DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola SGHN en colaboración coa UVigo celebraranse en modalidade virtual o sábado 27

As V Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade centraranse nas ameazas aos ecosistemas

Con relatorios sobre especies en perigo e especies invasoras, excesos de urbanización ou pandemias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 22/11/2021

Son moitas as ameazas ás que se enfrontan os ecosistemas galegos, que teñen que sobrepoñerse aos excesos de urbanización, resistir ás especies invasoras e adaptarse a escenarios cambiantes que, cada vez máis, estarán marcados polo cambio climático. Para analizar algunhas destas ameazas, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) organiza, en colaboración coa Universidade de Vigo, as V Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, unha cita ineludible coa divulgación científica que se celebrará en formato virtual a través de YouTube o vindeiro sábado 27 de novembro a partir das 09.45h da mañá.

Este luns, a Escola de Enxeñaría Forestal do campus acolleu a presentación do programa, nun acto no que participaron Juan Picos, director da escola; Saleta González Pimentel, responsable da sección de Botánica da SGHN e Iago Sanmartín, integrante do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) da Universidade de Vigo, que será un dos relatores da xornada. O programa comprende sete relatorios, en horario de mañá e tarde, nos que se analizarán, entre outros temas, a relación entre a perda da biodiversidade e as pandemias; a vida da aves nas cidades; a catalogación da camariña como especie vulnerable; a protección do lobo; a gaivota patiamarela; a introdución da formiga arxentina en Galicia ou o retroceso dos bosques mariños. Por mor da situación sanitaria derivada da pandemia, e do mesmo xeito que no pasado ano, o formato será integramente dixital, polo que esta nova edición das xornadas poderase seguir a través da canle de Youtube da SGHN.

No acto de presentación, Saleta González Pimentel agradeceu o traballo de todas as persoas voluntarias implicadas nesta iniciativa e o apoio das entidades colaboradoras, como a propia UVigo, a Deputación de Pontevedra, o Espazo Arroelo e o Concello. En representación da Universidade, Juan Picos destacou que para a Escola de Enxeñaría Forestal é unha proposta moi interesante, porque, por unha banda, “supón un complemento e unha oportunidade para o noso estudantado, que pode presenciar e participar en conferencias de moi alto nivel en aspectos que teñen que ver coa ecoloxía e a biodiversidade”. Por outra banda, a xornada tamén representa unha fiestra a través da cal divulgar o traballo que realizan os investigadores da escola, como por exemplo Iago Sanmartín, algo que “para nós sempre é unha honra”. Picos tamén recalcou que o evento serve para estreitar lazos entre diferentes “entidades salientables” relacionadas co medio ambiente, “algo que está contemplado dentro das actividades do Green Campus”, de cuxo comité ambiental forma parte a SGHN. Pola súa banda, o investigador Iago Sanmartín, agradeceu a oportunidade de poder participar nas xornadas “e presentar os nosos resultados” e puxo en valor a importancia deste tipo de eventos para fomentar a divulgación científica. 

Crónica dunha morte anunciada 

Na presentación do programa das xornadas, a representante da SGHN destacou que esta quinta edición conta “cunha selección interesantísima de investigadores e unha ampla variedade de temas”. O eixo común do programa, como indicaba o investigador Iago Sanmartín é “a crónica dunha morte anunciada”, en referencia aos moitos problemas aos que se enfrontan os ecosistemas para manter a súa biodiversidade. Dende unha urbanización excesiva ata as especies invasoras ou a falta de protección das autóctonas, “toda unha especie de cataclismo”. Por exemplo, a súa intervención céntrase na formiga arxentina, especie que leva case 100 anos na península ibérica. “Non é tan mediática coma a avespa asiática, pero si xera moitos problemas coas abellas do mel, ás que lles pode transmitir cinco virus”. Polo tanto pode xerar, como remarca Sanmartín, “grandes perdas económicas e ecolóxicas”. 

A xornada arrancará cun acto de apertura da man de Juan Picos e de Serafín González Prieto, presidente da SGHN. O primeiro relator será Fernando Valladares, investigador do CSIC, que a partir das 10.00 afondará na relación entre a perda da biodiversidade e as pandemias. Ás 10.50 horas será a queda de Laura Iglesias, coordinadora do proxecto Cirrios da SGHN, cunha intervención centrada nas aves e a súa relación coas cidades. Ás 11.40 h o propio presidente da SGHN presentará un relatorio centrado na controversia sobre a catalogación da camariña como especie vulnerable, algo no que a SGHN leva anos intentando, “sen moito éxito”, recoñece Saleta González. A xornada da mañá rematará co relatorio sobre os lobos no sur de Galicia, da man de Santiago Bas, presidente da Asociación Lobo, que presentará os resultados dos últimos censos que acaba de facer na provincia.

Xa pola tarde, o programa arrancará ás 16.00 horas cunha conferencia sobre a gaivota patiamarela (Larus michahellis) en Galicia, unha especie á que “aínda hai xente que considera unha praga, cando os datos din o contrario”, recalca a representante da SGHN. O encargado de abordar este tema será Álvaro Barros, investigador do Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo. Tras el, ás 16.50 h intervirá Cristina Piñeiro, do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña para falar sobre os bosques mariños como un exemplo de paisaxe en regresión. A partir das 17.40 h. Iago Sanmartín será o encargado de pechar a xornada co seu relatorio sobre a formiga arxentina.

A inscrición nas xornadas xa está aberta, e pode facerse a través dun formulario electrónico a disposición das interesadas e interesados no seguinte enderezo web: https://forms.gle/iDc2eR8wKoA5JCv7