo, e Do xuíz da Corte Provincial de Justicia del Azuay-Cuenca, Mateo Ríos Cordero. O encontro permitiu “avanzar na adaptación do cuestionario de medida de implantación da xustiza terapéutica” ao contexto ecuatoriano, así como consensuar “boas prácticas a ter en conta na adaptación” a este país dun proxecto que deu lugar á publicación de guías de xustiza terapéutica en español e inglés.

Elaboración dunha guía e congreso na UVigo

A “seguinte acción inmediata” deste proxecto será a “aplicación piloto” deste modelo de entrevistas no Ecuador, co propósito de “estimar o funcionamento da adaptación do cuestionario” na avaliación do “nivel de implantación da xustiza terapéutica no sistema” xudicial ecuatoriano, explica Fariña. Tamén está prevista a elaboración dunha guía que contribúa á mellora da atención dos operadores xurídicos que traballan coas vítimas e os seus fillos e fillas, á vez que á sensibilización da cidadanía. “Ademais, están previstas distintas accións de transferencia e de difusión dos resultados e da súa aplicación”, engade a responsable do grupo PS-1, que explica que tanto o Consejo de la Judicatura como as universidades ecuatorianas participantes levarán a cabo iniciativas formativas. Por outra banda, a Universidade de Vigo será en novembro a sede do congreso internacional que porá peche ao proxecto.

Alén da cooperación co Ecuador, os responsables desta iniciativa buscan tamén que sirva para “crear sinerxías con outros países de América Latina, posicionando a Galicia como un referente na implantación do paradigma da xustiza terapéutica para a mellora do benestar das mulleres vítimas de violencia de xénero”, como sinala Fariña, que apunta o obxectivo de impulsar unha “rede de investigación-acción en xustiza terapéutica e violencia de xénero en Iberoamérica”.